“Tempo inerte “, por Óscar Pazos

A transformación da materia na medición temporal

O xeólogo e ensaísta Óscar Pazos fai neste artigo unha achega singular e nada habitual ao estudo do tempo na materia inerte. Ao analizar o método de medición da Fission-Track, adéntrase na maneira en que o tempo se inscribe na materia e en como ese rexistro das transformacións inflúe e acaba por determinar a representación temporal humana.

Sen título, por Hilma af Klint

Tempo material e tempo absoluto

Transitamos un mundo en crise, no que todo pode ser cuestionado e no que todo, por tanto, hai que reflexionar sobre todas as cousas. Na altura actual desta fonda crise descartiana, na que a dúbida e a reflexión asentan como ferramentas para reconstruír a realide sensible —quer dicir, o experimentado—, tócalle ao tempo constituirse en obxecto de reflexión sobre o que reacomodar a nosa percepción. De certo, modificar o calendario, medir a marcha dos astros e andar nas cuestións do devir e o porvir foron de sempre a prerrogativa do poder máximo, pois regular os tempos vividos, determinar o compás do día a día, ordenar os ciclos sociais, produtivos, económicos, reprodutivos, son a materia sobre a que opera o poder e que dun xeito básico se pode exemplificar nos actos esenciais de dar principio e fin á vida. Por tanto, alén do alcance teórico e práctico das moitas tentativas actuais de definir ou imaxinar experiencias e sensibilidades diferentes ao hexemónico tempo-valor operado nas relacións capitalistas, non cabe negar a profunda ambición política destes cuestionamentos, o seu carácter subversivo e, tentativamente, emacipador.

A través da experiencia xeolóxica do tempo nas rochas, neste artigo pretendo explorar as relacións entre o suposto inerte —o material— co tempo e, a partir destas, reflexionar sobre a experiencia dun tempo absoluto e a súa falta de significado.

Aínda lembro ben a miña perplexidade cando, de estudante, enfrontaba as realidades temporais dun afloramento calquera e o que representaba na reconstrución da Historia do planeta. Poñámonos (por concretar) fronte a unha capa de metro e medio de espesor, unha arenisca Triásico Inferior cunha forte laminación cruzada correspondente a un nivel de praia, disque unha barra areosa dun gran edificio deltaico. Esta sección, coa súa característica laminación cruzada, podía representar na secuencia temporal un periodo de centenas de miles, ou mesmo millóns, de anos mais de feito aquela barra en concreto puidera ter sido construída nun so ano, seica nunha soa borrasca. Así que o que alí enfrontábamos, memorizada na rocha, era apenas un único evento dun suceso repetido nun sen número de ocasións naquela beiramar Triásica Inferior.

Coma o río heraclitiano, sempre distinto e sempre o mesmo río, o que alí interpretabamos naquel afloramento concreto era a lembranza dun suceso repetido nun proceso cíclico de destrución e construción: a beiramar e o incesante bater das ondas que formaban e reformaban a praia, erosionando e sedimentando areas sen parar. De feito, o que permitira a conservación final daquel areal concreto fora a desaparición da beiramar naquel punto —e por tanto da praia mesma— seica por un cambio no nivel do mar ou polo desprazamento da liña de costa tras do recheo do delta con novos sedimentos. Fose como fose, a sección concreta que mirabamos non era outra cousa que un instante da vida extensa da praia, un particular amoreaento de areas conservadas polo azar na secuencia sedimentaria e litificado durante millóns de anos para ser exposto ante nós, formando parte agora do cordal Cantábrico. Algunhas estimacións consideran que a Terra conserva apenas o dez por cento do rexistro xeolóxico sedimentario mais todo ese rexistro é de seu unha caótica colección de sucesos e eventos moi parciais dun gran proceso de construción, destrución e reconstrución continua.

