Coincidindo co equinoccio de outono e co final de ano no calendario republicano, pois hoxe, Festa das Recompensas, remata o ano 221, parécenos axeitado traducir unha cita de Alexandre Koyré onde intenta describir “os cambios producidos pola revolución do século XVII”, na que “o mundo xeocéntrico dos gregos e o mundo antropocéntrico da Idade Media” é reemprazado polo “Universo descentrado da astronomía moderna”. Segundo Koyré, que se refire ao cambio da concepción ptolemaica do mundo pola nova de Copérnico, esta “revolución” está vencellada a dous elementos principais:
“a destrución do Cosmos e a xeometrización do espazo, é dicir
a) a destrución do mundo concibido como un todo acabado e ben ordenado, no cal a estrutura espacial encarnaba unha xerarquía de valor e de perfección, mundo no que ‘por riba’ da Terra pesada e opaca, centro da rexión sublunar da mutación e da corrupción, se ‘elevaban’ as eferas celestes dos astros imponderables, incorruptibles e luminosos, e a substitución deste por un Universo indefinido, e incluso infinito, que xa non supón ningunha xerarquía natural e que está unido soamente pola identidade das leis que o rexen en todas e cada unha das súas partes, do mesmo xeito que polos seus compoñentes últimos, localizados, todos, a igual nivel ontolóxico; e
b) o reemprazamento da concepción aristotélica do espazo, conxunto diferenciado de lugares intramundanos, polo do espazo da xeometría euclidiana —extensión homoxénea e necesariamente infinita— en diante considerada como idéntica, na súa estrutura, ao espazo real do Universo. O que, á súa vez, implica que o pensamento científico rexeita todas as consideracións baseadas sobre as nocións de valor, de perfección, de harmonía, de senso ou de fin e, ao cabo, a desvalorización completa do Ser, o divorcio total entre o mundo dos valores e o mundo dos feitos.”
Alexandre Koyré, “Avant-propos”, Du monde clos à l’univers infini