A posición nihilista: o nihilismo literario

Para analizar o que aquí denominamos a posición nihilista, cómpre lembrar a crítica do paradigma kantiano realizada antes —como reacción— polo romantismo e logo, de xeito absolutamente progresista, por algúns dos pensadores máis importantes a partir de Nietzsche. Cómpre, polo tanto, non esquecer ese papel retrógrado do romantismo e o seu intento de mistificación de ideas modernas coma a de nación, pois a exacerbación da subxectividade que o romantismo puxo en circulación, coa actualización das ideas relixiosas e a súa vinculación co culto do individualismo, tamén se acabou por vencellar á transformación retrógrada da nación nunha esencia individualizada como identidade senlleira.

En resumo, a literatura e a arte romántica elaboraron unha representación da correlación suxeito-mundo na que a constatación da finitude, á que se chegou logo da Ilustración, quixo ser neutralizada mediante a produción de esencialidades transcendentes, identidades salvíficas tras das que se agochaba un nihilismo contra o que, por exemplo, se ergueu Nietzsche; velaí o “caso Wagner” e a alerxia que ao autor do Zaratustra lle producía o nacionalismo alemán.

Hans Blumenberg descríbeo así: “Baleiro ou plenitude, ese é o problema fundamental do acontecemento histórico que chamamos o nihilismo moderno” [1].

 

 

Polo tanto, o nihilismo implica tres aspectos:

a) A singularidade e a distancia respecto dos outros seres humanos: a diferenza e a produción de subxectividade, ou de identidade como subxectividade histórica.

b) A historia como un suceso inderivable e último en si mesmo: o suxeito histórico (por exemplo, o pobo, a xente ou a nación).

c) A transcendencia como algo non resoluble racionalmente: a teoloxía do presente.

Aspectos que tematizan cuestións coma a da patria en calidade de metáfora dunha esencia perdida, de aí a forza que gañan sentimentos coma o da saudade; a paisaxe como natureza identitaria, a tradición como alicerce social revitalizable. O nihilismo xorde tamén da filiación a unha lingua materna (patria-matria) e á natureza do país como metonimia da súa esencia: paisaxe e nación. A natureza e o idioma como esencias fixadas e como determinantes destinais do ser humano.

 

O nihilismo literario

Na arte, o nihilismo tamén impulsa unha retrogradación na que o movemento moderno cara a afiliación, isto é, cara á escolla libre do repertorio de formas e de temas, se transforma en filiación, ou retorno á determinación do vínculo necesario. De aí a concepción do idioma como lingua materna, determinante da percepción, das ideas e, en consecuencia, dunha cultura nacional-popular, e a concepción da paisaxe como molde do humano, de aí concepcións regulatorias do tipo “escribir a novela do mar”, ou “a gran novela americana”, non a “gran novela” sen máis.

Fronte ao carácter afiliativo da arte moderna, no que a autonomía é o principio fundamental, principio polo que a arte se dota a si mesma das súas propias regras, sen dependencia doutros campos de senso; fronte a esa afiliación, o nihilismo artístico parte da idea da historia como suceso inderivable e último en si mesmo e, en consecuencia, dunha concepción da cultura determinada pola filiación á historia dunha identidade; identidade histórica da que debe xurdir o nomos da arte.

As constricións contundentes impostas pola filiación á historia e á natureza levan ao que Blumenberg denomina teoloxía do presente, xa que a transcendencia que se busca só se pode resolver mediante as determinacións da historia actualizadas no presente. Xa non é posible concibir o presente desde o que Sartre denomina liberdade da situación, é dicir, un presente non determinado por suxeito histórico ningún, un presente no que a liberdade poida dirimir a situación e a situación permita que a liberdade xurda no seu seo.

Esa teoloxía do presente leva a concepcións da arte nas que ese presente só é rexido pola historia xa que esta se considera a única posibilidade de transcendencia; por exemplo, afirmacións do tipo “Hoxe non temos escritores coma Cunqueiro”, ou a aparentemente contraria de “Estamos na Idade de Ouro da poesía galega”. Estes dous tipos de nihilismo literario abundan actualmente en Galicia, como acontece na polémica sobre a mal chamada “infantilización” da literatura galega actual [vid. “¿Cara a onde vai a literatura galega actual?”], orixinada desde unha posición nihilista.

Fronte a esta posición nihilista na arte, a posición progresista é hoxe a da arte como proceso afiliativo que xorde da liberdade e da situación. A situación sen liberdade e a liberdade sen unha situación na que exercerse é o que define, pola contra, a posición nihilista á que nos enfrontamos. A posición progresista é a da arte con regras propias, escollidas por afiliación, non marcadas por unha historia territorializada, no senso deleuziano desta última palabra. O obxecto artístico rexido polo azar da liberdade e da situación, por unha posición progresista na que progreso non quere dicir teleoloxía nin avance perpetuo cara a salvación ningunha de cultura ningunha. O progreso é distorsión, coma a blue note [2], a nota discordante do jazz, que é a nota do progreso. Fronte ás rapsodias negras do nihilismo, as rapsodias en blue do progreso.

Fronte ao sublime romántico, inalcanzable no alto, preferimos o aquí da situación e a liberdade. Fronte ao nihilismo determinista, escollemos a cultura —a razón— como afiliación libre.

 

Notas

1. Blumenberg, Hans, “El problema del nihilismo en la literatura alemana contemporánea” in Literatura, estética y nihilismo, Madrid: Editorial Trotta, 2016.

2. No jazz e no blues, a blue note (ou nota “inquietante”) é unha nota que —cunha finalidade expresiva— se canta ou se toca nunha tonalidade lixeiramente diferente da standard. Normalmente, a alteración é dun cuarto de ton ou dun semitón mais iso varía en función dos intérpretes e dos xéneros.