Eyré sobre “Emerxencia”

A prol da salvagarda do rexistro electrónico e dixital galego

Saudamos e celebramos a nova etapa de Ferradura en tránsito, a época II desta imprescindible e xenerosa achega do crítico literario Xosé Manuel Eyré. Lamentamos que Blogaliza desapareza e con ela a posibilidade de consultar en acceso aberto centos de críticas, entrevistas e outros textos e obras de grande interese para a cultura galega. Preguntámonos se hai algunha institución que arquive e preserve toda esa riqueza que abrolla nas páxinas webs e nos blogues galegos; se non a hai, deberíase crear o antes posible para que non aconteza que os artigos de páxinas coma Ferradura en tránsito desaparezan e se perda unha parte importante da historia da cultura galega deste século. Xa non abonda con preservar os libros e outras publicacións impresas, é necesario salvagardar a cultura que se expresa a través dos medios electrónicos e dixitais, gardar os rexistros do noso paso polo mundo.

Precisamente, Maurizio Ferraris é un dos autores que máis leva reflexionado sobre a inscrición e o rexistro (véxanse os artigos “Catálogo do mundo, 1″ e “Catálogo do mundo, e 2”). A idea inicial do filósofo italiano coincide con esa necesidade de apreixar todo o existente, esa é a razón de que, segundo Ferraris, se cataloguen exemplares, é dicir, individuos que posúen características xeneralizables.

“Se a meirande parte dos sistemas modernos está elaborada, sobre bases kantianas, a partir dos suxeitos (do Eu puro ou das súas transformacións ata o Ser-aquí de Heidegger ou ata o ser en situación de Sartre), o que propoño é, pola contra, un sistema aristotélico que dá preminencia aos obxectos e que precisamente substitúe o Eu transcendental pola idea do catálogo”. (Maurizio Ferraris, Documentalità. Perché è necessario lasciar tracce, Roma-Bari: Editori Laterza, 2009, p. 8)

Sobre Ferraris e o seu libro Emerxencia escribe Eyré dous artigos: “Crítica de Emerxencia” e “Subliñados de Emerxencia”. No primeiro fai unha recensión pormenorizada e rigorosa do ensaio do autor italiano publicado por Euseino? en tradución de Inma Otero Varela.

“Maurizio Ferraris, un dos principais filósofos europeos, realiza unha posta a punto de filosofía emerxencial nesta obra de 2016, que conta con versión galega antes que castelá. Desde o punto de vista realista propón un emerxentismo metafísico baseándose nun empirismo transcendental e estuda a filosofía trascendental na ontoloxía, na epistemoloxía e na política, que son os tres apartados nos que organiza o libro.”

Co seu rigor habitual, no segundo dos artigos Eyré volve empregar o recurso da cita, recurso que popularizou co carimbo de “subliñados” e que é unha das características sobranceiras deste lector impenitente e coidadoso.

Benvida esta Ferradura en tránsito II, un dos rexistros do pensamento que axudan a que a literatura e a filosofía galega existan.

 

SaveSave

SaveSaveSaveSaveSaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

Novidade: “Emerxencia”, de Maurizio Ferraris

Temos a satisfacción de anunciar a publicación de Emerxencia, de Maurizio Ferraris, traducido do italiano por Inma Otero Varela. Euseino? Editores pon nas mans de lectoras e lectores a máis novidosa achega do filósofo italiano, profesor na Universidade de Turín, onde dirixe o Centro Interuniversitario de Ontoloxía Teórica e Aplicada, e autor de títulos coma Dove sei? Ontologia del telefonino (2005, Premio Filosófico Castiglioncello) e Manifesto del nuovo realismo (2012).

Maurizio Ferraris xoga neste libro coa irónica ambigüidade do título: a emerxencia evoca a urxente necesidade da filosofía contemporánea de arranxar as contas coa Realidade; mais emerxencia tamén é a definición do que “emerxe”, de como chegan a existir os individuos e os acontecementos reais. Cunha linguaxe creativa e con argumentos irónicos e concluentes, o filósofo conta unha historia diferente e verdadeiramente revolucionaria. A realidade, e o pensamento que a coñece, proveñen do mundo a través de procesos e explosións, colisións, interaccións, resistencias e alteridades que non deixan de sorprendernos. Do Big Band ás térmites, da Web á responsabilidade moral, todo o que o mundo nos dá (ou sexa, todo aquilo que é) emerxe independentemente do Eu e da súa claustrofobia.

Segundo escribe Roberto Esposito, “Ferraris é o maior intérprete do ‘realismo novo’ “, filosofía para a que “o real non é tanto o que di ‘non’ ás nosas tentativas de manipulación coma o que, máis ben e precisamente por iso, abre outras posibilidades de intervención, indicándonos que cousas se poden facer.” […] “Logo de distinguir entre ontoloxía —a realidade inemendable dos ‘feitos’— e epistemoloxía, é posible recoñecer a súa realización, é dicir, a emerxencia da segunda a partir da primeira. Os valores, malia seren diferentes dos feitos, non son independentes deles senón que é neles onde radican.”

En efecto, Ferraris divide o libro en tres partes: ontoloxía, na que se trata de realidade e verdade, da ética e da falacia transcendental; epistemoloxía, onde se diferencia entre significado pentecostal e significado emerxencial e se salienta a importancia da inscricióne política, na que se desenvolven as nocións de fariseísmo, Foukant, culturalismo, servidume voluntaria, emancipación e acción exemplar, entre outras.

Consiga o seu exemplar:

Na internet
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)

Nas librerías

SaveSave

SaveSaveSaveSave

SaveSaveSaveSave

SaveSaveSaveSaveSaveSaveSaveSave

Eyré sobre “Filosofía da individuación”

O crítico literario Xosé Manuel Eyré publicou este agosto pasado unha recensión de Filosofía da individuación, de Miguel Penas, no seu blogue Ferradura en tránsito. Co título de Seguindo a Simondon, Eyré fai unha análise descritiva do contido do libro e pregúntase:

Pero que son as filosofías do proceso? En que consiste a filosofía da individuación? Para dar resposta a estas preguntas, Miguel Penas segue fundamentalmente ao filósofo francés Gilbert Simondon cando denuncia que a metafísica occidental “concede un privilexio ontolóxico ao ser xa constituído”.

Co seu rigor habitual e facendo unha lectura pormenorizada do libro do filósofo da Coruña, Eyré emprega o recurso da cita, recurso que popularizou no seu blogue co carimbo de “subliñados” e que é unha das características sobranceiras deste lector impenitente e coidadoso ao que lle temos que agradecer varias décadas de compartir o seu interese polos libros cos lectores (e lectoras) galegos. Beizón desde euseino.org ao Xosé Manuel Eyré pola súa dedicación á crítica literaria e pola súa axuda na difusión das publicacións de filosofía.

Non importa se a realidade é inerte ou animada, pensante ou non, o que importa é que proceso e produto son pensados ao mesmo tempo.

 

 

SaveSave

SaveSaveSaveSaveSaveSave

SaveSave

SaveSave

“Filosofía da individuación”, na Tabela dos Libros

Na Tabela dos Libros do mes de xuño, que publica o blogue Criticalia, entre os títulos seleccionados polos críticos literarios Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Montse Pena, Mario Regueira e Armando Requeixo, figura con dúas mencións Filosofía da individuación, de Miguel Penas, libro que acabamos de publicar na colección Casabranca. Inma Otero e Armando Requeixo son os que recomendan este ensaio filosófico centrado na reflexión sobre a realidade, as relacións e os individuos.