Poesía e infancia

Non hai poesía infantil senón que a poesía é infantil de seu.

1) A poesía é un regreso á linguaxe inicial na que se volve aprehender o mundo desde o suxeito que se crea outra vez a si mesmo, agora libremente, por escolla, afiliativamente. Esa é a función da arte moderna como produción de subxectividade.

Nada que ver co resultado da infancia como etapa formativa para lograr o suxeito. Pola contra, o resultado da poesía deberá ser un suxeito non logrado, sen acabar; a proposta deleuziana é a dun suxeito-poeta que devén constantemente noutros devires. O poeta devén infans porque esa é a posición de menor determinación do ser humano, a da meirande liberdade. Mais devén por vontade propia, in potentia.

2) Lémbrese que infans é aquel que non fala. Cara a esa indisposición é cara a onde nos dirixe a apelación de Gilles Deleuze cando afirma que a literatura é aprender a tatexar.

A poesía moderna non é máis ca un afastarse da linguaxe, un aprender a tatexar para achegarse á infancia, ou, como diría Deleuze, para devir nena, ou neno. Devir infans para perder a linguaxe do consensus e poder aprender outra, a do disenso, que non a da diferenza, engadimos pola nosa banda.

 

O desvío materialista

Interésanos esta posición porque se retrotrae aos alicerces da correlación, ao punto no que nós queremos introducir unha desviación, velaquí o desvío que propoñemos:

a) Os pensamentos son relacións; ao se establecer unha relación entre dous elementos, entre dous obxectos, aparece o pensar. Os obxectos pensan. Para pensar non é necesaria a representación, non son necesarias intuicións, ideas nin conceptos. As intuicións, as ideas e os conceptos son unha das formas do pensamento entre seres humanos, son representacións propias da correlación suxeito-mundo, son obxectos retóricos que tamén establecen relacións entre si.

b) Unha relación estética, unha sensación, pode orixinar un pensamento xa que a sensación é un tipo de relación entre un obxecto e o obxecto intencional doutro obxecto diferente. Unha percepción.

c) Unha relación cinética tamén orixina unha forma de pensar, do mesmo xeito que o fai unha relación no espazo. Lentitude e rapidez, arriba e abaixo. Mais, para ser pensamentos, esas relacións non precisan dos conceptos, das representacións das ideas. A relación no espazo existe e, polo tanto, ten senso, desde o mesmo momento en que se establece entre dous obxectos, desque aparece nun campo de senso obxectual no que esa relación é significativa.

 

Fóra da correlación

O noso intento é o de escapar da correlación humano-mundo para situar o pensamento alén das formas a priori kantianas. Un pensamento non soamente humano, sen dependencia do suxeito, resultado das relacións entre obxectos. Iso que Deleuze albiscou baixo a metáfora “a infancia do mundo “.

A posición deleuziana non se trata dunha oposición entre idiolecto e heteroglosia senón da situación libre do suxeito representada cunha linguaxe inapropiada, unha linguaxe da que ninguén aínda se apropiou.

De aí que o mito moderno sexa o Kaspar Hauser, o home que non sabe falar. Contra as formas a priori da sensibilidade e do entendemento, trátase de impoñer a inmanencia do suxeito ampliando e consagrando a correlación mundo-pensamento coma se dun absoluto se tratase.

Dese xeito, a poesía convértese na maior arma do subxectalismo, ou exacerbación da correlación suxeito-mundo. Así e todo, contrariamente ao postulado por Deleuze, non todo o senso é producido pola devandita correlación.

Pola contra, na nosa posición, a do materialismo especulativo, o suxeito é un obxecto máis no mundo, ou nos mundos se ampliamos esta idea coa noción de transfinito: o suxeito-poeta é o que representa na linguaxe as posibilidades transfinitas do Caos. Esa efectuación do Caos non ten por que ser forzosamente asignificativa, todo o contrario, o disenso dos mundos represéntase a através do suxeito-poeta como senso, dá senso a ese tempo sen devir entre mundos non coincidentes mais tampouco non completamente diferentes. Coma no transfinito, cada conxunto, ou mundo, ten elementos comúns aos outros mundos mais eses elementos adquiren en cada mundo un significado diferente. A diferenza vén dada polo tipo de relación que se establece entre os obxectos ou elementos de cada conxunto e destes cos dos outros conxuntos, ou mundos; relación modificada pola presenza do elemento ou elementos que non son comúns entre eles e que son os que dan significatividade propia a cada conxunto, xa que sen eles todos os conxuntos serían o mesmo.

A continxencia é a que desenvolve un conxunto transfinito (non totalizable) de mundos virtuais e non contraditorios que se actualizan sen razón, logo a continxencia non ten un número limitado de resultados. Esa continxencia absoluta é a incondicionada (transfinita) condición de existencia de todo conxunto de posibilidades, é dicir, de todo mundo virtual cuxa posible transformación está determinada por un conxunto de leis non necesarias. Así, o pensamento actualizarase nun mundo particular, o mundo no que nós temos a experiencia, e as condicións do coñecemento científico son eses pensamentos que, sen razón, teñen a capacidade racional de describir matematicamente as leis determinantes dos posibles do noso mundo. Non embargantes, a razón é capaz de describir matematicamente non só a realidade do mundo no que ela se actualiza senón que tamén é capaz de apreixar as condicións nas que esa capacidade se desenvolve, i. e., o conxunto non totalizable dos feitos virtuais aos que Quentin Meillassoux chama Hipercaos.

