Propoñemos a seguir unha selección do publicado en euseino.org durante o ano pasado. Trátase de ofrecer a quen le a posibilidade de relacionar temas, trazar puntos e liñas de coincidencia, considerar o publicado coa perspectiva acumulativa que a súa mesma lectura fornece.
[Os artigos pódense ler completos ao calcar no seu título ou na ligazón baixo o rubro “Siga a ler”.]

1.
A vida do poeta, e a de todo artista, é unha representación, de aí que soamente poida ter unha xustificación estética. O senso da vida do poeta é un senso exclusivamente estético; cando falo de estética refírome a un tipo de percepción que condiciona a vida toda como representación, a transcendencia da vida do artista dáse unicamente como representación, a alma do artista é unha representación sublime.
Tras a morte de Deus, figura na que se sumía todo acto na concepción relixiosa que está na base do Antigo Réxime, na Idade Moderna esa xustificación estética da vida estendeuse a todo suxeito desde o momento en que a liberdade se converteu no elemento constitutivo tanto do artista coma do pacto social. Na modernidade, cando dicimos arte estamos a falar de participación no pacto social como resultado dunha decisión libre: a aceptación do disenso como constitutivo da representación fai posible a liberdade. A xustificación estética da vida é a elaboración dun disenso propio —o tan traído e levado “mundo propio”— co que formar parte do pacto; por iso a sociedade moderna non é comunal senón que é acomún, pois está formada por singularidades baseadas na diferenza outorgada polo libre arbitrio.
Abril
“A verdade errada”, de Rebeca Baceiredo, seleccionado pola crítica
Se non nos falla a memoria, co libro de Rebeca Baceiredo publicado por Euseino? na colección Rúa do Sol, a edición dixital en acceso aberto entra na lista de libros recomendados pola crítica a través da Tabela dos Libros publicada en Criticalia.
Trátase dun feito importante, xa que consideramos que a difusión en acceso aberto é fundamental para a filosofía e tamén para o pensamento sobre literatura. O progreso da filosofía é inconcibible hoxe en día sen as publicacións dixitais a través da Internet, que en todo o mundo se converteron no medio de difusión, de intercambio e contraste de formas de pensar diferentes.
O dinamismo e capacidade concepción da filosofía deste século débese en gran parte á difusión en acceso aberto, que permite a lectores e autores unha axilidade e unha potencia de relación polo de agora nunca vista. O realismo especulativo, introducido no noso país a través de euseino.org, é un caso paradigmático, xa que esta corrente de pensamento xurdiu e se difundiu por medio dos blogues e das revistas dixitais non venais coma Anotacións sobre literatura e filosofía.
O semanario Sermos Galiza, na súa edición en papel, publica hoxe (nº 306, 26-VII-2018) unha reportaxe do xornalista e poeta Daniel Salgado sobre a actualidade do “Novo ensaio crítico”.
Logo de facer un repaso das diferentes novidades editoriais, expóñense diversas opinións sobre o xénero ensaístico, entre elas as de Rebeca Baceiredo e Roberto Abuín. A autora de A verdade errada salienta que “co ensaio tes a crenza de que podes mudar o mundo”, mentres que o autor de “Ogham, ou arredor da escrita” afirma concibir o ensaio como “unha tecnoloxía de subxectivación crítica” e como “un espazo de experimentación dun dicir non literario”. Baixo o epígrafe “Editoriais abertas ao impensado”, a reportaxe sitúa a liña de Euseino? Editores na “reflexión filosófica”.
Desde euseino.org celebramos a publicación de reportaxes coma o de Salgado, que sitúan na actualidade xornalística o que Nietzsche cualificou de inactual, ou intempestivo. Esa contradición soamente é aparente pois a propia noción do actual e da actualidade é filosófica de seu. A filosofía é actual en tanto que o pensamento se realiza como tal, en tanto representa o mundo.
[Siga a ler]
Continuación e final das glosas a “A alma como artesá”, de Wilfrid Sellars
Velaquí a segunda e última parte do artigo “Alma e representación, 1”, no que se comenta “The Soul as Craftsman: an Interpretation of Plato on the Good” (“A alma como artesá: unha interpretación do Bo en Platón”), texto da conferencia pronunciada por Wilfrid Sellars na Bicentenial Lecture in Classics and Philosophy da Universidade de Brown en febreiro de 1962.
Sellars está considerado un dos grandes filósofos norteamericanos do século XX e é coñecido pola súa distinción entre “imaxe manifesta” e “imaxe científica” do mundo, na que as fontes descritivas da ciencia se vencellan coa linguaxe do individual e a das intencións. Segundo o seu autor, o obxectivo de “The Soul as Craftsman” é esbozar unha interpretación da idea do Bo nos diálogos serodios de Platón, idea na que, contrariamente á tradición continental da filosofía do século XX, non se desbota a representación nin se rexeita a técnica como medio para unha arte ouoficio de vivir.