A Historia Xeolóxica escríbese coma un discurso unificado no temporal mais é un discurso feito a partir de retallos moi parciais, retallos que ademáis chegan até nós moi alterados no propio paso do tempo. De seu, a temporalidade é unha experiencia inexorable da materia ao constiruír a memoria dos sucesos vellos o corpo onde os novos acontecementos poden ter lugar. Isto é un coñecemento evidente en Xeoloxía, dado que o evidente carácter finito da masa terrestre obriga a unha reciclaxe continua de elementos, minerais, gases, sedimentos, fluídos ou rochas. Os chamados ciclos xeolóxicos da auga ou do carbono son os exemplos máis coñecidos desta reciclaxe. Así e todo, foi cando me aprenderon a técnica de datación da Fission-Track cando experimentei de modo pleno esta inexorabilidade do tempo para a materia.

Fission-Track, técnica de datación

A Fission-Track é unha técnica de datación sutilísima que conta as crebas minúsculas —na medida de nanómetros e micrómetros— producidas nos cristais de cuarzo polos neutróns escapados na fisión dos isótopos radiativos de uranio. O cuarzo non ten uranio mais si algúns minerais accesorios e minoritarios —como os circóns ou as epídotas— que están presentes no granito e outras rochas ígneas. Dese xeito, a estrutura cristalina destes cuarzos vai quedando marcada por finísimas rascadelas producidas no escape dos neutróns que, como as nosas enrugas na face, son experiencia do tempo vivido.

Nada material permanece sen mudar. As rochas más resistentes modifican as súas propiedades, os minerais cambian, altéranse as redes cristalinas. De xeito común, estes cambios en minerais e rochas son atribuídos a cambios nas condicións ambientais, de presión, temperatura, etc., no suposto teórico que se estas condicións ambientais fosen inmutables, a rocha ou o mineral permanecería igual a si mesma como cousa inerte que é. Porén, a descomposición dos isótopos radiativos ou as fission-tracks que a rocha provoca son a manifestación de que as condicións inmutables son unha ilusión. O tempo ten uns efectos concretos e medibles na materia, produce transformacións experimentables, sensibles e, por tanto, cambia a súa natureza. O inerte absoluto, a condición da materia pura intemporal, non existe. Non hai materia imperecedoira e non hai memoria inmutable no tempo. O perfecto-inerte é alleo á materialidade e á experiencia. A memoria fiel e eterna pertence ao mundo das ideas.

O relevante da Fission-track é a súa estreita relación coa experiencia do tempo  máis neta e directa de que dispón a nosa civilización tecnolóxica: a medida do decaimento das series isotópicas do uranio coa que construímos o noso modelo de reloxo universal. Mais a Fission-track tamén conxuga elementos espectaculares que convirten a técnica nunha metáfora moi expresiva: as tecnoloxías que permiten as medidas dos fission traks son sofisticadísimas, os procesos envoltos están nos límites do microscópico e case que do comprensible para o común de nós, ligando o subatómico ao macro-molecular, e o físico-cuántico ao cristalino; porén o efecto do bombardeo de neutróns nas redes cristalinas resúltanos estranamente familiar, pois as imaxes microscópicas dos cristais de cuarzo adoitan a forma de rañaduras nun vídrio común. O proceso temporal queda pois exposto nunha imaxe ben corrente, a do vaso ou os lentes deslucidos e escurecidos polo paso simple do tempo, mesmo sen ter sido usados.

A Fission-Track inclúese nas técnicas de medición absoluta do tempo xeolóxico mais sempre que o cristal de cuarzo funcione como un receptor impresionable de radiación, coma quen di unha película de revelado. É unha experiencia indirecta e, por tanto, dobre pois coa medida do tempo informa das condicións do propio rexistro. Dese xeito a Fission-Track tamén expresa ben o caracter activo —participativo— co que a materia experimenta o tempo, unha experiencia significativa en tanto rexeita precisamente a idea de inerte ou pasivo absoluto da materia mineral. Os cristais de cuarzo —e outros minerais— só gardan memoria permanente do paso dos neutróns por baixo dunha determinada temperatura pois, por riba desa temperatura, calquera efecto ou “dano” do paso dos neutróns ha ser inmediatamente reparado, dado que a rede cristalina ten enerxía abonda para recompoñerse.

