Revisión do ano 2019

Ao comezar 2020, propoñemos unha selección do publicado en euseino.org durante o ano pasado. Trátase de revisitar artigos e temas, lembrar o que quedou pendente de ler e ofrecer a quen le a posibilidade de relacionar asuntos, trazar puntos e liñas de coincidencia, considerar o publicado coa perspectiva acumulativa que a súa mesma lectura fornece.

[Os artigos pódense ler completos ao calcar no seu título ou na ligazón co rubro “Siga a ler”.]

 

“Pompa de xabón”, por M. Rapine, a partir dunha imaxe de Alexandre-Blaise Desgoffe; prancha VI de “Le monde physique” (1882)

 

Febreiro

Lica, un personaxe fractal

A opinión do matemático Xavier Martínez Torres

O álbum ilustrado Lica, de Beatriz Fraga, un ano despois da súa publicación e logo dunha segunda edición, continúa a suscitar lecturas variadas e plurais de diferentes lectoras e lectores. Chéganos arestora a opinión de Xavier Martínez Torres, doutor en Enxeñería pola Universidade de Vigo, formado na Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Matemática aplicada e actualmente profesor na Escola de Enxeñería e Tecnoloxía e titor da UNED no CA de Pontevedra. A pregunta que se fai o profesor Martínez Torres ao abrir o libro é ¿como o ler,  desde que punto de vista? ¿Desde que nivel de abstracción? ¿Desde que nivel de profundidade?

[Siga a ler]

A ficción ficticia

Consideracións intempestivas sobre a novela

O ficticio na novela non é a propia ficción. A novela é un tipo de representación e, como tal, non ten obriga ningunha de acceder á verdade. Mais existe como tal representación, logo é real.

Como obxecto que representa. Ese é o senso no que a ficción narrativa é real. Non como presenza encarnada dunha verdade senón todo o contrario. Por iso, a ficción ha de ser unha presenza adiada. A representación non require presenza, de aí que permita a acción da reflexión, a distancia do lector, daquel que “recolle” e “escolle”. A ficción representada é o obxecto real da novela, non o é a verdade. Mais, ¿pode haber novelas falsas, ficcións que nos queiran engaiolar facéndose pasar por novelas auténticas?

Neste artigo pretendemos reflexionar sobre esa ficción ficticia. ¿É a daquelas novelas que se someten á verdade, a daquelas que cuestionan a súa realidade ao someterse á historiografía? ¿A das que se deixan asoballar pola actualidade para procurar convencer? ¿Ou é a daqueloutras que explican a vida de quen as escribe, que nos transmiten a súa maneira de percibir e entender o mundo? ¿A novela ha de ser a narración dunha experiencia ou algo absurdo e fantástico sen aspiración de recrear a realidade? ¿Debe ser a ficción un medio de acceder ao mundo ou unha maneira máis de transmitir unha verdade? ¿Cal é o papel do novelista, debe ser o dunha testemuña fiel ou pode finxir, enganar e seducir con tal de conseguir os seus fins? ¿Cales son estes? ¿Cal é a ficción real, cal a ficticia?

[Siga a ler]

 

Marzo

“Os obxectos eternos”, por Mario Losada

Arte e literatura no reino dos obxectos eternos

Publicamos a seguir un artigo de Mario Losada, filósofo que continúa o maxisterio de A. N. Whitehead e a súa filosofía do proceso, unha das obras do século XX actualmente máis influentes. Este artigo de Mario Losada é un adianto do que vai ser o seu libro “A orde dos obxectos”, que imos publicar o outono próximo na colección Casabranca. Losada centra a súa argumentación nos “obxectos eternos” de Whitehead, que son una versión dos universais adaptada á primacía metafísica do evento. A arte, a literatura e a crítica aos ideais van máis alá do efectivamente realizado para introducirse nas potencialidades non realizadas no “reino dos obxectos eternos”. Non se trata dun acceso puro xa que tales formas de experiencia forman parte de eventos concretos en contornas concretas, o que as condiciona como elementos de actividades sintéticas en proceso de determinación. A arte, a literatura e a crítica son “suxestións alternativas” ao efectivamente realizado, o seu punto de apoio é a actualidade, constrúense por referencia a ela. Son unha posibilidade realizada que se determina positivamente por referencia á totalidade das potencialidades non realizadas.