Por exemplo, a fórmula do conxunto dos números ordinais infinitos é:

n ⊆ n⋃{n} = (n+1)

Onde se denota 0 o conxunto baleiro:

0 = {} = ∅

Denótase 1 o conxunto que só contén 0:

1 = {0} = {∅}

logo denótase 2 o conxunto que só contén 0 e 1:

2 = {0,1} = {0,{0}} = {∅,{∅}}

e así sucesivamente:

3 = {0,1,2} = {∅,{∅},{∅,{∅}}}, (n+1) = n⋃{n}

Mais, no canto de formular o transfinito como unha hipótese matemática, se cadra cómpre pensalo como unha condición expresa do ser continxente: “Trataríase de establecer que os posibles dos que o Caos —que é o único en-si— é efectivamente capaz non se deixan medir por ningún número, finito ou infinito, e que esa sobre-inmensidade do virtual caótico é o que permite a estabilidade impecable dun mundo visible” (Quentin Meillassoux, Après la finitude. Essai sur la nécessité de la contingence, Paris, Le Seuil, (2006) 2012, p. 164-165).

Esa é a infancia do mundo.

 

“Sobre ‘Endless’, de Frank Ocean”, por Carlos Lema

Adversus homo faber – O caso de Frank Ocean e o seu álbum visual

A través de The Pinocchio Theory, o blogue do filósofo Steven Shaviro, sabemos da útima obra de Frank Ocean, o “álbum visual” titulado Endless, de 45 minutos de duración.

Non se trata dun vídeo musical senón dunha obra na que a relación entre música e película acada autonomía plena. A imaxe en movemento non ilustra a música nin esta última está concibida para dramatizar, subliñar ou acrecentar o efecto visual da imaxe. Ese é o motivo polo que, como apunta Steven Shaviro no seu artigo, “o vídeo é demorado, así que esixe paciencia”; esa paciencia é consecuencia da autonomía da obra, na que non se explicitan instrucións para a súa recepción nin, agás no título, se postula un carácter performativo. A súa estética —no senso amplo da palabra— require un traballo perceptivo que ten a mesma duración da obra aínda que parece propoñer que a súa finalidade sexa precisamente a negación da finitude, do acabado, de aí ese endless que suxire a inexistencia de calquera caste de teleoloxía. Estamos perante un amosar que se configura como o triunfo definitivo do homo faber.

endless-frank-ocean

Neste álbum visual, contemplamos a Frank Ocean mentres constrúe unha escaleira de caracol no medio do espazo case baleiro dun almacén, ou nave industrial. Unha das características máis peculiares do vídeo é que se contemplan múltiples interaccións de Frank Ocean consigo mesmo; esa simultaneidade fai que na pantalla apareza gran parte do tempo duplicado —e incluso triplicado— mentres cepilla e corta madeira cunha serra circular, ou mentres está sentado nun recuncho a trebellar no seu teléfono móbil. Non hai diálogo ningún e tampouco se suxire que os múltiples Ocean da pantalla se relacionen entre si.

A edición do vídeo é pouco ostensible, marcada pola levidade da intervención do director (segundo os créditos o propio Ocean, segundo outras fontes Francisco Soriano), intervención que soamente se pode observar na continuidade de certas pautas cando se desenvolve a acción; por exemplo, cando un plano amosa a Ocean subido a unha escada para colocar unha peza da escaleira en construción, o plano que segue vaino amosar facendo a mesma acción mais desde un ángulo diferente. Así e todo, os emprazamentos da cámara son bastante limitados aínda que, ás veces, os planos tamén se centren en pezas da maquinaria. O vídeo está rodado nun branco e negro case sempre moi contrastado. Na parte inicial, a figura de Frank Ocean aparece a contraluz mentres que nas secuencias finais, tamén cunha luz intensa como contraste da figura vestida de escuro, se pode observar a Ocean con máis detalle.

A música é moi atractiva, especialmente pola súa combinación con sons non musicais, silencios e efectos de orixe diversa, algúns deles collidos da tradición da música electrónica. A ruptura na continuidade, mesmo no interior dalgunhas cancións, faise motívica, é dicir, que se tematiza e ao tempo move a continuar escoitándoa, aínda que isto pareza paradoxal, ou precisamente por iso. O xogo entre a continuidade das cancións e a discontinuidade inserida neleas, incrementa a capacidade perceptiva de quen escoita, que o agradece. A variedade musical, sendo restrinxida, faise moito máis acusada polo contraste co tema case único das imaxes. Ocean percorre o limiar existente entre o r&b, no que o ritmo domina, e a música lixeira, na que a melodía non queda subsumida no ritmo.

