“Cando arde a casa”, por Giorgio Agamben

“O ceo. Nocións de astronomía para uso de xente mundana e da mocidade” (1864), por Amédée Guillemin, pormenor da prancha XXXIV

 

Recentemente publicado polos nosos colegas de Quodlibet, a editorial que inspira a Euseino? Editores desde o inicio da nosa actividade, difundimos agora en galego un artigo de Giorgio Agamben, excepcional tanto no seu contido coma na súa forma. Nel ábrense paso ideas que botan luz sobre o significado da vida plena, sobre a vellez e a soidade, sobre a necesaria ou innecesaria salvación. As máquinas e a tecnoloxía están moi presentes. Tamén os seres humanos reducidos á súa pura existencia biolóxica. E, a carón desta visión crítica, en absoluto acomodaticia, xorde a vida sentida como tal: “Sentirme vivir faime a vida posible, aínda que estea pechado nunha gaiola. E nada hai tan real coma esa posibilidade.” Aparece a salvación libre do dominio da historia: “Cómpre arrincar a salvación do seu contexto histórico, atopar unha pluralidade non histórica, unha pluralidade como camiño de saída da historia.” E, ao cabo, a filosofía e a poesía: “Queda, na casa que arde, a lingua. Non a lingua senón as inmemoriais, prehistóricas, débiles forzas que a custodian e a lembran, a filosofía e a poesía.”

Traducido do italiano por Carlos Lema. Agradecemos ao autor e a Quodlibet a súa xenerosidade por permitirnos difundilo en galego e a Valentina Parlato a xentileza coa que atendeu a nosa proposta.

♦

Cando arde a casa

“Todo o que fago non ten senso se a casa arde”. Mesmo mentres arde a casa acontece que hai que continuar coma sempre, que cómpre facer todo con coidado e precisión, se cadra aínda de xeito máis estudado —aínda que ninguén se decate. Pode pasar que a vida desapareza da terra, que non quede ningunha memoria daquilo que se fixo, para ben e para mal. Mais ti continúa coma antes, é tarde para cambiar, xa non hai tempo.

“O que arredor de ti acontece / xa non é asunto teu”. Coma a xeografía dun país que hai que abandonar para sempre. ¿De que xeito, así e todo, aínda ten que ver contigo? Mesmo agora que xa non é asunto teu, que todo semella acabar, cada cousa e cada lugar aparecen coa súa fasquía máis verdadeira, afectánte dunha maneira máis próxima —somos así: esplendor e miseria.

A filosofía, lingua morta. “A lingua dos poetas sempre é unha lingua morta… é curioso dicilo: lingua morta que se usa para dar máis vida ao pensamento. Se cadra non unha lingua morta senón un dialecto. Que filosofía e poesía falen unha lingua que non chega a ser unha lingua, iso dá a medida do seu rango, da súa vitalidade especial. Pesar, xulgar o mundo comparándoo cun dialecto, cunha lingua morta e que, así e todo, xurda de onde non hai que cambiar nin unha soa coma. E, agora que a casa arde, continúa a falar ese dialecto.

¿Que casa se está queimando? ¿O país onde vivo, Europa, ou o mundo enteiro? Se cadra as casas, as cidades xa están queimadas non sabemos desde hai canto tempo, nunha única e inmensa cacharela que acabamos por non ver. Dalgunhas só quedan anacos de muro, unha parede pintada, unha moldura do teito, nomes, moitísimos nomes, xa comestos polo lume. E, así e todo, recebámolos moi coidadosamente con pintura branca e palabras mendaces de tal xeito que semellan intactos. Vivimos en casas, en cidades queimadas de arriba a abaixo, coma se aínda estivesen en pé, a xente finxe vivir alí e sae disfrazada á estrada, entre as ruínas, case coma se aínda fosen os familiares rueiros doutrora. E as lapas xa mudaron de forma e natureza, fixéronse dixitais, invisibles e frías, mais precisamente por iso aínda están máis próximas, máis enriba, circundándonos en todo momento.