[Siga a ler]

“Do ‘novum’ e da novela”, por Roberto Abuín

En diálogo co publicado aquí mesmo en “A ficción ficticia”, neste artigo que reproducimos a seguir, Roberto Abuín propón unha reflexión filosófica arredor do asunto da novela, da articulación de tempo, actualidade e representación no discurso narrativo. A novela como forma do mundo que xorde dunha intención representable na que se simula, como nun reflexo —espello ao longo do camiño tal e como o colocaba Stendhal—, o presente. Un presente que o é dun suxeito e, consecuentemente, dalguén que o representa con engado. O que postula Abuín neste artigo polemiza, ao cabo, coa proposta do artigo citado máis arriba, artellada arredor dunha ficción real, reificada, producida como inscrición e fixación. Por unha banda, a vida representada, a ficción real, como posibilidade de vida e, pola outra, o acontecemento que foxe da fixación da representación e vai cara á destrución dos xéneros literarios. Nesa diverxencia elabórase o diálogo filosófico que xorde destes dous artigos e se cadra tamén se podería elaborar a representación narrativa. Sen a necesidade de fuxir eternamente do consenso mais tamén sen a seguridade permanente dunha verdade que non é tal: a da ficción ficticia. Agora, last but not least, agardamos pola opinión dos novelistas.

[Siga a ler]

 

Abril

Tonas, obxectos e personaxes

Xabier Viana escribe sobre “Mondas”

Na páxina Web conminúscula.com publícase un artigo sobre Mondas, de Din Matamoro e María Infantes, acompañado dun vídeo sobre o libro. Desde euseino.org queremos salientar esta achega singular de Xabier Viana e a súa interesante análise do álbum ilustrado publicado na serie Onocrótalo.

[Siga a ler]

 

Xullo

Apuntamentos sobre a beleza

Continxencia e sublimidade

O punto de vista estético é esencial para artellar esta argumentación. Iso débese ás implicacións cognitivas das ideas de beleza e sublimidade. Non se trata dun esteticismo vacuo nin dun sublime transcendente senón do recoñecemento da continxencia como único absoluto, dado que o sublime corresponde á posición dese recoñecemento.

O sublime, como apuntamos no seu día no artigo Xustificación estética da vida, é o que lles fai lembrar aos seres humanos a posibilidade de seren destruídos e, polo tanto, o que lles fai tomar unha posición con respecto á continxencia. O triunfo da Idade Moderna, que se comenzou a anunciar co Idealismo, significa a conclusión dun labor que ten como obxectivo facer o sublime accesible ao ser humano común.

[Naturphilosophie: ¿é posible un idealismo obxectivo?]

Apolo

A historia da arte é a historia da descuberta da súa esencia verdadeira e, nese constructo, Apolo representa o cumio da arte grega, non soamente como expresión da beleza senón como expresión perfecta da liberdade. Winckelmann emprega o mito grego para elaborar un mito moderno. A liberdade na que se alicerza o pacto social da Idade Moderna sería o equivalente á perfección da beleza e do equilibrio apolíneos. Este vencello determina, polo tanto, a preferencia dos estudosos clásicos modernos por Apolo e a súa oposición a Dionisio.

[Un mito moderno: apolíneo e dionisíaco]

[Siga a ler]

 

Agosto

Máis apuntamentos sobre a beleza

[Continuación do artigo “Apuntamentos sobre a beleza” (8-VII-2019), desta volta centrado na repetición e na representación como medios de acceso á beleza.]