O desenvolvemento do vídeo mostra as diferentes etapas da construción da escaleira seguindo unha orde lineal e faino pormenorizadamente. Así e todo, esa actividade non ten máis finalidade ca ela mesma, a escaleira érguese no centro do espazo baleiro do almacén e non leva a ningures agás ao seu propio construtor. A construción —ou a produción— como obxectivo único, de tal xeito que o homo faber é principio e fin dos seus actos. Arkhé. Coa acción constrúese unha escaleira de caracol mais o que se produce é a actio mesma dunha subxectividade proxectada na súa relación cos materiais. O obxecto escaleira soamente ten unha función en tanto que é produto dunha relación co suxeito; sen homo faber, a escaleira de Ocean é nada, leva á nada. De aí que esa correlación entre produtor e obxecto producido remita —coma unha espiral, o caracol— ao seu propio centro: a presenza única do homo faber. De por parte, o final do vídeo remite durante sete ou oito minutos ao seu principio no espazo do almacén onde a escaleira aínda non está construída: tres figuras de Frank Ocean están ocupadas en tarefas preliminares á construción. O álbum visual remata sen culminación, nun anticlímax que subliña o único importante: a produción de subxectividade.

frank-ocean-live-stream-loop_svkfp0

No seu libro Corpo-circuítos (Máquinas de subxectivación), Abraham Rubín guíanos na conexión entre o mandato kantiano e o imperativo tardomoderno, describíndonos a vinculación mediante a cal a potencia se transforma en produción. Na tardomodernidade, a produción é “directamente produción de relacións sociais” (Rubín, 155. As itálicas son engadidas.); trátase dunha das consecuencias do denominado traballo inmaterial, cuxa materia prima está constituída pola subxectividade como potencia controlada polo mandato da produción. Subxectividade, inmaterialidade e mandato son as calidades do homo faber tardomoderno. Produción e suxeito aparecen inextricablemente enguedellados nunha suxección na que se vive e que se reproduce mediante a subxectividade “xa que na sociedade postindustrial o seu obxectivo é construír o consumidor. E construílo activo. Deste xeito os traballadores e traballadoras inmateriais –polo menos aqueles que traballan en publicidade, mercadotecnia, televisión ou informática– satisfán unha demanda do consumidor mentres, ao mesmo tempo, a constitúen” (ibid.). Así, na produción cultural, a recepción do produto e a súa potencialidade de reprodución condicionan non só o consensus retórico no que a produción inmaterial é acollida senón que estabilizan variacións nas representacións do subxectivo como parte esencial do pacto social. De aí que a recepción tamén acabe por ser un acto creativo non soamente en tanto que tal senón como integrante da produción (esa é a función do mandato —arkhé— en relación coa potencia).

Frank Ocean representa neste álbum visual a calidade da acción do homo faber. Unha adaptación do homo faber que reside no suxeito tardomoderno. Do mesmo xeito —e non se trata de coincidencia—, a relativización da relación queda sempre determinada, tal como glosa Deleuze no seu libro sobre Spinoza (Spinoza: filosofía práctica), pola posición dominante do suxeito, posto que se ha denominar bo todo obxecto cuxa relación se compoña coa miña (conveniencia) e se ha chamar malo todo obxecto cuxa relación descompoña a miña (inconveniencia). Esa conveniencia ou inconveniencia das relacións réxese por un aumento ou diminución da potencia da acción ou do poder de afección; de feito, segundo Deleuze, só a afección pode expresar unha cantidade absoluta de realidade (Deleuze, 45 e 52). Estamos, daquela, perante unha versión máis sutil do correlacionismo kantiano, xa que se trata dunha versión na que a flutuación, ou o devir, substitúe os a prioiri envolvendo toda acción nun relativismo construído arredor do suxeito como produción permanente de si mesmo, iso que Meillassoux denominou tan atinadamente subxectalismo.

endless2

Nun dos seus últimos libros, Martínez Marzoa (Polvo y certeza, 49-51) relaciona o conatus spinoziano cunha potencia cuantitativa (quantum) vencellada coa extensio (op. cit., 45-47). De aí que ese quantum soamente teña lugar “como teima por un máis fronte a un menos”, nivel ou grao que só se pode soster como tal teima (conatus): “O conatus é un durar pertencente ao que sub specie aeternitatis é un quantum determinado” xa que ese quantum determinado adquire a calidade do consistente precisamente porque con cada acontecer que ten lugar no durar da cousa (ou, por exemplo, no meu durar) sempre se considera desde o punto de vista do aumento ou da diminución da potencia, xa que o quantum desa potencia só acontece na teimosía por un máis fronte a un menos. Tendo en conta esta consideración, Martínez Marzoa afirma que “o que acontece no meu acontecer é en cada caso un affectus, a saber: un de aumento ou un de diminución” (op. cit., 46). O conatus é a teima por un máis fronte a un menos de potencia, de aí que non poida ser unha teima por algo determinado que o coñecemento acabe por representar. De aí que unha hipótese posible sería a de relacionar ese quantum de potencia coa produción, mesmo coa produción de subxectividade.

endless-frank-ocean

De feito, a construibilidade —ou compoñibilidade, segundo o dito antes a partir de Spinoza— diríxea homo faber desde o momento en que toda produción se rexe pola conveniencia ou inconveniencia das relacións con respecto ao suxeito e ao seu poder de afección. A potencia de acción de homo faber exprésase así sempre na mensurabilidade do fenómeno como compoñible ou descompoñible en función do quantum de potencia do suxeito, non en función da relación establecida, de tal maneira que o obxecto carece completamente de potencia de acción no senso en que é homo faber o que establece a relación guiado polas regras de inferencia extraídas dos xuízos sintéticos, logo a construibilidade é unha función do suxeito derivada das regras de mensurabilidade e inferencia que este establece en todas as súas relacións. A capacidade formativa de construír (en relación co obxecto) e a de compoñer (en relación co suxeito) endexamais son equipolentes xa que a acción soamente se dirixe no senso da correlación, isto é, vai do suxeito cara ao obxecto ao estar rexida perennemente pola compoñibilidade como vector único da actio; a acción orixínase na vontade, dado que o suxeito a infire da conveniencia ou inconveniencia do seu poder de afección.

