“Pedras do raio”, ou dardos de fadas

Un ser humano que mira para unha rocha ou que a usa para esnaquizar outros obxectos sería responsable de converter a realidade da rocha nunha imaxe do estar-a-man desa realidade, mais unha rocha que bate contra outra rocha supostamente non faría tal cousa. […] Cada rocha ten de seu incontables calidades; obviamente, as máis delas non rematan en colisión ningunha. […] As relacións, per se, sempre son a tradución dunha forza, sempre nos dan algo un tanto diferente do que son os termos da relación mesma.

Graham Harman, “A persoa cero e a psique”

Ata o século XVII seguía vixente unha idea mítica sobre as ceraunias, que xa se constatara no tratado Naturalis Historia, de Plinio o Vello (23-79). Durante as primeiras décadas do XVIII, diversos autores comezan a formular a hipótese de que as pedras denominadas ceraunias nas obras dos clásicos, en lapidarios medievais e en textos de mineraloxistas do século XVII, fosen antigos instrumentos elaborados polo ser humano nunha época anterior, antes de coñecerse os metais. Ao mesmo tempo, aparecen as primeiras publicacións sobre supostos fósiles humanos.

Frans_Francken_(II),_Kunst-_und_Raritätenkammer_(1636)

Na Metallotheca (1717), obra póstuma de Michele Mercati, recóllese por vez primeira a devandita interpretación das pedras denominadas ceraunias como instrumentos humanos, ademais de recompilarse nela unha das máis importantes coleccións de rochas, minerais e fósiles reunidas durante o século XVI. Graduado en medicina e filosofía, Michele Mercati (San Miniato 1541- Roma 1593) foi encargado do Xardín Botánico do Vaticano cos papas Pío V, Gregorio XIII, Sixto V e Clemente VIII, do que tamén foi médico.

A obra Metallotheca: opus posthumun foi escrita no século XVI, aínda que a súa publicación foi adiada ata a primeira metade do XVIII. Grazas á intervención do médico e epidemiólogo italiano Giovanni Maria Lancisi (Roma 1654-Roma 1720), e coa axuda de Pietro Assalti (Acquaviva Picena, 1680- Roma, 1728), puido imprimirse por fin o manuscrito. Assalti, nomeado profesor de Botánica na Universidade de Roma en 1709, foi tamén autor dunhas anotacións para a Metallotheca de Mercati.

O médico italiano lembra no seu texto que, segundo a Biblia, antes do diluvio universal se traballaba o ferro e que se atribuía a Tubalcaín (que representa a metalurxia e o progreso) a súa invención e aproveitamento técnico. Ante as dificultades de atopar ese mineral, a maior parte dos pobos empregaban ferramentas de pedra nos tempos posdiluvianos. Foi preciso esperar aos movementos migratorios para o coñecemento e difusión da metalurxia do ferro e para que o seu uso se xeneralizase. Mercati remata cun discurso sobre as ceraunias correntes, denominadas Sagitta, afirmando que eran puntas de frecha que considerou armas de pedra elaboradas polo home. Asegura que non se trataba de “xogos da natureza”, aínda que deixa aberto o tema ante a posibilidade de que, nalgún caso, puidesen proceder dun raio caído durante unha tormenta (as fulguritas).

Pese ás limitacións históricas e conceptuais da obra de Mercati, esta influíu nas memorias sobre as “pedras do raio” que presentaron Antoine de Jussieu na Académie Royale des Sciences de París, en 1723, e Nicolas Mahudel na Académie Royale des Inscriptions et Belles-Lettres, en 1734. O botánico e naturista Jussieu baseou o seu traballo nun método de comparación etnográfico, salientando as semellanzas das pedras do raio coas armas líticas dos pobos indíxenas do Caribe e do Canadá. Mentres que Mahudel, médico e especialista en antigüidades, realizou unha comparación tipolóxica ao apoiar o seu discurso na semellanza funcional das “pedras do raio” coas ferramentas de bronce.

O misioneiro franciscano, xeólogo, paleontólogo e naturista José Torrubia, ou Torrubio (Granada 1698-Roma, 1761), no seu libro Aparato para la historia natural española (tomo primeiro, IX: “De los huesos petrificados de Teruel”) fala tamén das ceraunias.

