As primeiras autoras

En 1690, Madame d’Aulnoy publica en París unha novela titulada l’Histoire d’Hippolyte, Comte de Duglas, na que insire «L’Ile de la Félicité», recoñecido como o primeiro conto de fadas literario. Decontado, aparecen outros contos de diferentes autores, que publican os seus relatos normalmente baixo a forma de escolmas. O conto de fadas convértese axiña nunha moda que se espalla nos salóns mundanos e na Corte parisiense ao longo da década derradeira do século XVII.

A historia e a crítica literarias, ata o comezo do século XX, soamente lembran dese período o nome de Perrault. Así e todo, os contos de fadas foron escritos maioritariamente por mulleres que, co pano de fondo da “Querelle des Anciens et des Modernes”, participaron na constitución dun xénero que se había converter no soporte privilexiado da escritura feminina en procura de recoñecemento.

Madame D'AulnoyLes Histoires sublimes et allégoriques d’H.-J. de Castelnau de Murat

Existe, entón, unha correlación entre o conto de fadas e a escritura feminina, sobranceiramente no que se refire á emerxencia da muller-autora na segunda metade do século XVII. De por parte, a importancia do xénero do conto de fadas acrecéntase de considerarmos que estivo implicado na polémica entre antigos e modernos (“Querelle des Anciens et des Modernes”, 1687) que supuxo a renovación dos cánones clásicos da forma literaria, enfrontando nomeadamente a Boileau e a Perrault. O abandono dos modelos ríxidos do clasicismo significou o comezo do espallamento da literatura ao conxunto da sociedade.

Realizábase dese xeito un cambio de paradigma, xa que, a partir dese momento, a tradición oral de orixe popular entra a formar parte da literatura; xurdindo ademais a noción de orixinalidade, ata daquela non valorada debido ao influxo da forma literaria clásica, como un dos criterios que en diante habían dominar a escritura literaria.

O acceso das mulleres ao estatuto de escritoras está, pois, relacionado co cultivo do conto de fadas e co feito de ser este xénero literario un dos renovadores do canon polo seu papel fundamental na incorporación da tradición oral na literatura escrita. A aparición do xénero do conto de fadas inscríbese no cultivo da escritura por narradoras que, influenciadas polas novelas da xeración anterior, se entregan á narración novelesca centrada nos sentimentos. Esta proximidade da novela e do conto de fadas ten que ver coa inclusión de contos de fadas no texto das novelas, fenómeno que está nas orixes da formación deste último xénero literario. Outra característica común ao conto e á novela da época é a preeminencia, nos dous xéneros, de mulleres escritoras; de feito, o xénero novelesco, que se espalla durante a primeira metade do século XVII, pertence maioritariamente á denominada literatura feminina “afectada” ou escritura do sentimento.

Entre estas escritoras precursoras do conto de fadas, cómpre salientar a Mesdemoiselles Lhéritier (1664-1734), Bernard (1662-1712), de La Force (1650-1724) e a Mesdames d’Aulnoy (1650-1705) e de Murat (1670-1716), que publicaron a súa obra durante a derradeira década do século XVII.

A retórica do conto de fadas feminino asóciase decote co seu valor pedagóxico, co marabilloso e coa lección moral dos contos; pola contra, o argumento da pedagoxía moral está inxustificado, xa que, no contexto da superación da estética literaria clasicista e no do acceso das mulleres ao estatuto de escritoras, o conto de fadas adquire outra funcionalidade. Trátase, en efecto, dunha retórica que, para as mulleres escritoras do século XVII, representa un medio de evitar a censura ao denunciar a hexemonía da razón instrumental masculina sen asumir o discurso dominante, centrado nunha idea restrictiva do racional. O recurso á retórica do fantástico, con figuras coma a da fada, cuestiona a vontade de verdade e a súa conseguinte aplicación ao saber e á dominación como funcións únicas do pensamento racional.

A fada dos nomes

Guermantes 10-11-raia

“A esa idade en que os Nomes nos ofrecen a imaxe do descoñecido que nós poñemos neles, no preciso momento no que tamén designan para nós un lugar real, obrígannos por ese mesmo motivo a identificar unha cousa coa outra, a tal punto que imos buscar nunha cidade unha alma que non pode conter mais que nós xa non temos o poder de expulsar do seu nome; non é soamente ás cidades e aos ríos aos que lles outorgan individualidade, como fan as pinturas alegóricas, non é só no universo físico onde espallan esas diferenzas, poboándoo co marabilloso, tamén no universo social: cando cada castelo, cada pazo ou cada residencia famosa ten a súa dama ou a súa fada coma cada fraga ten o seu xenio e a súa propia divindade das augas. Por veces, agochada no fondal do seu nome, a fada transfórmase como se transforma a vida da imaxinación que a alimenta; dese xeito, a atmosfera na que Mme de Guermantes existía para min, despois de ser durante anos soamente o reflexo dun cristal de lanterna máxica e o dun vitral de igrexa, comezaba a extinguir as cores de cando soños ben distintos a impregnaban da escumosa humidade dos torrentes.
Nembargantes, a fada perece se nos achegamos á persoa real á que corresponde o seu nome pois, cando o nome comeza a parecerse a ela, esa persoa xa non ten nada da fada que antes había no seu nome; a fada pode rexurdir se nos afastamos da persoa mais, se ficamos pé dela, a fada morre definitivamente, e con ela o nome, coma aquela familia de Lusignan que se tiña que extinguir o día en que a fada Melusina desaparecese.”