Así, a produción queda rexida polo quantum de potencia marcado pola subxectividade, esa é unha das razóns polas que resulta doado fixar un vínculo entre produción e consumo, xa que ese vínculo non é máis ca a mensurabilidade de ambas as accións, que se esgotan unha na outra para recomenzar sempre. Ese lado perverso da produción é o que se cadra intenta criticar Giorgio Agamben coa súa noción de inoperatividade: abertura ao posible, a dun ser humano vivente liberado de todo destino biolóxico ou social e de todo obxectivo predeterminado, un ser humano dispoñible para a particular ausencia de obra que estamos habituados a chamar política e arte (“facer inoperativa a obra e a produción humana para abrila a un novo uso posible”: vid. Agamben, “Elementos“, 10 e 24-25).

Así, a imposibilidade do absoluto como potencia queda determinada en Agamben polo relativismo de toda acción, sempre dirixida pola vontade da res cogitans fronte á realidade.

Nesa conxunción entre a liberdade transportada polo devir e a subxectividade como produción humana aberta a un novo uso posible baséase a conectividade entre lexitimidade e produción de subxectividade que caracteriza o período tardomoderno. A cuestión da inoperatividade queda circunscrita ao suxeito en tanto que actor da pólis, non se estende ao obxecto, que está á marxe da posibilidade de calquera pacto. A relación mundo-pensamento obstrúe a idea de relación como pacto, de tal xeito que o mundo, ou a realidade, non é resultado dun pacto entre obxectos iguais senón dun pacto entre suxeitos que se outorgan todo o poder —e potencia— de acción sobre a realidade e sobre si mesmos.

O demiurgo do Timeo é o artesan que produce o kósmos (orde) e antecede o artesán ilustrado (vid. o meu libro A música das esferas). Mesmo na Encyclopédie de Diderot e D’Alembert aínda se mantén esa identificación entre artesán e artista, xa que ambos os dous establecen unha orde mediante o coñecemento e aplicación da tekhne. Pola contra, o artista moderno afástase desa indiferenciación para, mediante o recurso ao xenio e á creación, postularse como vehículo da arte, ou da estética dominada pola correlación kantiana suxeito-mundo. Ao cabo, na tardomodernidade, a arte inicia a súa conversión en produción de subxectividade; agora o artesán —ese Frank Ocean que constrúe unha escaleira sen obxectivo ningún— é o artista dedicado á produción de subxectividade; a arte é produto ao servizo do suxeito como único vehículo do mundo. O correlato triunfa como produción e como devir no que o producido é a subxectividade, non a cousa.

Endless establece un paralelismo entre produción da cousa sen utilidade (a escaleira) e produción artística como esteos ambas dun monstro único: o suxeito como autopoiese.

O esmorecemento da ambición literaria

O xornal El País publica unha entrevista —breve mais sintomática— co escritor e editor italiano Roberto Calasso na que este se lamenta da falta de ambición da literatura actual: 

“Semella que a literatura entrou nunha fase de latencia, nos últimos cincuenta anos estreitouse. É difícil encontrar sorpresas. Sen dúbida hai cousas boas mais poucas son realmente grandes. Cuando miro a literatura ata os anos setenta vexo que era algo vencellado a unha ambición enorme, agora iso xa non é o usual, evidentemente”.

En euseino.org publicamos hai un tempo un artigo no que recolliamos e respondiamos a unhas declaracións semellantes dun influente crítico norteamericano: En resposta a Harold Bloom: ¿que é ‘radicalmente novo’?”A elas súmanse agora estas de Calasso no que parecen ser os derradeiros intentos de defensa da literatura modernista e “experimental” xurdida a comezos do século XX. “Os obxectivos desmesurados que eran tan comúns a escritores tan opostos coma Musil e Joyce non parecen estar hoxe de actualidade [e, incluso], esvaeceron”, afirma o editor de Adelphi.

No artigo seguinte, analizamos estas afirmacións, relacionándoas co contexto literario galego e situándoas no interior do pensamento estético moderno.

ilustracion-de-gustave-dore-ret

Ultimamente varias voces parecen anunciar un cambio na escritura e na recepción literaria cualificada, isto é, un abandono que xa hai tempo vén sendo manifesto da literatura de certa complexidade, do que denominan a “ambición literaria” do “radicalmente novo”, e un dominio crecente dos criterios ditados polo repertorio temático e de formas determinado polo que poderiamos chamar, ao xeito sartriano, o práctico-inerte da política. Esas opinións poden ter importancia no caso dunha literatura coma a galega, na que son pouco frecuentes os intentos de inducir unha reflexión teórica —xa non digamos un debate—, especialmente sobre os criterios que hoxe en día son expresión dunha heteronomía dominante. Efectivamente, en xéneros coma o da novela, máis expostos a influencias alleas á literatura, o control establecido por un repertorio temático e estilístico sometido ás necesidades de difusión acrecéntase na literatura galega como consecuencia da alianza aparentemente inextricable entre cultura nacional e política, alianza ao abeiro da cal tamén se sitúa a explotación comercial da literatura.

Na narrativa, apenas se percibe xa unha estética ou unha estilística literaria que se dirixa claramente a unha recepción máis autónoma e menos condicionada, só en moi contados casos e de xeito ocasional se pode percibir na novela galega un afastamento e unha independencia suficiente respecto do discurso político e do discurso ligado ás arelas comerciais da gran difusión, tamén moi condicionadas polo ámbito académico e por un peso excesivo do repertorio didascálico. Isto é un indicador claro da preceptiva dominante na literatura galega actual e fai que nos preguntemos sobre a necesidade dunha literatura que non se someta completamente aos criterios da actualidade e que evite o imperio do que Georg Lukács denominaba “vida nacional”, esixencias de difusión incluídas.