Atopadas de xeito casual polos labregos ao traballar a terra, estas pedras afiadas con forma puntiaguda eran consideradas pedras de orixe celeste ou divina. Nas Illas Británicas, críase que estas puntas de sílex eran dardos que usaban as fadas cando desexaban facer mal a alguén, por iso eran coñecidas alí como Fairy Dart (dardos de fadas) ou tamén como “dardos de elfos”. En Suecia denomínanse “mallas de Thur”; en Finlandia “pedras de Ukko” (deus do tempo, das colleitas e doutros usos naturais) e, na illa indonesia de Xava, “dentes de raio”, “frechas de raio” na India e “frechas de trono” en Siberia.

Coñecidas con distintos nomes, as pedras do trono, pedras do raio, ceraunias (nome latino), ou pedras feitas eran, segundo a crenza popular, as puntas dos raios que caían á terra. Estes obxectos foron empregados durante séculos como amuletos.

Entre as pedras do raio poderiamos distinguir as “pedras feitas”, como se denominaban todas aquelas pedras de fasquía peculiar, coma os fósiles ou as ferramentas neolíticas, e aqueloutras de “feitura non humana”, que serían produto das forzas da natureza. Estas últimas serían as fulguritas (do latín fulgur, raio) que veñen ser tubos de sílice vitrificado, resultado da caída dun raio en terras areniscas. Da fusión dos grans de sílice, por efecto da calor do raio, xorden estas formas caprichosas, ás veces tubulares e ás veces ramificadas, que imitan a raíz dunha planta. As cores que adquiran van depender das partículas de sílice das que estean feitas.

O basalto, o granito negro ou diabasa, a andesita e outras rochas volcánicas ou metamórficas son, entre outras, a base material dos machetes, puntas de frecha e pezas cortantes realizadas polo ser humano no Neolítico e nas primeiras Idades do Metal. Estas serían as denominadas “pedras feitas”.

Empregados durante séculos como amuletos protectores de orixe mineral, en Galicia era habitual poñer estas pedras na casa para protexer a vivenda e para preservar das enfermidades os seus habitantes. Do mesmo xeito, en Escocia, os machados neolíticos denominábanse Fairie Hammers e gardábanse coidadosamente na casa como amuleto protector contra as doenzas.

 

Caleidoscopio dos contos, 14

O pintor, escultor e ilustrador escocés Joseph Noel Paton (1821-1901) foi o primeiro artista en presentar un cadro con tema feérico para o seu ingreso na Royal Academy.

Noel Paton entrou como estudante na Royal Academy Schools en 1843, alí coñeceu o pintor e ilustrador John Everett Millais e a Holman Hunt, fundadores da Irmandade Prerrafaelita. Aínda que nunca formou parte deste grupo de pintores e escritores, Noel Paton foi un dos grandes estudosos e admiradores do movemento.

Paton-The-Quarrel-of-Oberon-and-Titania2

Os cadros máis representativos de Joseph Noel Paton son A reconciliación de Oberón e Titania (1847), baseada na obra de Shakespeare O soño dunha noite de San Xoán, concretamente no cuarto acto da escena primeira, e A discusión de Oberón e Titania (1846). A intención do pintor con estas obras era a de amosar e suxerir ao público unha relación artística coas achegas do pintor Henry Fuseli. O punto en común dos cadros de Paton cos do artista suízo está asemade na narrativa central e nos pormenores periféricos. Con todo, a súa obra tamén ten influencias do pintor e ilustrador Daniel Maclise e de Richard Dadd, especialmente á hora de elaborar intrincados patróns na superficie do lenzo.

A discusión de Oberón e Titania cativou a  Charles Lutwidge Dodgson, máis coñecido como Lewis Carroll, o autor de Alicia no país das Marabillas, pola profusión de pormenores, concretamente polas 165 fadas que segundo el aparecen no cadro.

