A revista de filosofía Implications philosophiques publica un interesante dossier sobre o pensador alemán Hans Blumenberg. Entre os seus artigos, atópase unha entrevista realizada por Thibaud Zuppinger a Denis Trierweiler, tradutor para o francés de Beschreibung des Menschen (“Descrición do ser humano”), obra póstuma de Blumenberg.
Euseino? Editores prepara a publicación, para o mes de setembro, de “A música das esferas. Xenealoxía da orde do mundo”, libro de Carlos Lema que inclúe unha parte final dedicada á polémica da secularización e á súa relación coa obra de Hans Blumenberg. Nese contexto, recensionamos e comentamos de seguido a antedita entrevista a modo de introdución a un dos pensadores que dedicaron maior atención á Idade Moderna. E, para facilitar a súa lectura, publicamos esta recensión en dúas entregas sucesivas.
Logo de comezar cun repaso breve á recepción da obra de Hans Blumenberg en Francia e ao proceso de tradución dos seus textos, a entrevista ocúpase tamén brevemente da obra póstuma de Blumenberg, da que forma parte un dos seus libros maiores: Descrición do ser humano.
Nese punto,Trierweiler detense na maneira de escribir de Blumenberg:
“Cómpre falar da maneira de traballar de Blumenberg. Facíao cun sistema de ficheiros; milleiros e milleiros de fichas, algunhas das cales ás veces empregaba repetidamente, tanto para escribir un artigo breve de xornal coma para, retomándoas, desenvolver tamén un libro curto, ou mesmo para os grandes proxectos, que xeralmente abrollan dun artigo. Na miña opinión, este é o caso de Arbeit am Mythos (“Traballo co mito”), que comeza como un artigo breve sobre o concepto de realidade e a posibilidade da novela, publicado en Poetik und Hermeneutik en 1971, que é a matriz de Arbeit am Mythos. Adoita acontecer así. O xermolo de Die Lesbarkeit der Welt (“A lexibilidade do mundo”) existe desde a década de 1950. Ás veces decide retomar e desenvolver tal temática ou tal outra e ás veces non o chega a facer nunca.”
“[…] [Blumenberg] publicaba de maneira parsimoniosa. Era moi prudente coas publicacións, moi puntilloso coa edición. Relía con moita atención. Mesmo chegaba a ocuparse da composición tipográfica da páxina, cousa que eu penso que o deixaba esgotado.”
Enigma, erudición e estilo
Volvendo sobre a numerosa obra póstuma do autor de Die Legitimität der Neuzeit (“A lexitimidade da Idade Moderna”), o tradutor salienta que moitas destas obras inéditas son libros “claramente programados”. Malia o aspecto “heteróclito e heteroxéneo” das súas obras, que pode dar a impresión de que existe unha ruptura entre elas, Blumenberg é un “pensador coherente”:
“Aínda que o perfil da obra poida parecer enigmático, pois é certo que non soubo ou non quixo darlle unha forma sistemática. Semella un tanto desordenado”. Malia esta afirmación do seu tradutor, cómpre non esquecer que Blumenberg tamén era profesor e que unha parte ben importante dos seus escritos tratan sobre a retórica; nese senso, na disposición textual do seu pensar seguramente hai unha estilística escollida, na que a complexidade funciona como maneira de situar o lector nun contexto de menor determinación, no que as inferencias acaban por xurdir debido á relación entre os elementos expostos e non como asertos fixados directamente pola escritura.
Isto constátase na súa crítica á obra de Carl Schmitt, que é unha obra que se está de moda é precisamenente por ser un pensamento categórico, dual, determinante. Neste punto, Denis Trierweiler non evita a polémica:
“Tense a impresión de que, logo da fin das grandes ideoloxías, os repertorios de lectura comezan a esfarelarse e, cun pensador coma Schmitt, volven acadar o seu obxectivo: posúese outra vez un repertorio que se pode aplicar a calquera circunstancia. De aí a fascinación que este autor exerce sobre unha cantidade —numerosa de máis— de lectores.”
Efectivamente, Blumenberg serviríase da súa erudición non tanto como como esteo teórico do pensar especulativo senón máis ben como xeito de “realizar variacións” do pensamento que esa mesma erudición axuda a abrollar.
Na entrevista, Trierweiler puntualiza esta cuestión intelixentemente xa que esa erudición ás veces pode parecer gratuíta precisamente porque non está vencellada directamente a un pensar doutrinal. Así, na Descrición do ser humano, Blumenberg “fai unha homenaxe á gran fondura filosófica de Husserl, malia que nunha pasaxe breve desa obra chegue a dicir que, se Husserl tivese unha verdadeira cultura filosófica, se coñecese a historia da filosofía tan ben como a coñecía Heidegger, o século XX tería un cariz completamente diferente”.
“¿Culto de máis?”, pregúntase o seu tradutor ao referirse ao aspecto erudito da obra de Blumenberg:
“Todos estamos condenados a permanecer nunha posición humilde e a repetir o xa escrito. Calquera filósofo sabe que todo xa está dito, non embargantes, continúase a intentar introducir novidades, a ‘realizar variacións’, como indican Bollack e Wismann en 1968 (o primeiro coñeceu a Blumenberg e o segundo foi un dos que mellor o soubo ler).”
Daquela, un dos modos en que Blumenberg empregaría a súa erudición sería para, ao xeito dos compositores, “realizar variacións” sobre o pensamento.
Defensor da modernidade
O fío condutor da obra de Blumenberg semella que, ademais da metafórica e da antropoloxía —esta última no seu senso de representación do ser humano, non no seu senso de discurso ou saber—, reside nun preguntarse inquedo sobre a modernidade e sobre a súa vontade de saber. Dirixe o seu interese cara á modernidade mais non exactamente nos termos e cos conceptos cos que a modernidade se entende a si mesma.
“Tocante á súa achega sobre a modernidade, trátase máis ben dun cuestionamento continuo da mesma.” Cuestionamento que, para Trierweiler, non chega á constatación do fracaso da Ilustración. “Blumenberg é un defensor verdadeiro da modernidade, de aí que pasase o traballo de escribir A lexitimidade da Idade Moderna. Que aquí e acolá se poida constatar que a Ilustración tivo a pretensión de ser un comezo novo e a ilusión de empezar todo desde cero ten para el menor importancia.”
Á pregunta sobre se a modernidade venceu á gnose, sobre se a loita contra a gnose é algo que vén de vello e que está relacionado coa historia do cristianismo moito antes da aparición do pensamento moderno, vencéllase necesariamente o esforzo de Blumenberg por refutar a tese da secularización:
“Na Lexitimidade da Idade Moderna, que se publica en 1966, Blumenberg combate as teses de Löwith, de Schmitt e tamén de xente coma Voegelin, moi en voga nese momento. Érguese contra iso e, na súa obra, que amosa unha cultura teolóxica extremadamente profunda, hai a convicción de que o cristianismo endexamais deu superado o gnosticismo, fenómeno ao que el denomina a recidiva gnóstica. Blumenberg está convencido de que esta recidiva é unha ameaza permanente porque todo pensamento monista acaba por un segundo elemento. O cristianismo non daría superado a gnose malia a consciencia do perigo e malia a introdución do Vento paracleto como terceiro elemento. Blumenberg mantén unha posición de hostilidade total perante o gnosticismo. Considérao o peor dos males.”