De Orfeo á Ilustración

Na edición impresa de Sermos Galiza (7 de novembro de 2013, núm. 72), o escritor e crítico literario Mario Regueira publica unha recensión de A música das esferas, o libro de Carlos Lema recentemente editado por Euseino? Extraemos unhas pasaxes do artigo, que se pode ler íntegro na primeira das ligazóns anteriores:

“Se cadra o primeiro que haxa que destacar sexa precisamente a ambición dunha obra que brillaría en calquera sistema cultural […] Este ensaio preséntanos unha visión ampla que apunta problemas xerais, imbricados na historia da filosofía occidental, pero ao tempo deixando cuestións abertas e interrogantes necesarias para a reflexión de cara ao futuro. A música das esferas analiza a evolución na concepción do mundo partindo dos primeiros filósofos gregos até as deturpacións feitas polo cristianismo […] A última parte vai formular unha tese que aínda hoxe pode entenderse como de vital importancia no desenvolvemento político da cultura occidental: a transformación que a Revolución francesa tería feito sobre a tese cristiá [..] unha formulación que acabaría implicando conceptos como o progreso ou a revolución […]

[…] o ton e a profundidade das súas análises afástanse moito do divulgativo. A pesar diso, [o novo libro de Carlos Lema] é unha lectura recomendábel para persoas curiosas e sen dúbida representa unha peza necesaria na construción dun discurso filosófico na nosa lingua.”

Mario Regueira, Sermos Galiza

Publícase “A música das esferas”, de Carlos Lema

Nos próximos días, A música das esferas (Xenealoxía da orde do mundo), o novo libro de Carlos Lema, distribuirase nas librerías colaboradoras de Euseino? Editores. Publícase na colección Casabranca, dedicada á filosofía.

Reserve o seu exemplar:

Na internet

Nas librerías

Anuncio-imprimir-media

Novas formas de existir no mundo

No seu blogue Novenoites, o profesor de filosofía e crítico literario Francisco Martínez Bouzas escribe unha recensión de  A revolución non vai ser televisada, de Rebeca Baceiredo. Incluímos a seguir unha cita da recensión, que se pode ler íntegra ao calcar co cursor na palabra “Novenoites“.

A revolución non vai ser televisada, que inaugura a colección “Casabranca” que Euseino? Editores lle dedica á filosofía, achéganos unha nova mostra dun dicurso novidoso e apropiado, ao menos no plano teórico, para facerlle fronte ao desenvolvemento maquínico e técnico da actual sociedade capitalista. […] a súa proposta xira na órbita do espazo de dereito e é aquí onde encaixan as súas ideas verbo dun novo paradigma da subxectividade.

Un ensaio para facer pensar, que penetra no eido filosófico. Con todo, a agudeza expositiva da autora […] permite que o discurso novidoso de Rebeca Baceiredo poida ser lido non só por profesionais da filosofía. Abonda con lectores dispostos a reflexionar sobre a posibilidade de novas formas de ser suxeitos ou de existir no mundo.

Francisco Martínez Bouzas, Novenoites