Que unha civilización —unha barbarie— se esboroe para non se volver erguer é algo que xa aconteceu e os historiadores están afeitos a sinalar e datar cesuras e naufraxios. Mais, ¿como dar testemuño dun mundo que se arruína cos ollos vendados e a cara cuberta, dunha república que se derruba sen lucidez nin afouteza, con abxección e medo? A cegueira é aínda máis desesperada porque os náufragos pretenden gobernar o propio naufraxio, xuran que todo pode quedar baixo control técnico, que non hai necesidade nin dun deus novo nin dun novo ceo —soamente de prohibicións, expertos e médicos. Pánico e lerias.

¿Que cousa será un Deus ao cal non se lle dirixen pregarias nin sacrificios? ¿E que cousa será unha lei que non coñeza nin mando nin execución? ¿E que será unha palabra que non significa nin ordena mais mantense claramente no principio —mesmo é anterior a el?

Unha cultura que se sente na súa fin, xa sen vida, tenta gobernar como pode a súa ruína a través dun estado de excepción permanente. A mobilización total na que Jünger vía o carácter esencial do noso tempo albíscase desde esa perspectiva. Os seres humanos deben ser mobilizados, débense sentir de contino nunha condición de emerxencia, regulada polos mínimos particulares de quen ten o poder de decidila. Mais, mentres a mobilización tiña no pasado a finalidade de achegar os seres humanos, agora intenta illalos e distancialos os uns dos outros.

¿Canto hai que arde a casa? ¿Canto hai que se queimou? Abofé que xa hai un século, entre o 1914 e o 1918, aconteceu algo en Europa que abandonou ás lapas e á tolemia todo aquilo que parecía quedar de íntegro e vivo: despois, novamente, logo de trinta anos, a cacharela vólvese prender en todas as partes e desde aquela non para de arder, sen tregua, apouvigada, a penas visible baixo a cinsa. Mais, se cadra, o incendio comezou xa moito antes, cando o cego impulso da humanidade cara á salvación e o progreso se uniu á potencia do lume e das máquinas. Todo iso é notorio e non serve de nada repetilo. Máis ben cómpre preguntarse como puidemos continuar a vivir e pensar mentres todo ardía, se era posible que quedase algo íntegro no centro da cacharela ou nas súas marxes. Como conseguimos respirar entre as lapas, que cousas perdemos, a que reboutallo —a que impostura— estamos vencellados. E agora que xa non non somos lapas senón só números, cifras e mentira, abofé que somos máis febles e solitarios mais, sen compromisos posibles, lúcidos como nunca antes.

Se soamente na casa en lapas se fai visible o problema arquitectónico fundamental, daquela agora se pode ver o que está en xogo na vicisitude de Occidente, que cousa intentamos apreixar a todo custo e por que só se podía fracasar.

É coma se o poder tentase apreixar a calquera custo a vida nuda que produciu e, non embargantes, por moito que se esforce en apropiarse dela e controlala con todo tipo de dispositivos, non tanto policiais coma médicos e tecnolóxicos, esa vida nuda só se lle ha escapar porque, por definición, é inapreixable. Gobernar a vida nuda é a tolemia do noso tempo. Seres humanos reducidos á súa pura existencia biolóxica xa non son humanos, coinciden goberno dos seres humanos e goberno das cousas.

A outra casa, aquela na que xa non vou poder vivir mais que é a miña casa de verdade, a outra vida, aquela que non vivín mentres cría vivila, a outra lingua, que soletreabamos sílaba a sílaba sen endexamais conseguir falala —tan miña que nunca a hei poder ter…

Cando pensamento e linguaxe se dividen, un cre que se pode falar esquecendo que se está a falar. Poesía e filosofía, mentres din algo, non esquecen que están falando, lembran a linguaxe. Se nos lembramos da linguaxe, se non esquecemos que podemos falar, daquela somos máis libres, non estamos constrinxidos polas cousas e polas regras. A linguaxe non é un instrumento, é a nosa face, o espazo aberto no que estamos.

A face é a cousa máis humana, o ser humano ten unha face, e non simplemente un fociño ou unha fasquía, porque permanece nese espazo aberto, porque se expón e se comunica coa súa face. Por iso a face é o lugar da política. O noso tempo impolítico non quere ver a súa propia face, mantena a distancia, enmascáraa e tápaa. Xa non debemos ser faces senón só números e cifras. Incluso o tirano carece de face.

