Charlas no Pensatorio

Na Biblioteca Os Rosales (A Coruña)

Conferencia de Carlos Lema

O próximo xoves, día 15 de novembro, ás 19 horas, comeza o ciclo Charlas no Pensatorio, organizado pola Biblioteca Municipal Os Rosales, da Coruña, en colaboración coa Fundación Euseino?. Como parte das actividades do café filosófico O Pensatorio, o filósofo, poeta e editor Carlos Lema vai falar de:

Cidadán e artista: as consecuencias ontolóxicas dunha reificación

“O asunto central desta charla, na que se vencellan filosofía e estética, é realizar unha defensa da igualdade ontolóxica a través da idea de que, na Idade Moderna, a arte é para todos. Os conceptos chave serían as nocións de arte e liberdade, a de cidadán común como artista (por exemplo, o caso do escritor Karl Ove Knausgaard e a súa sextaloxía “A miña loita”) e as de cousa e suxeito cousificado (autopoiese).”

O autor da Música das esferas, expoñerá as ideas centrais do que vai ser o seu próximo libro “A monstruosidade moderna”.

Máis información na páxina web da Biblioteca Os Rosales.

 

“Homenaxe a Delacroix” (1864), por Henri Fantin-Latour. Sentados: Louis Edmond Duranty, Henri Fantin-Latour, Jules Champfleury e Charles Baudelaire. De pé : Louis Cordier, Alphonse Legros, James Whistler, Édouard Manet, Félix Bracquemond e Albert de Balleroy. No centro, un autorretrato de Eugène Delacroix.

 

O ciclo continuará o día 20 de decembro cunha charla de Inma Otero Varela, que vai falar de “A emerxencia do real fronte ao texto”.

 

A cousa e a alma: sobre “Orfeo canta”, de Roberto Abuín

Os nosos colegas de Axóuxere acaban de publicar Orfeo canta. Iniciación, signo & retorno, o esperado libro de Roberto Abuín. O autor de “Ogham, ou arredor da escrita” continúa con este ensaio a súa pescuda filosófica, situada entre a poesía, a narrativa e a filosofía. Unha senda pouco habitual na escritura contemporánea. No artigo que incluímos a seguir, Carlos Lema fai unha análise interpretativa do libro tendo en conta tres parámetros: a idea de obra como inscrición na materia, o pensamento como autopoiese e a representación como posibilidade que xorde da continxencia.

♦

“A cousa e a alma”, por Carlos Lema

Orfeo canta trata de como aprender. De como aprender a falar da cousa, do que existe; de como relacionarse co mundo ou, o que é o mesmo, de aprender a falar da representación.

Falar da cousa (a obra)

Desde o título, esta obra sitúase no canto, nesa posición á que recorre o eu cando non pode dicir o que, falando, querería dicir. Trátase, logo, dunha excepción, a de quen se sitúa, ou pretende situarse, fóra das determinacións. No caso literario, fóra das determinacións de xénero.

Por iso nos temos que referir aquí ás Letras, á filosofía coma a unha literatura dos conceptos. Se todo concepto é representación dunha representación, a literatura de Abuín é a representación dunha alma, a prosopografía dunha psykhé.

Poderíase dicir que o libro é un exilio da alma do autor porque a alma non é quen de recoñecer a súa linguaxe. É o libro o que fala. Coma lle acontece ao protagonista das Palabras, de Sartre, as frases chegan a asustar, son auténticos milpés dos que saen letras e sílabas a golforón, vermes que se estiran nos diptongos e se enredan a si mesmos en meandros que se suceden sen preocuparse de quen le. Desaparecen antes de que ninguén as poida comprender, cunha rara nobreza continúan a rolar cara ao seu final sen que a pausa, a puntuación nin o seu efecto asegure que o discurso estea destinado a alguén.

O libro de Abuín arruína o tempo de quen le. Ese tempo sen devir da imaxe ruinosa que, no remate da obra, fai aparecer o ancestral como presenza constante da inscrición na materia, a pedra como alma. O patetismo desas ruínas ilumina como representación que é: unha ruína válida porque esperta a atención dos demais. O lector, máis que ler, padece a orde procesual do autor, que o obriga a pensar o que el pensou antes. Efectivamente, a escritura aquí é pensamento, tanto durante o proceso de redacción coma na súa reificación: inscrición no lector e materialización da representación, códice-código, palimpsesto, opus.

A formación da páxina é revirada, o autor amosa aversión polo resumo porque a argumentación é transubstansación: da mente ao papel. As ideas déitanse na páxina e cómpre que a lectora as recolla. Quen le ten que ser paciente porque padece o contacto co pensamento alleo. Ese pensamento reifícase no escrito. O pensamento é unha cousa que se resiste a ser asimilada por outra cousa. A inscrición consiste en pasar de cousa a obxecto e equivale a estar dentro doutra cousa, ese “Entoar a sonora formación dos adentros” que transforma o aire da inspiración na forma do son. Unha mente dentro doutra mente, iso pode ser a lectura.