Os fission tracks non só son usados como medida temporal, permiten reconstruír a historia térmica das rochas, é dicir, que permiten escribir unha historia xeolóxica xa que gardan memoria de eventos ou sucesos temporais, neste caso aumentos e baixadas de temperaturas en ambientes magmáticos, hidrotermais, etc.

Entre os cuarzos, ou en forma de inclusións dentro deles, están as epídotas e circóns cos isótopos de uranio en proporcións que debemos coñecer para medir os tempos das rochas. En tanto que a transformación duns isótopos noutros ten lugar de modo estatisticamente regular nun amplísimo rango de condicións, a nosa civilización asimilou este proceso —regular e relativamente autónomo no rango de condicións terrestres— ao reloxo perfecto, universal, confirmando nestas medidas o prexuizo dun tempo absoluto e teleolóxico que transcorre insensible á experiencia e á materia, un tempo áureo e patrón, un tempo de valor fixo e eterno.

Creación ou destrución da materia

A práctica real das técnicas de datación isotópicas están cheas de limitacións no que se refire ás características das mostras para medir, a efectividade e precisión das medidas ou os rangos temporais no que cada técnica é viable. Ao meu entender, o fundamental para darlles sentido a esas medidas —disque absolutas— debémolas insertar nun horizonte de sucesos no que cada medida teña significado e sentido, é dicir, debemos inserilas nunha cronoloxía, converter os tempos absolutos en datacións de sucesos, inscribir os transcursos en horizontes temporais que nos leven dun a outro suceso significativo, sucesos definidos en actos de creación ou destrucción da materia. Nas datacións por isótopos radioactivos, o suceso inicial é a creación do mineral que encerrou a materia radioactiva, sendo o momento final* o propio acto de medir, é dicir, o noso presente no que a materialidade é o tempo se funden nun continuo sensitivo.

As experiencias puras do tempo son insignificantes en tanto carecen doutra memoria que non sexa un transcurso sen rumo. Non hai experiencia dun tempo que poida ser contada de seu e para si mesma, fóra da materia que experimenta. O tempo absoluto é un abstracto sen suceso, sen historia, carente de cronoloxía, unha experiencia insignificante, unha quimera. Fóra do sensible o tempo carece de orde, de estrutura calquera. O feito de datar da significado e valor ao tempo ligándoo á creación e a destrución da materia.


* Penso que, de xeito significativo, as medidas de C14 refírense ao ano 1950, ano en que o equilibrio isotópico atmosférico referencial foi destruído polas explosións atómicas humanas. Ao transformar a atmosfera, a destrución atómica pechou un tempo vello e abriu un novo, de maneira que hoxe moitos ambientalistas consideran a data de 1950 como o inicio dunha nova era: o Antropoceno.

“Decálogo da novela”, por Rosa Aneiros

“Harmonía de cor VI, casas de clase media, Drachten”, por Theo van Doesburg

A escritora diríxese a quen le. Velaí a ambición deste decálogo no que Rosa Aneiros consegue introducir na reflexión sobre a narrativa a quen é o terceiro dos seus vértices: obra, autora, lectora. Dese xeito, a produción literaria é a realidade que dá forma a unha figura nova; a que eses tres puntos debuxan nun equilibrio sutil, único, cunha forza e unha presenza que, ás veces, é esmagadora. Ou conformadora: a novela boa sempre é novela de formación. Quen escribe e quen le fórmanse ao facelo, dan orixe a outra cousa, a unha obra que existe con elas e fóra delas. A autora de Sibila non necesita definir aquí unha poiese senón que, conscientemente e con afouteza, convida a quen le a poñer os alicerces desa existencia feble e, así e todo firme, que é a codia das letras. Palabras, palabras, palabras… escritas e pronunciadas contigo e consigo, en silencio.