Sentirse vivir: estar afectado pola propia sensibilidade, confiarse delicadamente ao propio xesto sen podelo asumir nin evitar. Sentirme vivir faime a vida posible, aínda que estea pechado nunha gaiola. E nada hai tan real coma esa posibilidade.

Nos anos por vir soamente imos ser monxes e delincuentes. E, así e todo, non é posible poñerse sinxelamente a un lado, crer en poder quedar á parte dos cascallos do mundo que se esboroou arredor. Porque a derruba te asexa e te apostrofa, tamén nós somos un deses cascallos. E deberemos aprender cautamente a usalos da maneira máis xusta, sen facerse notar.

Avellentar: “medrar só nas raíces, xa non nas pólas”. Aprofundar nas raíces, sen flores nin follas. Ou, máis ben, coma unha bolboreta ebria, voar sobre o que xa vivimos. Máis ca nunca, somos pólas e flores no pasado. E xa non se pode facer mel.

A faciana está en Deus mais os ósos son ateos. Fóra, todo te empurra cara a Deus; dentro, o ostinado, retranqueiro ateísmo do esqueleto.

Que a alma e o corpo están indisolublemente unidos —iso é o espiritual. O espírito non é un terceiro entre a alma e o corpo: é, pola contra, a súa inerme, marabillosa coincidencia. A vida biolóxica é unha abstracción e é esa abstracción a que se pretende gobernar e curar.

Para nós en solitario non pode haber salvación: hai salvación porque somos outros. E iso non por razóns morais, porque eu debo actuar polo seu ben. Precisamente hai salvación porque non estamos sós: pódome salvar só como un entre tantos, como outro entre os outros. En solitario —esa é a especial verdade da soidade— non teño necesidade de salvación, son, pola contra, propiamente insalvable. A salvación é a dimensión que se abre porque non estou só, porque hai pluralidade e multitude. Deus, ao se encarnar, deixou de ser único, converteuse nun ser humano entre moitos. Por iso o cristianismo se tivo que vencellar á historia e seguir ata o final a súa sorte —e cando a historia, coma hoxe semella acontecer, se apaga e decae, o cristianismo achégase ao seu solpor. A súa incurable contradición é que así buscaba, na historia e a través da historia, unha salvación alén da historia e, cando esta remata, queda sen chan debaixo dos pés. A igrexa estaba en realidade vencellada non á salvación senón á historia da salvación e, ao procurar a salvación a través da historia, só podía rematar na saúde. E cando chegou o momento, non dubidou en sacrificar a salvación en nome da saúde.

Cómpre arrincar a salvación do seu contexto histórico, atopar unha pluralidade non histórica, unha pluralidade como camiño de saída da historia.

Saír dun lugar ou dunha situación sen entrar noutros territorios, deixar unha identidade e un nome sen asumir outros.

Respecto do presente, só se pode recuar mentres que no pasado se procede todo dereito. Iso que chamamos pasado soamente é a nosa longa regresión cara ao presente. Separalo do noso pasado é o primeiro recurso do poder.

O que libera do peso é o alento. No alento xa non temos peso, somos impulsados coma nun voo, alén da forza de gravidade.

Deberemos volver aprender a xulgar, mais cun xuízo que non castigue nin premie, que non absolva nin condene. Un acto sen obxectivo, que subtrae a existencia a toda finalidade, necesariamente inxusta e falsa. Só unha interrupción, un instante en vilo entre o tempo e o eterno, na que lampexa a penas a imaxe dunha vida sen fin nin progreso, sen nome nin memoria —por iso salva, non na eternidade senón nunha “especie de eternidade”. Un xuízo sen criterios preestablecidos e, así e todo, político precisamente por iso, porque restitúe a vida na súa natureza.

Sentir e sentirse, sensación e autoafección son contemporáneas. En toda sensación hai un sentirse sentir; en toda sensación de si, outro sentir, unha amizade e unha face.

A realidade é o veo a través do cal percibimos o posible, o que podemos ou non podemos facer.