Porque a representación de Orfeo é reificación, non vai en busca da verdade nin ten saudade dunha esencia. Os catro lindes nos que se organiza o libro de Abuín non son limiares que nos abran a algo ausente, que nos leven perante unha presenza perdida xacando, senón os contornos dunha cousa, os límites que debuxan un obxecto e materializan a obra da que este é resultado.

O canto é representación da alma, reificación da voz como obra.

Falar da representación (a alma)

A vida é a propiedade que ten un ser de actuar conforme as súas representacións.

De aí que esta obra só se poida situar no terreo da ontoloxía, sacándoa da leira epistemolóxica para contemplala desde fóra da correlación suxeito-mundo. Por iso nas súas páxinas a dialéctica entre saber e non saber queda anulada e o canto se ergue como cousa sublime, continxencia pura e, ao cabo, materia. A literatura filosófica de Orfeo canta é literalidade: as palabras, a orde na que se colocan.

Tal asceta que é, pois “Orfeo funda a primeira verticalidade autosacrificial”, o autor fai un exercicio arriscado, a contorsión extrema da autopoiese. Ese esforzo, que como todo esforzo que se prece debe fracasar, constitúe o compromiso do suxeito como produtor de obxectos. O suxeito é porque di algo de si mesmo, precisamente nesa autorrepresentación reside a potencia da categoría, do enunciado da autopoiese como causa mundi. Da correlación mundo-pensamento. Así, toda representación está sometida ao suxeito e á correlación suxeito-mundo, pola que só existe aquilo que o suxeito é quen de pensar. A partir desa correlación, a retórica literaria transforma en fáctico e actualiza o que é representación, iniciación, signo e retorno.

Esa facticidade sitúa o suxeito próximo ao punto extremo de toda relación, o da alma elevada na soidade do que soamente é: aliquid. O vínculo co mundo aínda non se esgazou, o oído aínda escoita o canto, a ollada aínda percibe un horizonte que se esfarela, a boca pode sentir os restos dalgún froito e no aire aínda permanece un derradeiro e leve recendo. Mais xa nada se logra apalpar.

“O que Orfeo é (a imaxe que significa) non pertence a ningún ente concreto. No seu a través fala a realidade que todo proceso autopoético desprega en calquera mundo, espazo ou época. Orfeo, Orfea. Axenérico.”

A crítica final ao dado, “esa lúdica imprecación a todo o dado”, parece evitar caer no construtivismo, vicio da razón, consecuencia directa do correlato dominado polo suxeito. Pola contra, aquí o relativismo esmorece fronte á inscrición, o devir anunciado postérgase, a materia inscrita adquire senso.

Velaí a posición que responde á necesidade da alma de se facer valer como representación mediante a convicción e a dignidade perante a continxencia. A posición do sublime, ou aquilo que nos sitúa fronte á incondicionada condición da existencia, todo o que nos fai conscientes do absoluto como algo posible: finitude e infinitude xuntas.

Propoño ler Orfeo canta entre os lindes desa determinación, a máis feble que existe, a que nos fai lembrar aos seres humanos a posibilidade de sermos destruídos e, polo tanto, a que nos fai tomar unha posición con respecto á continxencia. Lendo en dúas direccións opostas, a estender e a limitar ao tempo a potencia da razón.

Literatura e filosofía

—¿Por que fala da súa obra como literatura e non como filosofía?

—Defendo que a filosofía é literatura conceptual. ¿Por que alguén dedica o mellor da súa vida a algo que ninguén lle pide? A resposta é a vocación literaria, que no meu caso foi totalizadora e ata violenta. Así que unha filosofía á que non a anteceda unha emoción literaria, unha visión e unha misión, un rapto, un namoramento, non é filosofía. A propia palabra xa delata que estamos a falar de amor. Mais é algo que agora non se entende así porque a filosofía se acabou por confundir cunha disciplina académica. Estase confundindo a filosofía coa ciencia que estuda a súa historia. Mais a literatura non é un fin en si mesmo senón unha estratexia de comunicación. O fin real é facer algo que perdure.

Javier Gomá Lanzón

A actualidade do ensaio, en Sermos Galiza

O semanario Sermos Galiza, na súa edición en papel, publica hoxe (nº 306, 26-VII-2018) unha reportaxe do xornalista e poeta Daniel Salgado sobre a actualidade do “Novo ensaio crítico”.

Logo de facer un repaso das diferentes novidades editoriais, expóñense diversas opinións sobre o xénero ensaístico, entre elas as de Rebeca Baceiredo e Roberto Abuín. A autora de A verdade errada salienta que “co ensaio tes a crenza de que podes mudar o mundo”, mentres que o autor de “Ogham, ou arredor da escrita” afirma concibir o ensaio como “unha tecnoloxía de subxectivación crítica” e como “un espazo de experimentación dun dicir non literario”. Baixo o epígrafe “Editoriais abertas ao impensado”, a reportaxe sitúa a liña de Euseino? Editores na “reflexión filosófica”.

