Álbum ilustrado, novo título da Serie Onocrótalo
Dispoñible xa a través da Internet, nos próximos días hase distribuír nas librerías o novo libro do pintor Din Matamoro. Mondas tamén supón a descuberta dunha autora: María Infantes. Editado por Beatriz Fraga e con deseño gráfico de Juan Gallego, que se incorpora como colaborador de Euseino?, o libro elaborouse a partir dos debuxos naturais do pintor, está impreso en cor e encadernado en tapa dura.
Os debuxos naturais de Din Matamoro están compostos con restos de alimentos —tona de froita, cascas de legumes, peles de cebola—, dese refugallo sen valor artístico aparente xorde inadvertidamente, coa axuda da miarada de quen os contempla, a forma de algo recoñecible, engaiolador e real. A esas figuras familiares, coas que a imaxinación pode xogar dunha maneira creativa e dinámica, María Infantes engádelles un conto rimado no que a asociación de ideas e a sonoridade das verbas fai espertar situacións inesperadas.
Coma na arte povera, os materiais primarios, triviais e supostamente alleos á beleza, recuperan a enerxía, o pracer e a ilusión converténdose en personaxes. Escapan da bolsa do lixo, exploran o chan da cociña, albiscan horizontes e paisaxes, transfórmanse. O que queda do que noutrora foi gorentoso e sabedor ten agora unha vida nova grazas á arte das formas e á forza lúdica das palabras.
Libro para todas as idades, incluídos primeiros lectores, Mondas continúa a Serie Onocrótalo, concibida para achegar a arte contemporánea a un lectorado que, non necesariamente familiarizado coas linguaxes artísticas, gusta das formas, das cores e da maneira en que se relacionan. A serie publicará álbumes ilustrados concibidos por pintoras, artistas plásticos, escritoras e pensadores. Libros que, coma obxectos encontrados, espilen o pensamento e o pracer dos sentidos.
Consiga o seu exemplar:
Con tarxeta de crédito – Compra directa
Na internet – A través de Paypal
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)