Ese é o motivo polo que, máis ca nunca, se precisa dunha reflexión teórica sobre a estética, isto é, sobre o xeito no que se percibe e se representa o mundo.

Desde Descartes, esta percepción e representación están centradas exclusivamente no suxeito, ou no que Quentin Meillassoux denomina correlacionismo: a relación suxeito-mundo é a que condiciona a maneira de percibir e de representar a realidade. Como un efecto desa relación tamén xurdiría a correlación suxeito-nación, ou suxeito-vida nacional, onde nación representa unha relación determinada do suxeito co mundo, é dicir, o que máis arriba denominamos o práctico-inerte da política como determinación do momento subxectivo e, polo tanto, da súa representación.

Kant asentou case definitivamente ese tipo de correlación suxeito-mundo ao adscribila ao que el denomina representacións a priori; o acceso ao mundo establécese exclusivamente a través do pensamento e, en consecuencia, a través da historia, da cultura, ou da nación; mais ese correlato kantiano mundo-pensamento amosarase finalmente incapaz de ser compatible con achados da ciencia contemporánea coma o paso da concepción newtoniana de tempo e espazo á relatividade espazo-temporal e coma a aparición doutras xeometrías diferentes da xeometría euclidiana, por non falar de nocións matemáticas coma a de transfinito. Mentres a ciencia independizaba cada vez máis o mundo da súa percepción polos seres humanos, a filosofía e a arte continuaban sustentando a noción de realidade como constructo humana. Tampouco Nietzsche nin a filosofía do século XX, con Heidegger e gran parte dos pensadores (Wittgenstein, Deleuze, Derrida, etc.), foron quen de abandonar o correlacionismo de estirpe kantiana malia levaren a cabo unha “crítica da Crítica”, é dicir, unha crítica da crítica que antes Kant fixera da razón pura (o dominio do pensamento cartesiano, iso que Foucault chamou o acontecemento clásico).

Ese correlato kantiano é o pano de fondo no que xorde a Estética, xa que antes do século XVIII non existía tal noción, que aparece con Baumgarten, nin existía a teoría da arte —incluída a concepción moderna da literatura—, na que terían un papel fundamental os estudos de Winckelmann e a figura de Goethe. O caso alemán é paradigmático, pois a literatura alemá, tal como a describe Lukács no seu libro sobre Goethe, amosa claramente o cambio da estética clásica á estética moderna a través de autores coma Lessing, Schiller e Goethe. E iso, cousa que debería interesar especialmente en Galicia, nunha nación alemá que aínda non existía como tal.

Na literatura alemá do período de Goethe, e especialmente en escritores que o preceden, coma Lessing, efectúase o paso do clasicismo, que consideraba insuperables os modelos e a arte como imitación pura deses modelos, á literatura moderna, na que prima a creación de orixinalidade por ser esta a que mellor representa a subxectividade e a liberdade na que se basea o pacto social moderno.

Ese paso é determinante para o papel que ha desenvolver o xénero da novela na época moderna. Hai unha frase famosa de John Ruskin que diferencia entre os “good books for the hour”, que serían os que aspiran a unha gran difusión, e os “good books for all time”, que serían o que hoxe en día chamamos clásicos. Na nosa opinión, as novelas escríbense sempre “for the hour”, pois se trata dun tipo de narrativa marcada pola actualidade, tanto temática coma estilística, mais as novelas tamén precisan de certo pulo, ou estro, de orixinalidade e distanciamento da convención, que é o que lles outorga a potencialidade vinculada desde as súas orixes á modernidade, esa capacidade progresista de representación da realidade que ten arte narrativa. Polo tanto, acerta Ruskin cando escribe que o que “marca a diferenza non é soamente unha cuestión de calidade”.

A partir do estudo ben coñecido de Erich Auerbach sobre a idea de mímese e a relación entre ficción e realidade na novela, podemos tirar a conclusión de que a ficción novelesca como xénero literario concibido en conxunto ten un efecto sustentatorio da realidade en tanto que relación entre suxeito e mundo, de aí que se vexa obrigada a partir dunha base actual (“for the hour”) e de aí que non sexa a realidade a que confirma a novela senón a novela a que confirma a realidade. Se a novela ten poder como representación é porque, paradoxalmente, prefigura a posteriori o que a realidade conta, do mesmo xeito que, segundo Auerbach, a profecía mesiánica da Biblia quedou confirmada polos evanxeos e pola figura de Cristo, a partir da cal se reinterpretou todo o Antigo Testamento; así, a historia de Xonás xurdindo do ventre da balea reinterprétase á luz da historia de Cristo como un anuncio da súa resurrección. Isto é, o cristianismo baseouse nunha profecía —”for all time”— que el mesmo actualizou, confirmou e autocumpriu, tal como fai a ficción contemporánea coa realidade.

