Trece conferencias

Filosofía nas Bibliotecas

A Fundación Euseino? convocou no mes de maio o Programa “Filosofía nas Bibliotecas“, destinado a colaborar coas bibliotecas públicas na organización de conferencias de filósofas e filósofos galegos. Rematado o prazo de presentación de solicitudes para participar no antedito Programa, xa está confeccionado un calendario de trece conferencias que se realizarán por toda Galicia, de Narón á Guarda e Ribadavia, de Oleiros e A Coruña a Lugo, pasando por Compostela.

A convocatoria foi un suceso grazas ao apoio de todas as bibliotecarias e bibliotecarios do país, da asociación BAMAD Galicia e mais da Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais, que colaboraron co maior dos intereses na difusión do programa de conferencias proposto pola Fundación. Tivemos ademais a fortuna de poder contar coa axuda imprescindible e incondicional das e dos conferenciantes, sen os cales sería imposible levar a cabo o programa. Con este programa, confiamos en poder axudar a difundir o pensamento e, ao tempo, espallar a obra dos nosos pensadores e pensadoras, fomentar o debate e, en conclusión, a concepción non dogmática das ideas.

Queremos rematar estas liñas agradecendo especialmente a Anxos Sumai, escritora e bibliotecaria, o seu asesoramento e entusiasmo, que nos serviron de guía e compaña no desenvolvemento do proxecto. Desde a presidencia da Fundación, queremos agradecer tamén aos membros do Padroado, Beatriz Fraga, Chus Pato e Xosé Monteagudo, o seu apoio e colaboración desinteresada.

Finalmente, sentímonos especialmente orgullosos de poder compartir con vostedes o calendario das trece conferencias.

Detail of Frances Yates’ reconstruction of Giordano Bruno’s memory wheel from De Umbris Idearum (1582), Warburg Institute]peq

Pormenor da reconstrución feita por Frances Yates da roda da memoria do “De Umbris Idearum” (1582), de Giordano Bruno [Warburg Institute]


 

Calendario das conferencias 2016

[Pendente de confirmación]

Setembro

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública Municipal da Guarda. Enderezo: Rosalía de Castro, 14, A Guarda. Conferenciante: Miguel Penas: “¿Que facemos cando pensamos? Apuntamentos dende as novas correntes da intelixencia artificial”. Data e hora da conferencia: venres, 30 de setembro de 2016, ás 20 horas.

Outubro

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal”. Enderezo: Avda. de Xoán XXIII, s/n. Santiago de Compostela. Conferenciante: Roberto Abuín: “Axeitarse á cerna do —noso— dicir: retallos para un pensar galego”. Data e hora da conferencia: xoves, 6 de outubro de 2016, ás 19.30 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal”. Enderezo: Avda. de Xoán XXIII, s/n. Santiago de Compostela. Conferenciante: Lucía Castro: “Os xeitos do común perante a propiedade e a débeda”. Data e hora da conferencia: xoves, 13 de outubro de 2016, ás 19.30 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca P. M. Forum Metropolitano. Enderezo: Rúa do Río Monelos, s/n. A Coruña. Conferenciante: Lucía Castro: “Os xeitos do común perante a propiedade e a débeda”. Data e hora da conferencia: mércores, 19 de outubro de 2016, ás 19 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal”. Enderezo: Avda. de Xoán XXIII, s/n. Santiago de Compostela. Conferenciante: Miguel Penas: “¿Que facemos cando pensamos? Apuntamentos dende as novas correntes da intelixencia artificial”. Data e hora da conferencia: xoves, 20 de outubro de 2016, ás 19.30 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Lugo. Enderezo: Avda. de Ramón Ferreiro s/n. Lugo. Conferenciante: Brais Arribas: “Deixar ser a diferenza: a potencia política da identidade feble”. Data e hora da conferencia: luns, 24 de outubro de 2016, ás 19:30 h.