 

O ideal

[…] De aí que o fracaso se vencelle co progreso pois o primeiro, ao non cumprir a acción totalmente, ao non acabala, abre a posibilidade da repetición tal como Kierkegaard a entendía, como a asunción do fracaso do actual e a súa conseguinte perda no tempo, ou fixación do virtual nunha representación.

[Siga a ler]

 

Setembro

Mario Regueira escribe sobre “A monstruosidade moderna”

Na edición impresa do semanario Sermos Galiza con data 12-9-19, o crítico literario, poeta e narrador Mario Regueira escribe unha recensión da Monstruosidade moderna, o libro de Carlos Lema recentemente publicado na colección Casabranca. O artigo comeza dedicándolle unhas liñas ao labor editorial de Euseino? para centrarse logo na análise da obra.

[…] cun estilo esixente, á altura do tema e do enfoque escollido, Lema ocúpase da figura do artista na modernidade, marcado particularmente pola mudanza de concepto en canto á produción de obras. Moi relacionado con isto, especialmente a través das reflexións sobre a loucura, pero desde un ángulo diferente, a segunda parte do libro fálanos da relación entre a poesía e o discurso infantil […]

[Siga a ler]

 

Outubro

Chus Pato: sobre o estado da poesía

Publicamos de seguido o discurso lido pola poeta Chus Pato nos XXXV Encontros de Escritores e Críticos convovados baixo o título “O estado das poesías IV (2005-2019)” e celebrados os días 12 e 13 de setembro de 2019 na Casa de Verines (Llanes, Asturias).

Chus Pato —baixo a advocación de Hölderlin— achégase á condición na que se dá a poesía, guíanos polo estado (ou os estados) da poesía. A poeta conta como Petrarca ascendeu ao cume do monte Ventoso levando as Confesións de Agostiño de Hipona (véxase tamén “Pensar a literatura, 3”) e, despois desa experiencia, descendeu para atopar o poema.

Neste discurso —lembremos o discurso “O Meridiano”, de Paul Celan—, Chus Pato entreabre a porta do poema para chegar á conclusión de que “ese paseo polos cumes, as montañas e as escrituras lévanos a soster que o natal, para un poeta, é unha escritura; que o que nace a un ou a unha poeta —o seu suxeito— é un poema ao que il ou ela ceden a súa sinatura”. Os estados da poesía levan a un poema “perdido, inmemorial, limitado e atravesado polo informe, como unha respiración”.

[Siga a ler]

 

Novembro

¿Antifilósofos?

Filosofía popular –ou mundana— fronte a filosofía de escola —ou sistemática

Hai filósofos modernos que se poderían describir como antifilósofos. Os antifilósofos non son simplemente aqueles que desconfían da filosofía senón pensadores que non están satisfeitos co estilo de filosofar dominante na súa época. Algúns, coma Soren Kierkegaard, de Dinamarca, son de nacións periféricas; outros son filósofos e literatos, coma Jean-Paul Sartre, e outros, coma Friedrich Nietzsche, renegaron do ensino académico […]

[Siga a ler]

 

Decembro

X. M. Eyré escribe sobre “A monstruosidade moderna”

O crítico literario Xosé Manuel Eyré acaba de publicar unha recensión de A monstruosidade moderna, de Carlos Lema, no seu blogue Ferradura en Tránsito II. Co título de Aproximación á Monstruosidade moderna ou o espello á fronte, Eyré comeza o artigo coa seguinte puntualización:

“A risco de non ser exhaustivo mais si fiel ao meu interese lector, en A monstruosidade moderna atopo dous núcleos temáticos que para min son de sumo interese: a concepción do artista moderno, na primeira parte do libro, e a emancipación da muller por medio da cultura, na terceira parte. Iso non quere dicir que a segunda parte ( a representación a través da poesía, da infancia e da alma) ou a conclusión ( onde a pólis moderna xa non se articula directamente sobre o cidadán senón a partir das súas decisións sobre a representación) fiquen relegadas ou me merezan menos consideración. Só que, como crítico literario que son, é lóxico que as outras dúas me interesen máis.”