Na súa obra, Noel Paton reúne tradicións do folclore escocés e xestas heroicas mitolóxicas co fin de atraer a atención do espectador. A recuperación da cultura dos devanceiros tiña, naquel momento, considerable importancia, tal como amosa tamén a obra de escritores coma Andrew Lang (1844-1912). O autor da Princesa Ninguén, partidario da polixénese dos relatos da tradición oral, afirmaba que se podían atopar paralelismos entre a sociedade daquel momento e os elementos que sobreviviran no folclore europeo procedentes de períodos anteriores.

Ademais, realiza tamén un importante labor como ilustrador en libros como o conto de fadas The Water-Babies, de Charles Kingsley, publicado en 1863, para o que debuxa un frontispicio e outra ilustración, e no poema de Samuel Taylor Coleridge, The Rime of the Ancient Mariner, ilustrado por el na edición de 1893.

Destacado anticuario e coleccionista, axudouse dos seus coñecementos para facer debuxos moi pormenorizados para a obra do escritor escocés William Edmondstoune Aytoun, Lays of the Scottish Cavaliers and Other Poems, publicada no ano 1870. Joseph e o seu irmán máis novo, Waller Paton, asinan as ilustracións. A obra titulada National Shakespeare: a fac-simile of the text of the first folio of 1623 (volume 1) tamén está ilustrada por el.

Caleidoscopio dos contos, 13

Os cambios culturais, o avance da industrialización e os rápidos adiantos na ciencia e na técnica, ademais da invención da fotografía e, como consecuencia, o aumento da perfección na imitación da realidade supuxo, para a sociedade do século XIX, unha gran transformación.

Na Gran Bretaña da época victoriana, eses cambios foron especialmente intensos e modificaron a fasquía dun país que, baseado na agricultura e no artesanato, pasou a estar altamente industrializado. Entre os anos 1815 e 1848, “a mecanización presentou unha faciana distintivamente ambigua aos contemporáneos. Non estaba en absoluto claro se se trataba dun portento da inevitable revolución económica ou simplemente dun curso de desenvolvemento, entre outros varios que se podían aceptar ou rexeitar, en todo ou en parte, segundo os obxectivos e prioridades da nación” (vid. Maxine Berg, The Machinery Question and the Making of Political Economy).

Ao comparar as teorías do desenvolvemento económico coas figuras do censo que indicaban que en 1850 a agricultura e o servizo doméstico eran, con moito, as ocupacións máis importantes, Berg demostra que, ata daquela, a xente non entendía a historia en termos de operacións dunha economía que se diferenciase tanto da teoloxía coma das relacións de parentesco, ambas as dúas características do Antigo Réxime. En conclusión, a revolución industrial non soamente foi unha cuestión de diñeiro e bens senón tamén o triunfo dunha nova forma de representación que outorgaba autonomía ao mercado e daba prioridade ás súas operacións en calquera clase de representación e explicación do cambio histórico.

Non é casual, entón, que tamén os artistas, a carón de artesáns coma os do ramo téxtil, intentasen resistir perante ese novo tipo de representación, malia que todos os intentos de resistencia á mecanización acabasen por reforzar a posición dos industrialistas. De feito, en 1851, Gran Bretaña inaugura a primeira Gran Exposición Universal, construíndose en Hyde Park un gran pavillón, The Crystal Palace, símbolo da modernidade.

Na segunda metade do século XIX, parte desa resistencia ao industrialismo artellouse en Inglaterra arredor do movemento Arts and Crafts, que significou un aumento da valoración das artes decorativas en toda Europa. Fundado por William Morris en 1861, este movemento artístico tiña como obxectivo a recuperación do artesanato como protesta contra unha concepción das artes como “un asunto mercantil, controlado polos vendedores e os publicistas e á mercé das modas pasaxeiras”.

Oberon,_Titania_and_Puck_with_Fairies_Dancing._William_Blake._c.1786

Neste longo período histórico coexistiron en Inglaterra unha grande variedade de correntes artísticas que tiñan un punto en común: a procura da beleza, como algo inapreixable, fronte ao predominio da produción técnica no mundo moderno. Entre estes movementos artísticos inclúese a denominada “The Fairy School”.

