“Pedras do raio”, ou dardos de fadas

Un ser humano que mira para unha rocha ou que a usa para esnaquizar outros obxectos sería responsable de converter a realidade da rocha nunha imaxe do estar-a-man desa realidade, mais unha rocha que bate contra outra rocha supostamente non faría tal cousa. […] Cada rocha ten de seu incontables calidades; obviamente, as máis delas non rematan en colisión ningunha. […] As relacións, per se, sempre son a tradución dunha forza, sempre nos dan algo un tanto diferente do que son os termos da relación mesma.

Graham Harman, “A persoa cero e a psique”

Ata o século XVII seguía vixente unha idea mítica sobre as ceraunias, que xa se constatara no tratado Naturalis Historia, de Plinio o Vello (23-79). Durante as primeiras décadas do XVIII, diversos autores comezan a formular a hipótese de que as pedras denominadas ceraunias nas obras dos clásicos, en lapidarios medievais e en textos de mineraloxistas do século XVII, fosen antigos instrumentos elaborados polo ser humano nunha época anterior, antes de coñecerse os metais. Ao mesmo tempo, aparecen as primeiras publicacións sobre supostos fósiles humanos.

Frans_Francken_(II),_Kunst-_und_Raritätenkammer_(1636)

Na Metallotheca (1717), obra póstuma de Michele Mercati, recóllese por vez primeira a devandita interpretación das pedras denominadas ceraunias como instrumentos humanos, ademais de recompilarse nela unha das máis importantes coleccións de rochas, minerais e fósiles reunidas durante o século XVI. Graduado en medicina e filosofía, Michele Mercati (San Miniato 1541- Roma 1593) foi encargado do Xardín Botánico do Vaticano cos papas Pío V, Gregorio XIII, Sixto V e Clemente VIII, do que tamén foi médico.

A obra Metallotheca: opus posthumun foi escrita no século XVI, aínda que a súa publicación foi adiada ata a primeira metade do XVIII. Grazas á intervención do médico e epidemiólogo italiano Giovanni Maria Lancisi (Roma 1654-Roma 1720), e coa axuda de Pietro Assalti (Acquaviva Picena, 1680- Roma, 1728), puido imprimirse por fin o manuscrito. Assalti, nomeado profesor de Botánica na Universidade de Roma en 1709, foi tamén autor dunhas anotacións para a Metallotheca de Mercati.

O médico italiano lembra no seu texto que, segundo a Biblia, antes do diluvio universal se traballaba o ferro e que se atribuía a Tubalcaín (que representa a metalurxia e o progreso) a súa invención e aproveitamento técnico. Ante as dificultades de atopar ese mineral, a maior parte dos pobos empregaban ferramentas de pedra nos tempos posdiluvianos. Foi preciso esperar aos movementos migratorios para o coñecemento e difusión da metalurxia do ferro e para que o seu uso se xeneralizase. Mercati remata cun discurso sobre as ceraunias correntes, denominadas Sagitta, afirmando que eran puntas de frecha que considerou armas de pedra elaboradas polo home. Asegura que non se trataba de “xogos da natureza”, aínda que deixa aberto o tema ante a posibilidade de que, nalgún caso, puidesen proceder dun raio caído durante unha tormenta (as fulguritas).

Pese ás limitacións históricas e conceptuais da obra de Mercati, esta influíu nas memorias sobre as “pedras do raio” que presentaron Antoine de Jussieu na Académie Royale des Sciences de París, en 1723, e Nicolas Mahudel na Académie Royale des Inscriptions et Belles-Lettres, en 1734. O botánico e naturista Jussieu baseou o seu traballo nun método de comparación etnográfico, salientando as semellanzas das pedras do raio coas armas líticas dos pobos indíxenas do Caribe e do Canadá. Mentres que Mahudel, médico e especialista en antigüidades, realizou unha comparación tipolóxica ao apoiar o seu discurso na semellanza funcional das “pedras do raio” coas ferramentas de bronce.

O misioneiro franciscano, xeólogo, paleontólogo e naturista José Torrubia, ou Torrubio (Granada 1698-Roma, 1761), no seu libro Aparato para la historia natural española (tomo primeiro, IX: “De los huesos petrificados de Teruel”) fala tamén das ceraunias.

Atopadas de xeito casual polos labregos ao traballar a terra, estas pedras afiadas con forma puntiaguda eran consideradas pedras de orixe celeste ou divina. Nas Illas Británicas, críase que estas puntas de sílex eran dardos que usaban as fadas cando desexaban facer mal a alguén, por iso eran coñecidas alí como Fairy Dart (dardos de fadas) ou tamén como “dardos de elfos”. En Suecia denomínanse “mallas de Thur”; en Finlandia “pedras de Ukko” (deus do tempo, das colleitas e doutros usos naturais) e, na illa indonesia de Xava, “dentes de raio”, “frechas de raio” na India e “frechas de trono” en Siberia.

Coñecidas con distintos nomes, as pedras do trono, pedras do raio, ceraunias (nome latino), ou pedras feitas eran, segundo a crenza popular, as puntas dos raios que caían á terra. Estes obxectos foron empregados durante séculos como amuletos.

Entre as pedras do raio poderiamos distinguir as “pedras feitas”, como se denominaban todas aquelas pedras de fasquía peculiar, coma os fósiles ou as ferramentas neolíticas, e aqueloutras de “feitura non humana”, que serían produto das forzas da natureza. Estas últimas serían as fulguritas (do latín fulgur, raio) que veñen ser tubos de sílice vitrificado, resultado da caída dun raio en terras areniscas. Da fusión dos grans de sílice, por efecto da calor do raio, xorden estas formas caprichosas, ás veces tubulares e ás veces ramificadas, que imitan a raíz dunha planta. As cores que adquiran van depender das partículas de sílice das que estean feitas.

O basalto, o granito negro ou diabasa, a andesita e outras rochas volcánicas ou metamórficas son, entre outras, a base material dos machetes, puntas de frecha e pezas cortantes realizadas polo ser humano no Neolítico e nas primeiras Idades do Metal. Estas serían as denominadas “pedras feitas”.

Empregados durante séculos como amuletos protectores de orixe mineral, en Galicia era habitual poñer estas pedras na casa para protexer a vivenda e para preservar das enfermidades os seus habitantes. Do mesmo xeito, en Escocia, os machados neolíticos denominábanse Fairie Hammers e gardábanse coidadosamente na casa como amuleto protector contra as doenzas.

 

Unha opinión sobre ““Pedras do raio”, ou dardos de fadas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s