Nese senso, a función do que na literatura anglo-saxona se denomina modernismo (Henry James, James Joyce, Virginia Woolf, Willian Faulkner) foi poñer en circulación un repertorio de formas que acompañaban a crítica do paradigma kantiano realizada antes —como reacción— polo romantismo e logo, de xeito absolutamente progresista, polos pensadores máis importantes a partir de Nietzsche. Cómpre, polo tanto, non esquecer ese papel retrógrado do romantismo e o seu intento de mistificación da idea moderna de nación, pois habería que lembrar a exacerbación da subxectividade que o romantismo puxo en circulación coa actualización das ideas relixiosas e a súa vinculación co culto do individualismo, en resumo, a literatura e a arte romántica como representación dun nihilismo contra o que tamén se ergueu Nietzsche (velaí o “caso Wagner” e a alerxia que ao autor do Zaratustra lle producía o nacionalismo alemán).

Esas son algunhas das razóns polas que é fundamental realizar nesta altura unha reflexión crítica sobre a preceptiva na arte; razóns polas que consideramos que, en consecuencia, cumpriría facer tamén unha reflexión sobre a estética literaria, reflexión que soamente é posible levar a cabo partindo da crítica do antedito correlato suxeito-mundo como configurador da realidade.

Como é doado supoñer, a arte é imposible sen unha retórica, sen un acordo previo e, polo tanto, preceptivo. De aí o interese que ten realizar unha interpretación teórica da aplicación actual de preceptivas coma a realista, cada vez máis mediatizadas, na elaboración de ficcións.

En conclusión, é na actualización do xénero da novela onde se presenta o debate ao que propio xénero nunca deu cabo, de aí a súa virtualidade como representación. O consensus moderno do pacto social vehiculízase a través de ficcións baseadas na relación suxeito-mundo, ou mundo-pensamento (todo o que o suxeito non pode concibir non existe). As propostas de pensar esa relación desde fóra do pacto, coma a crítica da Crítica kantiana desenvolvida por gran parte da filosofía do século XX, non deron artellado unha narrativa nin unha reelaboración da ficción que non supuxese quedar abocados ao irrepresentable.

Polo tanto, cómpre propoñer de novo a función da significación e da representación mais sen facer abstracción da súa continxencia. A novela é o xénero literario que relata a constitución do suxeito como vehiculizador da representación da realidade, unha cuestión fundamental na Idade Moderna e que marca unha das funcións primordiais da literatura na nosa época.

A pregunta é se a novela como xénero literario poderá prescindir das representacións mediatizadas polo correlato para ofrecer posibilidades novas ou se, como xa aconteceu no modernismo, unha vez máis vai partir da representación do mundo realizada polo suxeito para elaborar outra versión do realismo que continúe determinada polo material inerte da praxe política e pola literatura na súa función confirmatoria da actualidade. Neste último caso, a novela quedaría definitivamente limitada ao seu papel de representación da correlación kantiana que segue a determinar a Idade Moderna e, ao cabo, reforzaría a súa dominación mediante a busca permanente dun suxeito histórico, sexa clase, pobo, ou nación, sen deixar de ser —tamén— representación dunha realidade concibida soamente a partir do vencello ineludible entre produción e consumo.

 

Crítica da saudade humanística

Por unha filosofía aberta ao posible

Un xornal español publica hoxe un especial titulado Nadie quiere a los filósofos, no que as argumentacións se centran na vella e periclitada oposición entre humanidades e técnica, entre filosofía e ciencia. Xa hai moito tempo que sabemos que esa oposición é falsa xa que, máis que unha oposición é unha posición: a de quen se dedica a facer profecías autocumpridas.

É falsa porque as humanidades, e a filosofía con elas, son unha técnica, isto é, unha habelencia para pensar, unha tekhne. Máis aínda hoxe en día, cando a tecnoloxía —nomeadamente a Internet, por exemplo este blogue e moitos outros blogues dedicados á filosofía e ás humanidades en todo o mundo— é a aliada das humanidades grazas a esa noción nova que é o Acceso Aberto. Por fin as humanidades, tamén a filosofía, ao alcance de todo o mundo.

Precisamente, desde Euseino? tratamos de combinar o rigor e o método propios do ámbito humanístico e científico coa difusión do pensamento a toda a sociedade a través das librerías, da Internet (textos dixitais, blogue e libro electrónico) e do Acceso Aberto.

Sen facer caso a apocalípticos nin a integrados, especialmente a eses apocalípticos tamén integrados que o que realmente defenden son unhas humanidades afastadas do mundo, a Fundación Euseino? vai convocar proximamente un programa de conferencias co título de “Filosofía nas Bibliotecas”, coa intención de que as filósofas e os filósofos galegos falen de filosofía —expoñan o pensamento— nas bibliotecas públicas do país.

image

Filosofía nas Bibliotecas ten como obxectivo fomentar e apoiar a organización de actividades para a difusión do pensamento filosófico nas Bibliotecas Públicas galegas. No ámbito da cultura e do pensamento é esencial, ademais da existencia dunha plataforma de publicación de obras, o fomento de actividades coas que difundir na sociedade galega as ideas expostas polos pensadores e pensadoras na súa obra para logo poder debater libremente sobre elas coa finalidade de consolidar un pensamento non dogmático.

De por parte, a dicotomía da filosofía, por unha banda, e a ciencia, pola contraria, é inexistente. Sen os pensadores ilustrados, por exemplo, sería inconcibible a idea de ciencia que temos hoxe en día. Sen os matemáticos e científicos, sería inconcibible a filosofía, por exemplo, dos filósofos do realismo especulativo. Propoñemos a lectura do libro Tempo sen devir, de Quentin Meillassoux e Anna Longo como demostración.

Do mesmo xeito, como sinalaron atinadamente Maurizio Ferraris e Markus Gabriel, hoxe na filosofía han de converxer tres elementos:

1) Unha competencia científica que, nun pensamento cun gran compoñente humanístico coma a filosofía, significa unha competencia filolóxica e histórica, á cal cómpre engadir a competencia respecto das ciencias naturais e sociais e respecto de asuntos de debate coma o problema mente-corpo e a estética como ontoloxía dos obxectos materiais e dos obxectos retóricos.

2) Unha competencia teórica, na que “o elemento analítico fornece a forma, mentres o elemento continental fornece o contido”, xa que os conceptos sen intuicións están baleiros e as intuicións sen conceptos están cegas.

3) Unha pertinencia pública. Intrinsecamente, e non accidentalmente, a capacidade de dirixirse a un espazo público forma parte da filosofía. Para pensar con rigor é necesaria unha linguaxe específica mais a filosofía debe estar en contacto cos outros ámbitos da cultura, especialmente con aqueles cos que, desde o século XVIII, constituíron as artes.

A ciencia, coma forma do pensamento, fai parte das humanidades e as humanidades son o acceso aberto ao mundo. Nada máis útil —moito máis ca calquera utilitarismo— que a superación desa clausura, aquela que pretende deixarnos no interior do suxeito como única maneira de acceder ao mundo. Na superación desa división entre mundo e pensamento, entre kósmos aisthetós e kósmos noetós, está a virtualidade do pensamento e da técnica, da ciencia e das humanidades como acceso aberto ao posible.

Linguaxe filosófica e sistema

Na tradución francesa dos Elementos metafísicos da doutrina do dereito (1853), lemos unha nota no pé de páxina na que Jules Barni fai un comentario sobre as críticas feitas a Immanuel Kant pola linguaxe filosófica que emprega. Barni non soamente é tradutor da obra do filósofo de Könisberg senón que é un comentarista ben espelido dela e un asisado defensor da razón ilustrada.


Obertura

Esa nota sobre a linguaxe filosófica interésanos tamén porque está precedida doutra sobre a noción de sistema. Que ambas as dúas sexan contiguas non é casual, pois a noción de sistema, á parte de presupoñer a idea de totalidade, implica a elaboración dunha linguaxe autónoma que dea conta do sistema que esa linguaxe representa. Ao pensar os conceptos en relación cun sistema, o filósofo establece outro tipo de xerarquía ou modifica cando menos parcialmente as xerarquías conceptuais xa establecidas, o que obriga necesariamente á elaboración dunha terminoloxía, dunha linguaxe que recolla e reflicta esas relacións ata daquela nunca manifestadas, ou manifestadas dun xeito diverso. De aí que o sistema sexa autónomo —como totalidade que pretende ser tal— e que a súa linguaxe aparente un distanciamento da retórica consensuada previamente. Algúns a ese distanciamento —a crítica, segundo a súa etimoloxía, é distancia— cualifícano de “linguaxe escura”, empregando a metáfora da luz —de procedencia celeste, elevada ou sublime— fronte á escuridade —asociada ao ctónico, ao terrestre, informe ou visguento.

Kant, Immanuel (1724-1804). Éléments métaphysiques de la doct

 

Tema

Logo destas consideracións iniciais, pasemos entón ao que escribe Barni:

Decote reprochábaselle [a Kant] a escuridade da súa linguaxe: acusábano incluso de ser afectado para lograr unha aparencia de fondura. Este reproche último seguramente era moi inxusto mais o primeiro non o era tanto. É certo que o noso filósofo ten abusado moito da linguaxe escolástica. Admitido isto, tamén cómpre recoñecer con el que, se toda doutrina filosófica, baixo pena de converterse xustamente en sospeitosa, debe poderse traducir en resultados claros para todo o mundo para acabar así facéndose popular, a ciencia crítica da razón ou en xeral a metafísica pura endexamais se sabería contentar coa linguaxe vulgar, xa que decote ten necesidade de crear unha lingua que exprese exactamente as súas ideas. Ímolo dicir ao noso xeito: se a filosofía, para exercer no mundo a saudable influencia que temos dereito a agardar dela, debe saír da escola e debe traballar para facerse popular, como ciencia de xeito ningún se ha preocupar da popularidade; ante todo debe procurar a exactitude e levar a rigorosidade tan lonxe como sexa posible. A filosofía popular é sen dúbida algo ben xeitoso; mais tamén hai unha filosofía científica que non debe, por querenza á primeira, quitar á segunda o seu carácter propio. Para que esta sexa unha ciencia, ten que se dedicar a cumprir todas as condicións dunha ciencia verdadeira e que, como consecuencia, a súa linguaxe sexa científica. Só o abuso está preto do uso e eu concordo en que o filósofo alemán leva o uso ata o abuso. Láiase en algures con razón dos seus imitadores badocos, que introducen sen necesidade na linguaxe ordinaria expresións técnicas, axeitadas para a escola mais completamente fóra de lugar en calquera outro contexto; sería inxusto facelo responsable dese ridículo. Se cando queremos tratar a filosofía como unha ciencia non hai que sacrificar á forma popular a severidade científica, tampouco no discurso e nos escritos populares hai que falar ao público unha linguaxe que só está feita para a ciencia.— Reprochóuselle a Kant amosar unha presunción especial ao pretender que antes da aparición da filosofía crítica aínda non existía a filosofía. Segundo el, non hai nada tan normal, xa que, en definitiva, só pode existir unha filosofía verdadeira, o mesmo ca só existe unha razón humana, de tal xeito que calquera que propoña un sistema filosófico novo é coma se declarase por iso mesmo que ata ese momento a filosofía verdadeira aínda non existía. Abofé que hai varias maneiras de filosofar, é dicir, tentativas diferentes para establecer o sistema da filosofía, e que todas esas tentativas poden ter o seu mérito e a súa utilidade; mais só hai unha soa maneira de filosofar que sexa a boa, só un sistema que sexa o verdadeiro; a cuestión é saber se, en efecto, xa o atopamos. Malia esta explicación, coido que o reproche dirixido a Kant subsiste e que, ao se estender a todo fundador dun sistema, non deixa de ser menos xusto. ¿Como un filósofo, por moi grande que sexa, pode pretender que antes a filosofía non existía porque comeza con el? Concordo con Kant en que só hai unha filosofía verdadeira mais penso, con Leibniz, que cada un dos diferentes sistemas representa un aspecto dela e, co século XIX, coincido en que ninguén pode fachendear de abranguela completamente. Kant concibe a filosofía como un sistema que depende dun principio que lle comunica a súa unidade. Logo a unidade é sen dúbida a condición de toda forma sistemática e a forma sistemática o carácter de toda ciencia digna dese nome; mais a cuestión sería saber se, polo menos en filosofía,  esa unidade resulta dun principio único ou se en si mesma non é un todo complexo.— […]

Como diciamos máis arriba, é precisamente na nota que precede esta que acabamos de traducir onde Jules Barni define a noción de sistema en Kant como “unha división perfectamente metódica e absolutamente completa”. Refírese nesa nota precisamente á obra que traduce, os Elementos metafísicos da doutrina do dereito, velaquí a súa interesante matización:

No prefacio, Kant explica por que dá á súa obra o título de Elementos metafísicos da doutrina do dereito en troques do de Sistema metafísico do dereito. É porque nela a idea de dereito tamén debe ser considerada na súa aplicación aos casos particulares fornecidos pola experiencia e, ao non poderen eses casos dar lugar a unha división perfectamente metódica e absolutamente completa, non se sabería enxergar aquí a pretensión de establecer un sistema verdadeiro. Limitarase, pois, a propoñer no texto os elementos ou os principios do sistema sen pretender construír o sistema enteiro. A aplicación da idea do dereito a casos da experiencia será obxecto de escolios separados.

Logo a filosofía só pode elaborar un sistema cando o seu material non atingue a pragma, a cousa ou o “feito”, e o seu derivado: o material pragmático que configura a realidade desde o momento en que aparece nela como unha modalidade de presentación (o inmediato, ou non mediado); si que o pode facer, pola contra, cando trata coas representacións (o mediato, ou atinguido mediante unha mediación) utilizando os conceptos e a súa función, é dicir, de maneira mediada. Esa é a noción fundamental da Idade Moderna e, polo tanto, do mesmo pensamento de Kant: a representación é a mediación; tanto para o coñecemento coma para o pacto social, a representación é a mediación pola que se configura o correlato humano-mundo e a política consecuente.


Coda

Esa é a razón pola que nunha linguaxe asistemática, con maior dependencia do suxeito, a correlación adquire maior preponderancia. De aí que un sistema asistemático —singularmente aqueles que dependen sobre todo de pensamentos subxectalistas— aínda requira en maior grao unha linguaxe específica, a linguaxe do suxeito que pensa, isto é, un idiolecto, ou linguaxe identitaria. A partir da Ilustración, esa tendencia a limitar a realidade clausurándoa no pensamento, interpretando a devandita clausura do pensamento sobre si non como síntoma da súa finitude senón como consecuencia da súa necesidade ontolóxica, é a dominante na filosofía, tal como apuntou Quentin Meillassoux nunha conferencia pronunciada na Universidade Libre de Berlín o 20 de abril de 2012:

A absolutización da sensación (o hilozoísmo de Maupertius e de Diderot), a absolutización da razón (o idealismo de Hegel), da liberdade (o Schelling de 1809), a da percepción (Bergson e a imaxe en si, no primeiro capítulo de Matière et Mémoire), a da vontade (Schopenhauer), a das vontades en conflito (a vontade de poder de Nietzsche), a do eu no seu estado de xerme inicial (o “eu larval” de Deleuze en Difference et Répetition), etc. Dese xeito, houbo unha proliferación de subxectivacións do real, ás veces en conflito entre si, particulamente entre o polo vitalista (do hilozoísmo a Deleuze vía Nietzsche) e o polo idealista (dominado por Hegel). Mais os devanditos conflitos camuflan un acordo fundamental: que, despois de Berkeley, non ten sentido voltar á realidade totalmente asubxectiva do materialismo epicúreo.

De aí que na clausura do pensamento en si mesmo estea a orixe da súa limitación como linguaxe e, máis concretamente, como linguaxe do suxeito transcendental que rexe o correlato humano-mundo. Logo todo sistema é unha representación e, como tal, asume unha impotencia que é o límite do mesmo pacto que lle permite existir. O que queda fóra desa clausura, todo o que non ten significado dentro dela, non existe.

A subsecuente incapacidade de acadar un absoluto exterior á antedita clausura pon de relevo a función da filosofía especulativa como a daquela filosofía que, pola contra, afirma acadar o absoluto e do materialismo como aquel pensamento que accede a un absoluto que é ao mesmo tempo externo ao pensamento e está desprovisto de toda subxectividade.