[Siga a ler]

 

[Pode acceder ao resto dos artigos en “Arquivo”, na parte inferior desta páxina web. Recomendamos tamén un tipo de consulta diferente, empregando para iso as “Etiquetas” situadas tamén ao pé da páxina. Grazas pola súa lectura.]

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

X. M. Eyré escribe sobre “A monstruosidade moderna”

O crítico literario Xosé Manuel Eyré acaba de publicar unha recensión de A monstruosidade moderna, de Carlos Lema, no seu blogue Ferradura en Tránsito II. Co título de Aproximación á Monstruosidade moderna ou o espello á fronte, Eyré comeza o artigo coa seguinte puntualización:

“A risco de non ser exhaustivo mais si fiel ao meu interese lector, en A monstruosidade moderna atopo dous núcleos temáticos que para min son de sumo interese: a concepción do artista moderno, na primeira parte do libro, e a emancipación da muller por medio da cultura, na terceira parte. Iso non quere dicir que a segunda parte ( a representación a través da poesía, da infancia e da alma) ou a conclusión ( onde a pólis moderna xa non se articula directamente sobre o cidadán senón a partir das súas decisións sobre a representación) fiquen relegadas ou me merezan menos consideración. Só que, como crítico literario que son, é lóxico que as outras dúas me interesen máis.”

Ao facer unha lectura pormenorizada do libro, Eyré tamén fai unha reflexión sobre os temas que salienta:

“Suxeitos. Xenialidade. Subxectividade, Obra de arte. Representación. Representación : realidade, que non é o mesmo que realidade ideal aínda que esta sexa operada polo suxeito, entendemos, pois na correlación mundo-pensamento aparecen as nocións de liberdade e disenso.”

Para deterse especialmente nos ensaios que se ocupan das mulleres e a cultura, algo que para o crítico é importante pois  ensaio “As fadas modernas. Primeiras autoras, infancia e literatura” resulta un “xusto e oportuno recoñecemento ás mulleres como autoras e como motor da consolidación da novela. […] Parécenos fundamental este recoñecemento ao papel da muller na construción dun novo xénero, a novela”.

Segundo a opinión de Eyré:

“Carlos Lema ofrécenos un adianto do que será ‘o contrafío das mulleres’, ou como estas acceden á súa emancipación mediante a creación, o que as sitúa en pelna tradición moderna, onde a creación ex novo resulta fundamental.”

A recensión conclúe cunha síntese do último dos ensaios do libro de Lema, para quen, segundo o crítico, “na tardomodernidade a política se formaliza como produción e consumo de poder por parte dos suxeitos”.

“Antes analizouse a obra de arte como representación, o artista como produtor, agora conclúese con algo que é fundamental nos nosos días: a (política como) consunción.”

Para rematar o artigo de Ferradura en Tránsito II con esta consideración:

“Ao longo desta demorada aproximación a A monstruosidade moderna, tivemos ocasión de reparar en conceptos que había tempo que non xurdían no discurso literario, aínda máis: no discurso crítico da literatura. Conceptos tales como “xenialidade”, “sublime”, “orixinalidade”, ao que hai que engadir a “verosemellanza”. Conceptos clave ao falar de literatura, que parecían esquecidos e que representan o mellor que a obra de arte nos pode ofrecer. Ao que hai que engadir esoutro concepto fundamental: a monstruosidade, que xorde cando calquera individuo se erixe en produtor (fíxense que non digo creador) de arte ademais de consumidor.”

Unha lectura, a de Xosé Manuel Eyré, pormenorizada, atenta e rigorosa; nela, o labor do crítico suxire posibles interpretacións, indica vías de reflexión e serve de guía aos lectores que escollan seguir os seus pasos.

