“Mondas” na Tabela dos Libros

Mondas“, de Din Matamoro e María Infantes, seleccionado pola crítica

Na Tabela dos Libros do mes de maio, que publica o blogue Criticalia, entre os títulos seleccionados polos críticos literarios Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Montse Pena, Mario Regueira e Armando Requeixo, figura cunha mención Mondas, dos autores Din Matamoro e María Infantes, libro que acabamos de publicar na serie Onocrótalo. Inma Otero é quen que recomenda este álbum ilustrado no que os materiais primarios, triviais e supostamente alleos á beleza, recuperan a enerxía, o pracer e a ilusión converténdose en personaxes dun conto rimado.

 

 

SaveSave

SaveSave

Tonas, obxectos e personaxes

Xabier Viana escribe sobre “Mondas”

Na páxina Web conminúscula.com publícase un artigo sobre Mondas, de Din Matamoro e María Infantes, acompañado dun vídeo sobre o libro. Desde euseino.org queremos salientar esta achega singular de Xabier Viana e a súa interesante análise do álbum ilustrado publicado na serie Onocrótalo.

Dela tiramos dous parágrafos cos que nos gustaría animar á súa lectura completa:

“A narración de María Infantes introduce un novo elemento nesta historia. Acompaña (e amarra) a eses obxectos comúns a un novo escenario, ofrecendo ao espectador-lector unha inesperada perspectiva. Esas tonas e restos de comida xa non son obxectos, son personaxes. Poden (esixen) desenvolver as súas propias actividades. Reunidos por arte de maxia creativa arredor do papel e retidos polas palabras a unha historia, logran construír un conto entre todos.

[…]

Mondas é un libro infantil… é un manual de instrucións para adultos. É un libro que axuda a entender a dinámica do acto creativo, o papel das formas e o valor da narración para reconstruír o mundo. Arte povera desenvolto nun arco temporal preciso. Durante anos e anos, atravesando a última crise económica, Din Matamoro fotografa centos de visións residuais na súa cociña.”

O artigo e o vídeo, na ligazón mira, crea, come.

Encontro de páxina en “Mondas”. Fotografía de Xabier Viana.

Publícase “Mondas”, de Din Matamoro e María Infantes

Álbum ilustrado, novo título da Serie Onocrótalo

Dispoñible xa a través da Internet, nos próximos días hase distribuír nas librerías o novo libro do pintor Din Matamoro. Mondas tamén supón a descuberta dunha autora: María Infantes. Editado por Beatriz Fraga e con deseño gráfico de Juan Gallego, que se incorpora como colaborador de Euseino?, o libro elaborouse a partir dos debuxos naturais do pintor, está impreso en cor e encadernado en tapa dura.

Os debuxos naturais de Din Matamoro están compostos con restos de alimentos —tona de froita, cascas de legumes, peles de cebola—, dese refugallo sen valor artístico aparente xorde inadvertidamente, coa axuda da miarada de quen os contempla, a forma de algo recoñecible, engaiolador e real. A esas figuras familiares, coas que a imaxinación pode xogar dunha maneira creativa e dinámica, María Infantes engádelles un conto rimado no que a asociación de ideas e a sonoridade das verbas fai espertar situacións inesperadas.

Coma na arte povera, os materiais primarios, triviais e supostamente alleos á beleza, recuperan a enerxía, o pracer e a ilusión converténdose en personaxes. Escapan da bolsa do lixo, exploran o chan da cociña, albiscan horizontes e paisaxes, transfórmanse. O que queda do que noutrora foi gorentoso e sabedor ten agora unha vida nova grazas á arte das formas e á forza lúdica das palabras.

Libro para todas as idades, incluídos primeiros lectores, Mondas continúa a Serie Onocrótalo, concibida para achegar a arte contemporánea a un lectorado que, non necesariamente familiarizado coas linguaxes artísticas, gusta das formas, das cores e da maneira en que se relacionan. A serie publicará álbumes ilustrados concibidos por pintoras, artistas plásticos, escritoras e pensadores. Libros que, coma obxectos encontrados, espilen o pensamento e o pracer dos sentidos.

Consiga o seu exemplar:

Con tarxeta de crédito – Compra directa

Na internet – A través de Paypal
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)

Nas librerías

Lica, un personaxe fractal

A opinión do matemático Xavier Martínez Torres

O álbum ilustrado Lica, de Beatriz Fraga, un ano despois da súa publicación e logo dunha segunda edición, continúa a suscitar lecturas variadas e plurais de diferentes lectoras e lectores. Chéganos arestora a opinión de Xavier Martínez Torres, doutor en Enxeñería pola Universidade de Vigo, formado na Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Matemática aplicada e actualmente profesor na Escola de Enxeñería e Tecnoloxía e titor da UNED no CA de Pontevedra. A pregunta que se fai o profesor Martínez Torres ao abrir o libro é ¿como o ler,  desde que punto de vista? ¿Desde que nivel de abstracción? ¿Desde que nivel de profundidade?

Ilustración da páxina 7 de “Lica”.

 

Hai unhas semanas chegou ás miñas mans un libro titulado Lica por medio dun agasallo dunha profesora que, despois da realización dun obradoiro de Xeometría, regaloumo con agarimo para que puidese velo desde o prisma dun matemático de formación.

Así, ansioso por iso, ao ter quince minutos libres, pensei: “Voulle botar unha ollada…” A miña sorpresa foi que, nun primeiro momento, o libro se pode ler en tres minutos mais… ¿Desde que prisma? ¿Desde que nivel de abstracción? ¿Desde que nivel de profundidade?

Aparentemente, trátase dun libro ilustrado que un neno ou nena de curta idade pode, sen dúbida, ler e divertirse ao mesmo tempo mais que tamén, a medida que a idade (mental) avanza, un pode ir analizando todo o transfondo —que abofé a autora pretendeu proporcionar— que o libro posúe en varias vertentes.

Na vertente puramente xeométrica, a importancia dos círculos e das circunferencias que desde a época dos gregos teñen tanta relevancia polas súas brillantes características e multitude de posibilidades.

Na vertente fractal, ¿como é posible que coa mesma figura xeométrica sexamos capaces de realizar tantas versións animais diferentes? ¿Como unha simple composición da mesma forma, o círculo, pode dar lugar a tantas figuras e, neste caso, figuras animais? Ese é o poder da teoría de fractais que está tan presente en arquitectura, na arte, etc. Pois ben, a autora foi quen de mostralo neste libro.

En resumo, creo que é unha boa maneira de achegar a xeometría complexa e a profundidade das matemáticas ás persoas desde a súa idade máis temperá. Os meus sinceros parabéns á autora por iso.