Saber recoñecer cales dos nosos desexos infantís foron satisfeitos non é doado. Sobre todo se a parte do satisfeito que linda co insatisfeito abonda para facer que aceptemos continuar vivindo. Se temos medo á morte porque a parte dos desexos insatisfeitos medra sen medida posible.

“Os búfalos e os cabalos teñen catro patas: velaquí o que eu chamo Ceo. Poñerlle as rédeas aos cabalos, furar o fociño dos búfalos: velaquí o que eu chamo humano. Por iso digo: ten conta de que o humano non destrúa o Ceo dentro de ti, procura que o intencional non destrúa o celeste”.

Queda, na casa que arde, a lingua. Non a lingua senón as inmemoriais, prehistóricas, débiles forzas que a custodian e a lembran, a filosofía e a poesía. E, ¿que cousa custodian, que lembran da lingua? Non esta ou aquela proposición significante, non este ou aquel artigo de fe ou de mala fe. Pola contra, o feito mesmo que é a linguaxe, que sen nome estamos abertos no nome e nese espazo aberto, nun aceno, nunha face somos incognoscibles e estamos expostos.

A poesía, a palabra é a única cousa que permanece de cando aínda non sabiamos falar, un canto escuro dentro da lingua, un dialecto ou un idioma que non damos entendido plenamente mais que non podemos deixar de escoitar —incluso se arde a casa, incluso se na súa lingua que arde os seres humanos continúan a falar sen cancelas.

Mais, ¿hai unha lingua da filosofía, como é a lingua da poesía? Coma a poesía, a filosofía habita integramente na linguaxe e só o modo dese habitar a distingue da poesía. Dúas tensións no campo da lingua que se cruzan nun punto para despois afastarse incesantemente. E cada unha das dúas di unha palabra xusta, unha simple palabra que abrolla e habita nesa tensión.

Quen se decata de que a casa arde pódese sentir impulsado a mirar con desdén e desprezo para os seus semellantes, que parecen non se decatar. Así e todo, ¿non han ser estes seres humanos que non ven nin pensan os lémures que han ter que render contas no derradeiro dos días? Decatarse de que arde a casa non te ergue por riba dos outros: ao contrario, é con eles cos que has ter que cambiar unha última ollada cando as lapas estean máis próximas. Para xustificar a túa pretendida consciencia, ¿que lles has dicir a estes seres humanos tan inconscientes que case parecen inocentes?

Na casa que arde continúas a facer o que facías antes —mais non podes deixar de ver o que as lapas te amosan espido. Algo cambiou, non no que fas senón na maneira en que o deixas ir no mundo. Unha poesía escrita na casa que arde é máis xusta e máis verdadeira porque ninguén a poderá escoitar, porque nada asegura que poida escapar ás lapas. Mais se, por un acaso, atopa un lector, daquela ese lector non vai poder de xeito ningún subtraerse á apóstrofe que o chama desde aquel inerme, inexplicable, tenue balbordo.

Só pode dicir a verdade quen non ten posibilidade ningunha de que o escoiten, soamente aquel que fala desde unha casa á que as lapas en derredor están consumindo implacablemente.

Hoxe o ser humano desaparece, coma unha face de area que se esvae co abalo e o devalo do mar. Mais quen colle o seu posto xa non ten un mundo, só é unha vida nuda, muda e sen historia, abandonada aos cálculos do poder e da ciencia. Non embargantes, se cadra precisamente a partir desa desfeita, un día calquera outra cousa poderá aparecer lenta ou bruscamente —non un deus, abofé, mais tampouco outro ser humano—, quizais un novo animal, unha ánima que viva doutro xeito…

G. A.

5 de outubro de 2020

 

 

A forza das cousas

“¿Por que hai cousas que desexo dicir e outras sepultar? Porque son preciosas de máis (se cadra sagradas) para a literatura. Coma se só a morte, só o esquecemento estivese á altura de certas realidades.

¡Quen me dera poder escribir soamente cando bebo, ou animarme un pouco cando escribo! ¡Que houbese unha maneira de facelos cadrar!