Sección coordinada e editada por Iván García Campos

Un diálogo contigo

1) Veracidade. Toda novela é verdade. Forma parte da verdade pactada contigo que les, que te deixas levar polo meu fío cando ambas somos conscientes do artificio. Non podemos reafirmarnos no pacto a cada páxina. Xa o acordamos antes de comezar, era o punto de partida. Unha vez nos embarcamos, ti na lectura e eu na escrita, todo é verdade. Todo. Está sucedendo a medida que les e, cando paras, ese mundo detense e agarda o teu regreso para pórse en marcha de novo. Non debes ver os fíos dos monicreques cos que xogo contigo, non deberías intuílos sequera. Se ti pensas nos fíos, eu fracasei.

2) Diálogo íntimo. Unha novela é un diálogo íntimo entre ti e mais eu. Non hai ninguén máis. A palabra debe levarte como un río, debe engulirte, debe abafallarte ata pensares que só existe o relato e ti formas parte del, desa nova realidade na que conversamos á vista de todas. Somos ventrílocuas que non falamos a través das nosas bocas senón que cedemos as voces ás personaxes. Déixaas falar, a ver que contan.

3) Iceberg. Unha novela é esa imaxe tantas veces reiterada dun iceberg no que só vemos o que permanece na superficie, unha parte ínfima. O sustento do xeo está por baixo da tona da auga. É voluminoso, rexo e firme para permitir que o da superficie anaine. Embaixo das palabras que les hai moitas que explican e non contan, pero fan que o relato se sosteña, non esborralle. Dígoche máis, o iceberg debe cegarte por momentos e, noutros, debe ser o teu reflexo esvaído. Debes encontrarte nel, verte, quererte e aborrecerte e, uns segundos despois, esquecelo, pensar que só foi unha ilusión óptica, unha fata morgana que che fai ver mundos que nunca existiron.

4) Fíos da vida. Unha novela non é a miña vida, nin tampouco a túa, pero ambas as dúas tecémolas cos fíos das nosas. Eses fíos son estraños, invisibles, escorregadizos, traizoeiros. Non somos conscientes de onde proceden, nin ti nin eu, non vaias pensar. Pero existen, claro que existen e, ás veces, cando os descobres, resulta absolutamente desolador polo que desvelan de nós.

5) Palabras, palabras, palabras. Unha novela é un edificio co seu plano, trabes e encofrados pero, sobre todo, son palabras. As palabras, e unicamente as palabras, son a nosa ferramenta e argamasa. Todo se constrúe con elas e sobre elas. Deben estar vivas, deben falarche, facerte tremer polas metáforas, rir cos diálogos, temer cos silencios, chorar co dito e co non dito. As verbas, o que se di e o que non se di, contéñeno todo. 

6) Instinto. Podo ser autora de mapa ou de compás pero, por moito que me guíe por un ou outro, hai un instinto cego que encarreira os meus pasos. É o olor estimulante do presentido, dese abismo que atrapa e polo que sei debo transitar aínda que toda razón diga o contrario. Teño que escoitar a verdade que enuncian personaxes e feitos, aceptalos, aínda que eu planificase xustamente o contrario. Pouco podo facer cando é a narración a que nos fai actuar dun ou doutro xeito. Iso si, cando tomo decisións no relato, ti non debes sospeitalo. Unha novela é ceder á evidencia. Sábelo, non che minto.

7) Á escoita. Unha novela non é letra, é son. A das voces que nela transitan e a fan. É escoitares a túa propia voz. Non te enganes, non é a miña. Sorprenderíaste se foses consciente do moito que ti falas no relato. Asustaríaste. Odiaríasme máis aínda porque pactamos ao comezo que este era un artificio que ambas elaboramos e, en realidade, elabóralo ti. Estás soa no medio e medio do relato, non hai rede salvadora baixo os teus pés cando bambeas coma unha funámbula sobre a vertixe do abismo. Hai tempo que che soltei a man e nin te decataches.