Nome da Biblioteca: Biblioteca P. M. Os Rosales. Enderezo: Praza Elíptica 1, 1º. A Coruña. Conferenciante: Abraham Rubín: “Com-partir a fractura. Reflexións sobre a construción de comunidades”. Data e hora da conferencia: mércores, 26 de outubro de 2016, ás 19 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal”. Enderezo: Avda. de Xoán XXIII, s/n. Santiago de Compostela. Conferenciante: Abraham Rubín: “Com-partir a fractura. Reflexións sobre a construción de comunidades”. Data e hora da conferencia: xoves, 27 de outubro de 2016, ás 19.30 horas.

Novembro

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal”. Enderezo: Avda. de Xoán XXIII, s/n. Santiago de Compostela. Conferenciante: Rebeca Baceiredo: “A construción do xénero e os réximes de propiedade: un relato alternativo”. Data e hora da conferencia: xoves, 17 de novembro de 2016, ás 19.30 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Lugo. Enderezo: Avda. de Ramón Ferreiro s/n. Conferenciante: Miguel Penas: “¿Que facemos cando pensamos? Apuntamentos dende as novas correntes da intelixencia artificial”. Data e hora da conferencia: xoves, 17 de novembro de 2016, ás 19:30 h.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia. Enderezo: Avda. de Redondela 1. Ribadavia. Conferenciante: Miguel Penas: “¿Que facemos cando pensamos? Apuntamentos dende as novas correntes da intelixencia artificial”. Data e hora da conferencia: martes, 22 de novembro de 2016, ás 16 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro. Enderezo: Centro Cultural As Torres. Rúa de Emilia Pardo Bazán 17, Santa Cruz, Liáns (Oleiros). Conferenciante: Rebeca Baceiredo: “A construción do xénero e os réximes de propiedade: un relato alternativo”. Data e hora da conferencia: xoves, 24 de novembro de 2016 ás 19 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública Municipal de Narón. Enderezo: Rúa do 25 de xullo, s/n. Narón. Conferenciante: Rebeca Baceiredo: “A construción do xénero e os réximes de propiedade: un relato alternativo”. Data e hora da conferencia: venres, 25 de novembro de 2016, ás 19:00 h.

 

Filosofía nas Bibliotecas

A Fundación Euseino? convoca o Programa Filosofía nas Bibliotecas co obxectivo de fomentar e apoiar a organización de actividades e conferencias para a difusión do pensamento filosófico nas Bibliotecas Públicas galegas.

Seis filósofas e filósofos galegos propoñen senllas conferencias sobre temas diversos, entre eles, a construción do xénero e as súas relacións cos réximes de propiedade, a diferenza como unha posibilidade de chegar ao suxeito despotenciado, a posibilidade dun pensar “galego” non totalizador nin exclusivo, a intelixencia artificial e a súa influencia na vida colectiva humana, outros xeitos de relacionarnos para sobrevivir ás lóxicas dominantes e a idea de comunidade como algo inacabado, que non remata nunca, son algunhas das propostas que desde Euseino? diriximos ás bibliotecas públicas galegas e, através delas, ás lectoras e lectores do país.

Os filósofos e filósofas participantes son Roberto Abuín, Brais Arribas, Rebeca Baceiredo, Lucía Castro, Miguel Penas e Abraham Rubín. Algúns son autores habituais de Euseino? Editores, outras colaboran por primeira vez connosco. Agradecémoslles o seu apoio a esta iniciativa coa que comeza as súas actividades a Fundación Euseino?.

640px-The_Owl's_Nest_Bosch

Estamos certos de que no ámbito da cultura e do pensamento é esencial, ademais da existencia dunha plataforma de publicación de obras, o fomento de actividades coas que difundir na sociedade galega as ideas expostas polos pensadores e pensadoras na súa obra para logo poder debater libremente sobre elas coa finalidade de consolidar un pensamento non dogmático. Ademais, a colaboración coas bibliotecas públicas tamén incentiva a realización de actividades complementarias ao Programa e posibilita a participación de destinatarios de diferentes sectores sociais, culturais e educativos.