Os antecedentes da pintura de fadas cómpre buscalos nas influencias literarias e teatrais do Romantismo. Durante o século XVIII, moitos pintores ingleses se lamentaban de que era aos artistas estranxeiros aos que se lles facía a meirande parte das encargas. O impresor John Boydell (1719-1804), nomeado Lord Mayor de Londres, decidiu encargar aos pintores ingleses máis sobranceiros do momento unha serie de cadros baseados nas obras de William Shakespeare, amosando o resultado nunha galería edificada adrede para tal propósito. Entre os artistas que contribuíron coa súa obra encontrábanse Henry Fuseli e Joshua Reynolds, que escolleron temas feéricos pintados a partir do Soño dunha noite de San Xoán.

Desde ese momento, o mundo das fadas non deixou de ser un tema que axudaba aos artistas a introducirse en áreas nas que certo espírito de rebelión e o cultivo da subxectividade atopaban novas respostas. Unha vía de escape á crecente dominación da produción e da reprodución industrial da arte.

Aínda que os precursores do xénero foron o escritor e pintor suízo Henry Fuseli (1741-1825) e o poeta, pintor e gravador inglés William Blake (1757-1827), os artistas máis vencellados á pintura de fadas foron Richard Dadd (1817-1886), o escocés Sir Joseph Nöel Paton (1821-1901), John Anster Fitzgerald (1832-1902), alcumado polos seus amigos Fairy Fitzgerald pola súa numerosa obra dedicada ás fadas, e John Atkinson Grimshaw (1836-1893), destacado pintor urbano que sucumbiu tamén ao mundo das fadas.

Nos lindes da exterioridade do pensamento, como expresión dun extraterritorial aínda non colonizado pola produción técnica, a pintura de fadas contribuíu —igual ca a literatura feérica escrita por mulleres (vid. “As primeiras autoras“)— á ampliación da retórica do racional e ao cuestionamento dunha razón instrumental dominada polo dogmatismo científico e pola súa aplicación técnica, ao tempo que significaba a entrada nos repertorios artísticos, ata daquela dominados polo clasicismo, dos temas procedentes da cultura oral.

Caleidoscopio dos contos, 12

Malia a súa aparencia “fantástica”, a pintura e a ilustración dedicada ás fadas está solidamente ancorada na tradición literaria e teatral; obras coma Soño dunha noite de San Xoán e A tempestade, de William Shakespeare, ou pezas coma The Faerie Queene (1590), de Edmund Spencer, e The Rape of the Lock (1712), de Alexander Pope, influenciaron de xeito sobranceiro o rexurdir do xénero en Inglaterra no paso do século XIX ao XX. Os primeiros artistas e escritores que son precursores do xénero feérico son William Blake e Henry Fuseli antes de 1800, aínda que o pintor máis representativo é Richard Dadd, xa en pleno século XIX.

Frontispicio

Florence Mary Anderson, ou Molly MacArthur (1874-1930), o seu nome de solteira, foi unha  ilustradora e escritora inglesa de contos infantís cunha obra que, como ilustradora, está claramente influenciada pola fairy painting ou pinturas de fadas de comezos do século XIX. Inspirados no mundo feérico, onírico, simbólico e de lenda, os seus debuxos están cheos de minuciosos pormenores.

Aínda que escribiu algúns libros, cómpre salientar o seu traballo como ilustradora, no que sobrancea o seu dominio da acuarela e da tinta. Na súa obra como debuxante destacan os seguintes títulos:

The Password to Fairyland, con texto de Elizabeth Southwart, publicado en 1920.

The Black Princess and other Fairy Tales from Brazil (1916), traducido para o inglés por Christie T. Young. A autora do libro era a recoñecida xornalista e escritora brasileira Cecilia Bandeira de Melo Rebelo de Vasconcelos (1870-1948), que asinaba tamén co nome de Chrysanthème, que colleu do título dunha novela do escritor francés Pierre Loti.

Ilustrou tamén The singing Fish (1922), libro da escritora inglesa residente en Nova Celanda, Edith Annie Howes, que continúa coa temática do mundo das fadas. Na publicación de Edith M. Coker Secrets of the Flowers (1919), Florence Mary Anderson recreou un catálogo de flores, paxaros e fadas.

As súas ilustracións están influenciadas como se dixo antes polo xénero feérico mais tamén polo romantismo inglés e polas cores luminosas do pintor e ilustrador americano Maxfield Parrish.