 

 

SaveSave

SaveSaveSaveSaveSaveSave

SaveSave

SaveSave

¿Antifilósofos?

Filosofía popular –ou mundana— fronte a filosofía de escola —ou sistemática

Hai filósofos modernos que se poderían describir como antifilósofos. Os antifilósofos non son simplemente aqueles que desconfían da filosofía senón pensadores que non están satisfeitos co estilo de filosofar dominante na súa época. Algúns, coma Soren Kierkegaard, de Dinamarca, son de nacións periféricas; outros son filósofos e literatos, coma Jean-Paul Sartre, e outros, coma Friedrich Nietzsche, renegaron do ensino académico:

Ceterum censeo Basileam esse derelinquendam [“Por outra banda, penso que cómpre abandonar Basilea”, afirma Nietzsche repetindo a frase famosa de Catón o Censor. ]. Coñezo o xuízo de persoas de todo tipo e das máis diversas rexións de Suíza: todos concordan en afirmar que Basilea ten un aire nocivo, oprimente, que favorece as doenzas da cabeza. Hai xa anos que non teño a cabeza completamente libre, como pola contra me pasa aquí [escribe desde Xenebra, o 11 de abril de 1879] decote. Ademais: só aturo ler e escribir durante 20 minutos. Ergo: Academia derelinquenda est. ¿Non si?” (Friedrich Nietzsche, Epistolario 1875-1879, vol. III, páx. 361)

A puntualización é útil para lembrar a diferenza, moi común na Alemaña do século XVIII, entre filosofía popular e filosofía de escola. A filosofía popular, ademais de dirixirse a calquera tipo de público sen cinguirse ao puramente académico, ten moito que ver coa forma artística e, en coherencia con ela, obedece a formas e recursos determinados, entre eles a literatura, as cartas e os aforismos, mentres que a escolástica, ou concibida para o ámbito da escola, está dominada pola noción de sistema e, en consecuencia, polas esixencias metodolóxicas antes ca pola necesidade de desvíos que ten o pensamento.

Deseño téxtil de Varvara Stepanova,1924.

Sistema e filosofía asistemática

Kant concibía a filosofía como un sistema que depende dun principio que lle comunica a súa unidade. Logo a unidade é sen dúbida a condición de toda forma sistemática e a forma sistemática o carácter de toda ciencia digna dese nome; mais a cuestión sería saber se, polo menos en filosofía, esa unidade resulta dun principio único ou se en si mesma non é un todo complexo.

Jules Barni define a noción de sistema en Kant como “unha división perfectamente metódica e absolutamente completa”. Refírese precisamente á obra que traduce para o francés, os Elementos metafísicos da doutrina do dereito, velaquí a súa interesante matización:

“No prefacio, Kant explica por que dá á súa obra o título de Elementos metafísicos da doutrina do dereito en troques do de Sistema metafísico do dereito. É porque nela a idea de dereito tamén debe ser considerada na súa aplicación aos casos particulares fornecidos pola experiencia e, ao non poderen eses casos dar lugar a unha división perfectamente metódica e absolutamente completa, non se sabería enxergar aquí a pretensión de establecer un sistema verdadeiro. Limitarase, pois, a propoñer no texto os elementos ou os principios do sistema sen pretender construír o sistema enteiro. A aplicación da idea do dereito a casos da experiencia será obxecto de escolios separados.”

Logo, a filosofía só pode elaborar un sistema cando o seu material non atingue a pragma, a cousa ou o “feito”, e o seu derivado: o material pragmático que configura a realidade desde o momento en que aparece nela como unha modalidade de presentación (o inmediato, ou non mediado); si que o pode facer, pola contra, cando trata coas representacións (o mediato, ou atinguido mediante unha mediación) utilizando os conceptos e a súa función, é dicir, de maneira mediada. Esa é a noción fundamental da Idade Moderna e, polo tanto, do mesmo pensamento de Kant: a representación é a mediación; tanto para o coñecemento coma para o pacto social, a representación é a mediación pola que se configura o correlato suxeito-mundo.