Convocatoria de 2016 [aberto o prazo]

Bases

Participantes e sinopse das conferencias

 

Encontro de pensadores novos

Os días 6, 7 e 8 de xullo celébrase en Santiago de Compostela o I Encontro Galego de Novos Pensadores, organizado polo Proxecto Derriba. O marco teórico establecido para os relatorios e mesas redondas que se han expoñer durante estas tres xeiras defínese na “Xustificación” publicada a canda o programa, onde se indica o seguinte:

“Partindo da situación da filosofía desenvolverase unha reflexión máis xeral sobre que significa e como funcionan os grupos culturais e lingüísticos minoritarios na súa interacción coas correntes e linguas predominantes. Trátase pensar que tácticas de resistencia cultural poden poñer en marcha aqueles para resistir a unha situación de colonización cultural e loitar por unha interacción máis xusta coas correntes e grupos hexemónicos sen abandonar aquelas características que os definen como formas de vida orixinais e peculiares.

En definitiva, trátase de partir do exemplo da problemática que acompaña aos intentos de facer pensamento filosófico en Galicia para ir máis alá. As cuestións que se porán sobre a mesa deben iniciar un debate que partindo da discusión técnica acerca da filosofía como ámbito do saber específico […].”

Díptico-The_Woods_that_Hears_and_Sees_Bosch

Hieronymus Bosch, “A fraga que escoita e o campo que ve” (anverso e reverso), ca. 1470-1516. Inscrición superior: “miserimi quippe est ingenii semper uti inventis et numquam inveniendis”.

Tres autores do catálogo de Euseino? van intervir con cadanseu relatorio. O luns, día 6, Abraham Rubín ha ler unha conferencia sobre “Común vs. Comunidade. O diferendo entre a potencia e o poder”; na tarde dese mesmo día, Beatriz Blanco moderará, entre outras actividades, un debate arredor da “Subalternidade” e o obradoiro sobre “Outra(s) (da) Filosofía: matriarcados imaxinarios e patri-arquivos de facto?”.

Pola súa banda, o martes, día 7, Miguel Penas vai disertar sobre “Filosofías do proceso: cartografía dunha liña menor do pensamento contemporáneo”. Nese mesmo día, á tarde, Roberto Abuín, de Axóuxere Editora, ha falar arredor de “A edición como potenciación do pensamento”.

Coincidindo con este encontro de pensadores, o xornal dixital Praza pública publica unha noticia titulada “A filosofía a debate” e un artigo de Carlos Lema no que, baixo o título “¿Que é a filosofía? (Sobre a resistencia)”, se propón un debate crítico sobre a filosofía centrada exclusivamente en pensar a realidade en función da relación humano-mundo para, en concreto, abandonar o que denomina “resistencia correlacional”, concepción situada na resistencia permanente dunha filosofía negativa, ou construtivista.

Hipóteses sobre obxectos literarios e formas de representación

Desde a publicación do artigo “Obxectos literarios e ficción dos mundos fóra da ciencia“, chegáronnos algunhas obxeccións referidas a pasos determinados dese texto; para afondar nas anteditas obxeccións, elaboramos neste artigo novo unha serie de hipóteses nas que, fundamentalmente, se trata de sacar o obxecto literario fóra da influencia das formas a priori kantianas como formas de representación da correlación suxeito-mundo.

En consecuencia, estas hipóteses só pretenden indicar algunhas das posibles liñas de reflexión sobre os obxectos retóricos non vencellados exclusivamente á representación do mundo dependente do suxeito. Simondon —cuxa filosofía expuxo tan atinadamente Miguel Penas no número 7 de Anotacións sobre literatura e filosofía— pensou a individuación a partir dos cristais, collendo a cristalización como caso da individuación dos obxectos; ¿por que non escribir, entón, a novela dos cristais ou un poema-cristal prescindindo do mundo percibido polo suxeito? ¿Por que non unha literatura da cousa en si ou a literatura como cousa en si?

Jheronimus_Bosch_exterior

Eis estas hipóteses iniciais sobre os obxectos literarios realistas e o seu arredarse das formas a priori de representación:

1) O obxecto literario ou retórico, como obxecto que é, é real. Mais esta noción de obxecto implica unha autonomía total (cómpre lembrar que, segundo Harman, as relacións non contan), polo tanto o obxecto no realismo especulativo non é obxecto porque haxa un suxeito que o percibe, non é res extensa respecto dun cogito que a apreixa.