Marcel Proust, Pola banda de Guermantes I

Na pasaxe anterior, Marcel, o narrador de Na procura do tempo perdido, detense nunha das súas obsesións: o poder dos nomes para fixar as cousas no tempo. Con todo, nesta descrición, o relato teima no efecto contrario, na posibilidade de que os nomes encerren tamén, a carón da súa propiedade predicativa —de fixación da realidade—, outra posibilidade que, coma unha reminiscencia, presenta perante quen os evoca aquilo que no nome é irredutible á fixación. A esa posibilidade chámalle Proust a “fada” dos nomes. Aquilo que, nun nome, non representa o que queda apreixado na vida fáctica, senón o que ese mesmo nome permite albiscar nos confíns do imaxinado, nos lindes que escapan ao dominio do axioma que amarra a verdade aos feitos.

Callu, Florence,Lethève, Jacques (1914-1992). Marcel Proust : [

Caleidoscopio dos contos, 5

A pesar de que non é moi coñecido, o escritor e poeta escocés George MacDonald (1824-1905), amigo de Lewis Carroll,  foi un dos grandes autores de contos de fadas. O seu libro The Light Princess and Other Fairy Tales comeza cun magnífico ensaio sobre a “imaxinación fantástica”, o autor reflexiona sobre os contos de fadas:

Si me preguntaran que é un conto de fadas, contestaría: lean “Ondina” [1811, relato de Friederich Heinrich Karl, barón de La Motte Fouqué]: iso é un conto de fadas. Logo lean este e aqueloutro tamén, e entón comprenderán que é. Se insistisen en pedirme unha descripción ou definición do fayrytale, a miña resposta sería que suporía o mesmo esforzo que describir o abstracto rostro do ser humano. Un conto de fadas é sinxelamente un conto de fadas, así como un rostro é un rostro; e de todo os contos de fadas que coñezo, “Ondina” é o máis fermoso.

1

O pintor prerrafaelita Arthur Hughes (1832-1915) foi o ilustrador dos relatos de George MacDonald, autor que consideraba que os contos de fadas non ían dirixidos a un público dunha idade determinada: “Eu non escribo para os nenos, senón para todos aqueles  que son coma nenos, xa teñan cinco, cincuenta  ou setenta e cinco anos”.

Caleidoscopio dos contos, 4

Na época victoriana, en Inglaterra e co cambio de século, xorde unha forma de compoñer os textos distinta. Debido a industrialización e á introdución de novas técnicas na produción, os libros deixan de ser un artigo de luxo. As ilustracións comezan a reproducirse en tricromía.

Os ideais do prerrafaelismo, inspirados nas ideas estéticas de John Ruskin, escritor que tamén influirá poderosamente en Marcel Proust, dan lugar a unha escola artística encabezada por William Morris e Walter Crane, caracterizada por un retorno á natureza e polas súas ideas socialistas.

No mesmo período, cómpre salientar a obra de Richard Doyle (1824-1883), debuxante e acuarelista londiniense, a súa obra mestra é indubidablemente In Fairyland, a series of Pictures from the Elf Worlden, publicado en cor en 1870 polo impresor británico Edmund Evans (1826-1905). A partir das ilustracións deste libro, Andrew Lang escribiu A princesa Ninguén.

Outro dos ilustradores descacados foi  Walter Crane (1845-1915), un dos representantes do movemento Arts&Crafts. Influenciado polos prerrafaelitas e os gravados xaponeses. Entre as súas obras máis importantes atópanse as ilustracións para os contos dos irmáns Grimm (1882).

Shakespeare's Tempest Title pagePrincess Belle-Etoile-Walter Crane

O movemento Arts&Crafts foi derivando pouco a pouco ao modernismo ou Art Nouveau, unha corrente artística que se estableceu en Europa e nos Estados Unidos e que tivo o seu momento de esplendor entre 1892 e 1902. Caracterízase polo emprego de liñas asimétricas baseadas en formas vexetais. Aubrey Beardsley (1872-1898) é uns dos ilustradores máis  destacados do modernismo, coas súas obras inzadas de referencias á arte xaponesa e ao simbolismo.

apel_les_mestres_1apel_les_mestres_3

En Cataluña, o modernismo está representado por Apel·les Mestres (1854-1936), poeta, escritor, músico, humorista gráfico e debuxante. Concibía o libro coma unha obra de arte total, que lle permetía escribir poemas, ilustralos, poñerlles música, coidar a calidade do papel, a cor da cuberta, a distribución da masa impresa no branco da páxina, as filigranas das orlas, o tipo de letra, o deseño da encadernación do libro. Ilustra gran cantidade de libros entre eles cómpre salientar Vobiscum, con ilustracións de espírito medieval propias dos incunables, e Liliana, no que a técnica realista serve para reflectir a fantasía. Por estes dous libros está considerado un precursor dos modernistas e impulsor do deseño editorial.

Apel·les Mestres