Esa é a razón pola que nunha linguaxe asistemática, con maior dependencia do suxeito, a correlación adquire maior preponderancia. De aí que un sistema asistemático —singularmente aqueles que dependen sobre todo de pensamentos subxectalistas— aínda requira en maior grao unha linguaxe específica, a linguaxe do suxeito que pensa, isto é, un idiolecto, ou linguaxe identitaria. A partir da Ilustración, esa tendencia a limitar a realidade clausurándoa no pensamento, interpretando a devandita clausura do pensamento sobre si non como síntoma da súa finitude senón como consecuencia da súa necesidade ontolóxica, é a dominante na filosofía.

Velaí o motivo de que na clausura do pensamento en si mesmo estea a orixe da súa limitación como linguaxe e, máis concretamente, como linguaxe do suxeito transcendental que rexe o correlato humano-mundo. Logo todo sistema é unha representación e, como tal, asume unha impotencia que é o límite do mesmo pacto que lle permite existir. O que queda fóra desa clausura, todo o que non ten significado dentro dela, non existe.

A subsecuente incapacidade de acadar un absoluto exterior á antedita clausura pon de relevo a función da filosofía especulativa como a daquela filosofía que, pola contra, afirma acadar o absoluto e do materialismo como aquel pensamento que accede a un absoluto que é ao mesmo tempo externo ao pensamento e está desprovisto de toda subxectividade.

Nun dos seus escritos sobre Descartes, Paul Valéry describe axeitadamente a clausura da subxectividade no correlato e a súa incongruente relación coa idea de sistema:

“Mais todo sistema é unha empresa do espírito contra si mesmo. Unha obra non expresa o ser dun autor senón a súa vontade de parecer, que é a que escolle, ordena, decide, enmarcara, esaxera. É dicir, que unha intención particular trata e traballa o conxunto dos accidentes, dos xogos do azar mental, dos produtos de atención e de duración consciente que compoñen a actividade real do pensamento; mais este non quere parecer o que é: quere que esa desorde de incidentes e de actos virtuais non conte, que as súas contradicións, os seus desprezos, as súas diferenzas de lucidez e de sentimentos sexan reabsorvidos. De aí resulta que a restitución dun ser pensante unicamente fundada no exame dos textos leva á invención de monstros tanto máis incapaces de vida canto o estudo foi máis coidadosa e rigorosamente elaborado, cantas máis conciliacións de opinións endexamais producidas no espírito do autor houbo que realizar, explicar escuridades que el soportaba, interpretar termos cuxas resonancias eran singularidades dese espírito, impenetrables a el mesmo.” (Paul Valéry, “Une vue de Descartes”, Œuvres, pos. 2359)

 

Instrumentalidade e non instrumentalidade do sistema

Desde outro punto de vista que intenta integrar o non instrumental na instrumentalidade característica do sistema, Wilfrid Sellars indica que mesmo un cosmos de instrumentalidades ten conexión con aquilo que o trascende. O que este autor denomina dominio de obxectos-de-esforzo debe incluír as non-instrumentalidades e non simplemente unha comparación con elas. Nese senso, engade, a “vida racional” inclúe, ademais de as utilizar, as instrumentalidades, as receitas e as Formas (incluídos os materiais brutos) que abrangue.

“Unha parte esencial da vida racional é a contemplación da estrutura intelixible […]”

No Filebo (64B), Sócrates di: “[…] estamos protexidos polo que se pode chamar un sistema ordenado e incorpóreo para o axeitado control do suxeito corpóreo no que reside a alma”.