“[…] Ese lógos irrazoable, na obra literaria, mesmamente sería o que a función da obra fixe sempre tendo en conta que deberá respectar outro principio, o de non contradición, xa que se a obra literaria, como todo obxecto, é continxente e non necesaria, a súa función de representación endexamais pode ser contraditoria, pois un obxecto ou cousa contraditoria, isto é, que contén esa mesma cousa e tamén o que esa cousa non é, sería algo necesario, logo non continxente. A obra literaria non pode incluír a alteridade ou deixaría de ser tal para se converter no que non é, nunha realidade necesaria.” [En todos os casos, agás indicación en contra, citamos do artigo “Obxectos literarios e ficción dos mundos fóra da ciencia“]

Nesta primeira hipótese, non sei fai distinción ningunha no tocante ao xénero literario, xa que os obxectos literarios non dependen das súas relacións con respecto aos outros obxectos retóricos; como tales, non se vencellan ás categorías.

2) Isto quere dicir que “as formas a priori da representación quedarían liberadas da prohibición de seren identificadas coas propiedades da cousa en si“. Logo o obxecto literario xa non ten por que representar o fenoménico ou percepción do suxeito: por iso falamos de realismo ou materialismo especulativo (do absoluto). Sublíñase aquí “propiedades”, porque o obxecto literario non se tería que identificar coas características de ningunha cousa en si que supostamente representaría senón que sería —de seu— unha cousa en si independente das súas relacións. Iso non a convertería en algo necesario, nun transcendental kantiano, por exemplo; pola contra, transformaríaa en algo totalmente continxente.

“En efecto, como apunta Meillassoux, ‘a esfera do para-nós é esencialmente perecedeira xa que é correlativa á existencia de seres pensantes e/ou viventes’ mentres que ‘o mundo en-si subsistiría á abolición de toda relación-co-mundo’ (Après la finitude, páx. 109). De aí que se poida afirmar que hai unha cousa en-si —unha esfera do en-si— e non soamente unha esfera fenoménica do para-nós. Polo tanto, esta continxencia do fenoménico supoñería tamén a mesma continxencia da súa representación. O obxecto literario, entón, xa non tería por que ser soamente unha forma de representación do fenoménico ou representación do subxectivo na súa relación co mundo (estética) senón que podería ser un obxecto en si, autónomo e continxente e, consecuentemente, emancipado do principio de razón, isto é, ‘un racional especulativo que xa non sería unha razón metafísica’ (ibid., páx. 116).”

3) A obra literaria é real como ficción, e como tal é un obxecto. Nese senso é no que o obxecto literario é real, pois a ficción forma parte da realidade, non se pode excluír desta. Mais tamén é real porque non ten por que representar as propiedades da cousa en si; non ten por que limitarse a representar o mundo fenoménico do suxeito senón que pode ser independente deste.

¿Será esta a pretensión da poesía?: véxase a lectura que fai Meillassoux de “Un coup de dés”, de Mallarmé, como poema que deixa ao azar a posibilidade de que se descubra o código numérico a partir do que foi escrito; dese xeito amosa a súa continxencia. Ou, tamén, respecto da música, a combinatoria numérica  que organiza os sons con autonomía absoluta fronte ao senso dado pola interpretación humana; de tal maneira que a música non representa, é.

4) O obxecto-novela sería unha novela que prescinde de toda relación fóra da ficción propia, que prescinde de calquera tipo de mímese, co obxectivo de funcionar autonomamente. Como un autómata, como unha máquina. A novela-maquina que xera os seus propios códigos, só comprensibles desde dentro da novela mesma: a autoficción do obxecto retórico.

 

—¿Decatouse vostede de que todo o esforzo da música moderna está destinado a facer soportables, mesmo agradables, certos acordes que nós considerabamos en principio discordantes? […] [Polo tanto,] ¿non ha pretender vostede restrinxir a música á soa expresión da serenidade? Nese caso, un único acorde había abondar: un acorde perfecto e continuo. […]

—Un acorde perfecto e continuo, si, abofé que si: un acorde perfecto e continuo… Mais todo o noso universo está entregado á discordancia —engadiu el tristemente.
André Gide, Les Faux-monnayeurs