[Siga a ler]
Agosto
Durante o verán, reservamos tempo para un dos libros máis interesantes dos publicados en 2017, trátase de The Legacy of Kant in Sellars and Meillassoux: Analytic and Continental Kantianism e contén dez ensaios ademais dunha introdución de Fabio Gironi, que se encargou de coordinar e editar o volume.
A razón dun libro no que se comparan dous filósofos tan dispares coma Quentin Meillassoux e Wilfrid Sellars explícaa Gironi na introdución:
Este volume ten como obxectivo a comparar dúas formas moi diferentes de realismo poskantiano: unha defendida por Meillassoux, que propón o rexeitamento de Kant (mais […] un rexeitamento que intenta rachar coas constricións kantianas desde dentro máis ca superalas completamente), e outra a que propón Sellars ao facer compatibles as estruturas kantianas cos contidos científicos realistas. Así, por exemplo, dous tipos de posicións realistas se poden inferir do recoñecemento da facticidade ou continxencia das nosas estruturas cognitivas: o tipo que defende Meillassoux, no que o feito da súa continxencia acaba sendo extrapolado a unha perspectiva ontolóxica […], e o tipo que defende Sellars, no que a continxencia acaba por ser recuperada en función da súa capacidade para evolucionar e adaptarse a unha descrición precisa dunha realidade non caótica. Por iso, malia propoñer solucións moi diferentes, Sellars e Meillassoux (e, debería engadir, Kant) comparten o obxectivo de dotar dun senso realista ás posibilidades da ciencia moderna.
Á parte da introdución de Gironi, o libro inclúe ensaios de Aude Bandini e Anna Longo nos que se fornece o contexto histórico do legado da filosofía kantiana, amosando esta última autora como Sellars e Meillassoux acaban por contestar as cuestións metacríticas sobre a razón que xurdiron nos debates entre Schulze, Maimon e Fichte, nos que se chega alén da finitude. Se os ensaios de Gabriel Catren e Joseph Cohen se centran unicamente en Meillassoux, os de James R. O’Shea, Ray Brassier, Carl B. Sachs, Dionysis Christias, Muhannad Hariri e Daniel Sacilotto realizan unha comparación entre Sellars e Meillassoux.
Outubro
Ás veces cómpre seguir os pasos daqueles que volven pensar o xa pensado. Non se trata, nembargantes, de retornar ao historicismo nin de louvar o seu amigo máis común, o presentismo. John Zammito, autor dunha coidadosa e inefable reconstrución da xénese da Crítica do xuízo, de Immanuel Kant, escribiu hai xa uns cantos anos unha recensión de dous libros complementarios, xemelgos, ou mesmo rivais, o de Frederick Beiser sobre o idealismo alemán e o de Robert Richards sobre a concepción romántica da vida. Un libro contra o mundo centrado no suxeito e outro sobre a relación entre ciencia e filosofía na época de Goethe, un dos modelos da subxectividade artística moderna.
Dous libros sobre cuestións filosóficas urxentes, o auxe dunha epistemoloxía naturalizada e a necesidade dun naturalismo que a inclúa e supere. Se no segundo a figura que centra o estudo é Goethe, no primeiro resulta ser Schelling o punto de confluencia de Idealismo, Romantismo e Naturphilosophie. Para os autores de ambos os libros, sempre segundo Zammito, a estética (sobre todo, dun punto de vista artístico) aparece como a catalizadora crucial.
[Siga a ler]
Novembro
Os nosos colegas de Axóuxere acaban de publicar Orfeo canta. Iniciación, signo & retorno, o esperado libro de Roberto Abuín. O autor de “Ogham, ou arredor da escrita” continúa con este ensaio a súa pescuda filosófica, situada entre a poesía, a narrativa e a filosofía. Unha senda pouco habitual na escritura contemporánea. No artigo que incluímos a seguir, Carlos Lema fai unha análise interpretativa do libro tendo en conta tres parámetros: a idea de obra como inscrición na materia, o pensamento como autopoiese e a representación como posibilidade que xorde da continxencia.
[Siga a ler]
[Pode acceder ao resto dos artigos en “Arquivo”, na parte inferior desta páxina web. Recomendamos tamén un tipo de consulta diferente, empregando para iso as “Etiquetas” situadas na columna lateral. Grazas pola súa lectura.]
SaveSave
SaveSave
SaveSave