A defensa que leva a cabo Sellars da representación como cousa intelixible fai que pensemos en que o non instrumental, ou o antiinstrumental que sería unha parte importante do material empregado polos antifilósofos, forma parte dese intelixible no que Hans Blumenberg situaba iso que el chamou inconceptualidade: o que non é conceptual como necesidade inevitable da mesma noción do concepto (“A inconceptualidade ao servizo do concepto”).

“O esquema é que a racionalidade se poida producir mesmo no acto de admitir o que non se pode xustificar racionalmente, na lexitimación da ‘relevancia’ dos produtos desbotados. Esa é a complexidade da cuestión” (Hans Blumenberg, Teoria dell’inconcettualità, páx. 27).

O que non se representa tamén está na representación. Por iso o antifilósofo tamén é un filósofo.

De aí que na poesía, por exemplo, a autonomía non se opoña ao sistema compositivo. A composición, o ton e a dicción derivan organicamente (órganon é “instrumento” en grego antigo) da propia legalidade. Todo se transmite simultaneamente ao receptor grazas a unha retórica que instrúe na súa decodificación ao tempo que amosa a súa potencia primixenia e a súa procedencia dunha fonte acomún ata daquela oculta. Non hai nada enigmático, todo se asimila como parte da composición. Os enigmas participan nela como tales, sen esixencias.

 

Filosofía do compacto

Para lograr esa integración do material non instrumental e asistemático na filosofía sen necesidade de ser un antifilósofo, cómpre afastarse da renuncia da metafísica moderna ao que Tristan Garcia chama substancia compacta: o compacto é a posibilidade do imposible (do en si) coa condición do seu fracaso.

Esa renuncia da filosofía moderna tamén é a renuncia á cousa: é o caso de Bergson ou o de Whitehead mais tamén o de Wittgenstein, que fai do estado das cousas o compoñente do mundo. Logo a fórmula do compacto permite pensar que o mundo non só está composto de acontecementos, de fluxo, de estado de cousas ou de puras diferenzas senón realmente de cousas; mais de cousas non substanciais.

“O feito de que as cousas non sexan substanciais, que non o sexan en si mesmas, está vencellado ao feito de que as cousas están todas fóra de si, están no mundo.” (Tristan Garcia, “Sur le Quelque chose”)

O antifilósofo é quen filosofa fóra de si porque non dá concibido a posibilidade do compacto. A posibilidade dunha filosofía que poida pensar as cousas e as representacións como cousas, incluíndo o fracaso que libera estas últimas da necesidade de acceder á substancia.

 

Bibliografía

Blumenberg, Hans, Teoria dell’inconcettualità, texto establecido por Anselm Haverkamp, tradución de Sandro Gulì, Palermo: duepunti edizioni, 2010.

Garcia, Tristan, “Sur le Quelque chose”, “Do algo”, traducido do francés por Carlos Lema, próxima publicación en Anotacións sobre literatura e filosofía.

Kant, Emmanuel, Éléments métaphysiques de la doctrine du Droit (Première partie de la Métaphysique des moeurs) suivis d’un essai philosophique sur la paix perpétuelle et d’autres petits écrits relatifs au droit naturel, traducido por Jules Barni, París: Auguste Durand, Libraire, 1853.

Nietzsche, Friedrich, Epistolario 1875-1879, vol. III, edición italiana realizada a partir do texto crítico establecido por Giorgio Colli e Mazzino Montinari, Milán: Adelphi Edizioni, 1995.

Sellars, Wilfrid, “The Soul as Craftsman: an Interpretation of Plato on the Good” in Philosophical Perspectives (Springfield, Illinois: Charles C. Thomas, Publisher, 1967; reimpreso en dous vols. por Ridgeview Publishing Co.): Part. 1: Hisory of Philosophy, pp. 5-22. Transcrito ao hipertexto por Andrew Chrucky, 30 de xullo de 2004.

Valéry, Paul, “Une vue de Descartes”, Œuvres, edición establecida e anotada por Jean Hytier, Bibliothèque de la Pléiade, tomo I, París: Éditions Gallimard, 1957.