Desde euseino.org celebramos a publicación de reportaxes coma o de Salgado, que sitúan na actualidade xornalística o que Nietzsche cualificou de inactual, ou intempestivo. Esa contradición soamente é aparente pois a propia noción do actual e da actualidade é filosófica de seu. A filosofía é actual en tanto que o pensamento se realiza como tal, en tanto representa o mundo. Os “materiais para pensar” son efectivamente materia, pois o pensamento é tal porque se inscribe na materia, que é a que pensa. Cómpre, polo tanto, non restrinxir a actualidade á actualidade xornalística, tampouco á actualidade política. Como dixo Hans Blumenberg, cando todo acaba sendo política, a política deixa de existir.

De por parte, a posición da filosofía con respecto ao ensaio é fundamental, ata tal punto que é imposible escribir ensaio, mesmo ensaio de actualidade xornalística e política, sen unha base filosófica. Efectivamente, para poder actualizar as ideas, cómpre abandonar a resistencia, que é unha posición fixa, e coller posicións dinámicas para a filosofía no mundo, esa é a finalidade do pensamento filosófico. No abandono da resistencia e da súa monopolización do acceso ao mundo a través do suxeito, no rexeitamento de que o suxeito —liberado ou non, estable ou en devir— sexa o único interese do pensamento, a filosofía retoma a especulación como maneira de pensar o absoluto, como xeito de debruzarse na realidade. Non só a realidade política, que é a realidade do suxeito, senón a realidade do mundo, das cousas, da materia. O ensaio é, esencialmente, especulativo; para ensaiar un pensamento cómpre especular, como dicía Hegel.

Pensar que a realidade significa soamente estar en guerra ou cando menos dispostos a dar a batalla, é unha obsesión que reduce a “interpretación” filosófica e ensaística a un uso restrito. Abandonar ese uso non quere dicir recluír a filosofía en si mesma senón, pola contra, amosar o nexo esencial que a une coa realidade.

A filosofía non pode continuar centrada nun construtivismo xeneralizado respecto dos feitos; a positividade de algo dado e que nos é transmitido non pode ser producida. Velaí unha filosofía positiva e materialista en contraposición á filosofía poscartesiana como filosofía negativa, ou construtivista; de Descartes en diante a certeza filosófica obtense mediante unha construción do pensamento: o que está feito pola mente humana é, por iso mesmo, certo. Pola contra, para unha filosofía materialista, a realidade e os obxectos son tanto máis certos en canto son dados, i. e., en tanto se impoñen á consciencia humana en troques de seren producidos por esta.

Velaí a posición do pensamento filosófico —e, necesariamente, do ensaio con el— como cousa actual, como actualización das ideas na realidade. De feito, a revolución moderna non consiste, como sostiña Kant, en facer depender o mundo do suxeito —e, en consecuencia, da pólis— senón en integrar o suxeito no mundo.

Por outra banda, para reflexionar sobre a actualidade do ensaio, tamén coidamos necesario considerar o papel dos libros electrónicos nos seus diversos formatos (epub, PDF, etc.), que no ámbito do pensamento están cada vez máis presentes, especialmente no que se refire á edición en Acceso Aberto. Nese terreo, habería que situar a política de traducións e a introdución de novas liñas de pensamento, tal como desde Euseino? Editores estamos a facer co realismo especulativo e autores coma Quentin Meillassoux e Maurizio Ferraris.

Outra cuestión non menos importante é a da función das publicacións periódicas (tamén as electrónicas, coma Anotacións sobre literatura e filosofía) en relación coa difusión das achegas e do debate da actualidade filosófica e ensaística. Nese senso, a posición do ensaio sobre literatura pensamos que debería merecer tamén unha atención maior, atención que agora adoita concentrarse exclusivamente na crítica literaria publicada polos xornais. Pensar a literatura tamén é unha das funcións do ensaio; neste país carecemos dunha reflexión fonda sobre a estética literaria, agás achegas coma as de Miriam Sánchez Moreiras e Chus Pato. Ou artigos coma Poesía e infancia. A reflexión ensaística sobre a función da literatura na sociedade actual tamén é ben necesaria, velaí a polémica ¿Cara a onde vai a literatura galega?, así como o ensaio de Xosé Monteagudo no que se expón unha crítica da orientación exclusivamente psicagóxica do feito literario vencellado á recepción e a necesaria reflexión de Inma Otero sobre o papel das mulleres na literatura.

En conclusión, reportaxes coma a de Sermos Galiza serven de estímulo para ampliar a reflexión sobre o ensaio, situándoo en relación co pensamento actual sen condenalo a unha dependencia exclusiva da actualidade quer política quer xornalística.

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave