A polémica sobre a ambición literaria

O crítico literario Xosé Manuel Eyré escribía hai uns días na súa bitácora Ferradura en tránsito un artigo no que comentaba o publicado previamente en euseino.org co título de “O esmorecemento da ambición literaria”. Baixo o rubro “Dialogando”, o autor de Nin che conto (Para coñecer e gozar a micronarrativa) contestaba á nosa reflexión sobre a heteronomía dominante, como diaciamos, “en xéneros coma o da novela, máis expostos a influencias alleas á literatura, [entre elas] o control establecido por un repertorio temático e estilístico sometido ás necesidades de difusión [que se acrecenta] na literatura galega como consecuencia da alianza aparentemente inextricable entre cultura nacional e política, alianza ao abeiro da cal tamén se sitúa a explotación comercial da literatura”.

En euseino.org publicamos hai tempo outro artigo no que recolliamos e respondiamos a declaracións sobre a falta de ambición da literatura actual feitas por un influente crítico norteamericano: En resposta a Harold Bloom: ¿que é ‘radicalmente novo’?”. A elas sumáronse despois as feitas polo escritor e editor Roberto Calasso a un xornal español. Ambas as dúas admonicións pódense interpretar como os derradeiros intentos de defensa da literatura modernista e “experimental” xurdida a comezos do século XX: “Os obxectivos desmesurados que eran tan comúns a escritores tan opostos coma Musil e Joyce non parecen estar hoxe de actualidade [e, incluso], esvaeceron”, afirmaba o editor de Adelphi.

malczewski_jacek_krajobraz_z_tobiaszemImplicitamente, Eyré estase a sumar a esa defensa da literatura modernista ao aludir á que el denomina “literatura hiperbreve ou literatura mínima”, aquilo que noutro sitio caracterizou como “unha das manifestacións literarias que máis expectativa está creando no comezo deste século e que está a provocar a remodelación do sistema narrativo e mesmo de todo o sistema literario. Este tipo de discursos son un exercicio de exquisita pureza, porque na brevidade o xenuinamente literario brilla con luz propia […]”.

No noso artigo, pola contra, afastabámonos de calquera noción próxima a exercicios, ou experimentos literarios, e o que se propoñía era realizar “unha reflexión crítica sobre a preceptiva na arte” e tamén “unha reflexión sobre a estética literaria” coa finalidade de iniciar unha crítica do correlato suxeito-mundo como configurador da realidade, visto que as ficcións baseadas na relación suxeito-mundo, ou mundo-pensamento (todo o que o suxeito non pode concibir non existe), acaban por ser vehiculizadoras únicas da representación da realidade, cuestión fundamental na Idade Moderna xa que marca unha das funcións primordiais da literatura na nosa época.

O que nos preguntabamos era se a literatura podería prescindir das representacións mediatizadas por ese antedito correlato “para ofrecer posibilidades novas ou se, como xa aconteceu no modernismo, unha vez máis [se] vai partir da representación do mundo realizada polo suxeito para elaborar outra versión do realismo que continúe determinada polo material inerte da praxe política e pola literatura na súa función confirmatoria da actualidade”.

Nesa liña, velaquí algúns dos artigos publicados en euseino.org que poden axudar a que a polémica non quede en cuestión literaria, ou en defensa da autonomía da arte e, como é a nosa intención, se amplíe a unha concepción especulativa do materialismo e das representacións consecuentes, non necesariamente asubxectivadas:

Obxectos literarios e ficción dos mundos fóra da ciencia

Hipóteses sobre obxectos literarios e formas de representación

A novela-máquina: enerxía, operador e materia

A novela, xénero literario moderno

En conclusión, unha polémica sobre a ambición literaria, para ser tal polémica, debería levarnos a facer unha reflexión fonda sobre a función da literatura e da arte na sociedade actual co obxectivo de evitar que, tanto a unha coma a outra, acaben funcionando unicamente como estímulos produtivos da subxectividade, “empoderada” ou non, e de suxeitos históricos ao xeito de “pobo”, ou de “nación”, categorías todas elas situadas baixo o dominio da correlación suxeito-mundo.

Agradecemos a Xosé Manuel Eyré que dese alento ao diálogo, con grande intelixencia e xenerosidade, como decote é habitual nel.

 

A feira da vida baixo o ollo da filosofía

O crítico literario Xosé Manuel Eyré publica unha recensión de Corpo-circuítos, de Abraham Rubín, no seu blogue Ferradura en tránsito. Co título de “A feira da vida baixo o ollo da filosofía”, Eyré fai unha análise pormenorizada e descritiva do contido do libro. Evita adrede a valoración para salientar dese xeito, cunha forma de sutil partenariado intelectual, que é innecesario:

“Pretender negar que o capitalismo modela e conduce as nosas vidas é inútil ademais de mentireiro. O maquínico do capitalismo é o punto central a partir do cal teñen lugar as conformacións colectivas (económicas, sociais, políticas). Por iso ofrece a posibilidade da creacióndun novum contínuo: a conformación co outro, a escoita do outro (tamén se o outro non é humano) (22) O concepto de máquina é algo novo para o lector pouco avezado en lecturas fiolosóficas. Aquí emprégase (con Deleuze e Guattari) como signo a partir di cal poder acceder a unha apertura de sentido respecto a todo aquilo implicado no social e que, ao mesmo tempo, condiciona o vivido a nivel persoal (27). Todo é máquina, inclusive e sobre todo, a sociedade. Unha sociedade capitalista que se apropia da memoria e da reprodución do procesos de semiotización. Todos somos suxectividades nas cales a máquina imprime modelización ao efecto, desde a escola, a sociedade ou os media como púlpito. A subxectividade é a materia prima do desenvolvemento social.”

 

maquinaria-en-movemento-louis-haghe

 

A subxectividade é a materia prima do desenvolvemento social.

 

“Entre a filosofía e o mundo” – Xosé M. Eyré entrevista a Carlos Lema

O escritor e crítico literario Xosé M. Eyré, quen desde o seu blogue Ferradura en tránsito mantén unha continua e insubornable reflexión sobre a literatura e a cultura, reflexión na que o pensamento vai indisolublemente unido á crítica política e á independencia de opinión, publica nesa mesma tribuna unha entrevista con Carlos Lema, tomando como punto de partida o seu libro A música das esferas, publicado por Euseino? Editores.

Eyré introduce a conversa con estas palabras:

Editor, poeta, ensaísta, […] [Carlos Lema] recentemente publicou “A música das esferas. Xenealoxía da orde no mundo”, do que xa nos temos ocupado nesta “Ferradura” e do que tamén fixemos crítica en “Galicia Confidencial”. Con el mativemos unha demorada conversa […] onde, ademais da súa última publicación, nos ocuparon outros temas cos que quixemos vincular a filosofía e a máis inmediata realidade que vivimos.

A entrevista íntegra pódese ler na ligazón:

Entrevista a Carlos Lema: “Entre a filosofia e o mundo”

A desconfiguración do mundo ou a razón do desconcerto

Na sección “Tendencias” do diario Galicia Confidencial, publicado na internet, o crítico literario Xosé Manuel Eyré escribe unha recensión de A música das esferas, o libro de Carlos Lema editado por Euseino? Co título “A desconfiguración do mundo ou a razón do desconcerto“, Eyré pregúntase sobre “o proceso de pensar o mundo” para, ao fío do ensaio que analiza, expoñer tamén as súas hipóteses sobre o papel da filosofía no mundo de hoxe. A recensión iníciase cunha descrición do que segundo o crítico é:

un estudo sobre desconfiguración ou reconfiguración do mito (a narración que dá orde ao mundo, a narración que procura describir a harmonía do mundo, a música das esferas) ao longo do tempo. Certamente nesta análise non se chega deica o século XXI das preferentes [mais] permite actualizar, no proceso reflexivo do lector, até a mesma actualidade pois a sociedade posterior, cada vez máis capitalista, posúe unha orde […].

Desde a orixe da Filosofía, desde a orixe do coñecemento, desde a orixe do mito, desde a orixe da narración do mundo e procura de harmonía no mundo, o autor vai estudando as sucesivas deturpacións ou modificacións que este irá sufrindo.

Xosé M. Eyré, “Tendencias”, Galicia Confidencial

Eyré acaba por focalizar o seu interese pola argumentación do libro de Carlos Lema nas “modificacións que o mito vai sufrir co paso dos séculos [, coas que] si dará unha idea de por que estamos como estamos. E nesa desconfiguración ou, aínda mellor, reconfiguración ten un protagonismo especial a relixión católica, que se apropiará do mito até desconfiguralo e reconfiguralo segundo os seus propios intereses, intereses que finalmente só son de dominio”. Concluíndo o artigo cunha defensa da literatura como “mito alternativo”.