8) As teclas, as cordas. Cando escribo non creo unha novela, iso forma parte da egolatría da autora, desa teima de nos ver como o centro da literatura. Nada máis lonxe da realidade. A novela escríbela ti cando les. Por iso, cando escribo, debo saber tocar as teclas axeitadas, pulsar as cordas que estimulen e fagan vibrar o que en ti habita e descoñecías. É presentimento. É intuición. Ao narrar, sen coñecerte de nada, debo sacar o mellor e o peor de ti. Debo poñerte en xaque coa túa propia vida. Debo facerte dubidar. 

9) Contradicións. Personaxes, tramas, arquitecturas narrativas…, todo debe estar cheo de luces e sombras, de momentos de achega e de afastamento, de odio e de amor. Nese péndulo oscila a novela e aí móveste, hipnotizada polo ir e vir do tránsito que debe fluír, sen afastar a mirada da bóla. Se ollas para outro lado, alterada por un ruído, discordancia ou incongruencia, pérdote. Non podo permitirme iso porque sería moi difícil recuperarte. Resulta imposible aturar unha traizón logo de se evidenciar a mentira.

10) Es a única. Non hai ninguén máis. Só ti e mais eu. Debes saber que escribo para ti e só para ti, que che estou falando ao oído, que non hai ninguén máis, que cada novela está pensada para ti dende o primeiro ao último capítulo. Dende a primeira á derradeira palabra. Es única. Ti, a miña lectora. Porque a novela non é un falar a berros, non é un ouveo no monte cara a ningures, é un moumear baixiño ao pé do oído, un tacto imperceptible que notas, aínda que non me vexas. Na novela só estamos ti e mais eu. Ese é o pacto. Comezamos. Atréveste?

Decálogo da novela

O debate sobre a natureza humana

Publícase “Transhumanismo”, de Brais Arribas

Publicamos un novo título da colección Casabranca, o libro Transhumanismo. Tecnociencias e antropotecnias, de Brais Arribas. Nun contexto de reno­vada confianza nas posibilidades transformativas e optimizadoras das ciencias aplicadas, o debate arredor da natureza humana sitúase no centro do dilema ético sobre a vida, os seus límites e a posibilidade de modificala. Nun mundo seica sen Deus, ¿son os seres humanos os que deciden sobre o destino da súa propia especie?

Dun tempo a esta parte é habitual escoitar cada vez máis voces que reclaman a necesidade de que, dende a filosofía e a ética, se lle preste unha atención maior á corrente cultural e filosófica que se amosa a favor da modificación da especie humana de maneira que poida ser optimizada nas calidades que xa dispón e, incluso, con outras distintas ao facer uso dos coñecementos e das tecnoloxías: o transhumanismo.

Neste ensaio de Brais Arribas analízase esa corrente cultural e filosófica, un movemento que, malia contar con precursores na primeira metade do século XX, xorde con forza nas súas últimas décadas, dispondo hoxe dun amplo elenco de figuras no pensamento, na ciencia e na filosofía, que difunden con rigor e eficacia a súa doutrina.

Como outros pro­blemas aos que se dedica a actividade científica, non se pode resolver apelando unicamente á libre decisión desa comunidade na medida en que a suposta modificación da nosa especie traerá consigo repercusións decisivas non só no estritamente biolóxico.

O debate arredor da natureza humana non é o único que se abre coa eclosión das ideas transhumanistas. Existen outras disputas que reforzan o seu antagonismo coas posicións bioconservadoras. Nese contexto de reno­vada confianza nas posibilidades transformativas e optimizadoras das ciencias aplicadas é no que nos sitúa Brais Arribas neste libro que sitúa a quen le na tesitura de adoptar unha posición.

Actualmente, a tecnociencia é máis subversiva que a política e que o campo cultural: é o verdadeiro motor da “revolución permanente” e sen dúbida hao ser cada vez máis.

Gilles Lipovetsky, “La Société de déception

Consiga o seu exemplar:

Compra con tarxeta

Subscritores e estranxeiro
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)

Nas librerías