Chuvia, chuvia romana; a beleza a través das persianas, á medianoite, co balbordo da treboada e o ruxido da auga. As tormentas séntanlle ben a Roma. Abrín as venecianas; caen fervenzas do ceo, da cúpula do Panteón, dos tellados, pingueiras. Hai tres siluetas negras, paradas, coa mancha branca das súas camisas, baixo as columnatas de súpeto inmensas do Panteón; agora móvense con pasos calmos sobre o empedrado negro e branco mentres arredor delas se desencadean a auga e os relampos. A beleza. A rúa convértese nun regueiro, un anaco de papel mergúllase no remuíño, vacila e vaise esfragar contra un muro. Cando loce un raio, rosarios de bisutería espállanse pola calzada. Un forte e repentino recendo a terra nesta cidade de pedra. Os coches, coma os barcos, deixan detrás deles un ronsel. Mais agora xa non hai coches e a luz eléctrica acaba de extinguirse fóra. Xente que intenta saír da sancristía; o rapaz abriu o paraugas e un taxi arrinca cun ruxido. E sempre eses homes, sós, insólitos e tranquilos, tan cativos e sen a penas moverse, brancos e negros riba das lousas negras e brancas.

Acougo. Iluminouse un letreiro: Pizzeria. Derradeiro balbordo. Un home rosa e azul pasa ás carreiras. É a unha da mañá.”

Simone de Beauvoir, La force des choses II,
París: Éditions Gallimard, col. Folio, 2017, páxs. 206-207

 

 

♦

“Hai na intelixencia facultades cuxo único fin é coñecer (orde especulativa) e outras con outro fin (orde práctica) e que, se coñecen, non é para descansar na verdade (frui) senón para servirse dela (uti). Na orde práctica, distínguese: o obrar (agibile), reino da moralidade e en especial da virtude da prudencia; e o facer (factibile) que mira, non ao fin do ser humano senón ás regras e forma da cousa, non ao ser humano senón á cousa. Este é o dominio das artes para Tomé de Aquino: un facer.”

Javier Gomá Lanzón, Imitación y experiencia,
Barcelona: Debolsillo, 2019, páx. 178

 

 

Obra de arte: a dimensión da sobreexistencia

“Todo o mundo sabe que se pode desfacer un nó sen tocar as súas extremidades —pasando pola cuarta dimensión. Do mesmo xeito, a realización práctica, concreta efectiva, de problemas coma os do coñecemento ou da verdade testemuña un paso semellante pola dimensión da sobreexistencia. É o feito de actuar ou de padecer conforme á realidade (incluso problemática) dese sobreexistencial o que é, non a súa proxección sobre o existencial como un espello e por un enigma senón a súa experiencia. É unha experiencia dese xénero o que tamén vimos na acción instauradora por efecto da anáfora. Incluso se tal forza nos chega, non podemos dar razón dela sen implicar tal realidade sobreexistencial como chave da nosa resposta á ocasión, á situación. Foi o que fixo grandes a Michelangelo ou a Beethoven, o que os fai xeniais non é o seu propio xenio, é a súa atención á xenialidade, non neles mesmos senón na obra. Pois as obras tamén están na sobreexistencia, non soamente no intervalo da instauración, por esa experiencia da anáfora que, como vimos, pon en xogo co acrecentamento na intensidade de realidade a pluralidade de planos existenciais, senón pola súa situación nesa encrucillada existencial: os seus condicionamentos espirituais de realidade formal intrínseca; e logo todo o virtual da demanda do século, das necesidade noéticas do momento, da espera humana, que nese mundo do virtual debuxan a contraproba, o contrarrelevo. A obra máis real non é soamente a que as súas calidades propias deseñan como beleza ou sublimidade senón tamén a que é a satisfacción dunha chamada, dun desexo indefinido e amorfo en si; formas que buscan a súa materia e materias que buscan as súas formas.”

Étienne Souriau, Les différents modes d’existence,
páxs. 189-190, Presses Universitaires de France (2009) 2018

 

Esquema do sistema das artes, por Étienne Souriau, in “La correspondance des arts”, páx. 97, Flammarion, 1947

 

Revisión do ano 2019

Ao comezar 2020, propoñemos unha selección do publicado en euseino.org durante o ano pasado. Trátase de revisitar artigos e temas, lembrar o que quedou pendente de ler e ofrecer a quen le a posibilidade de relacionar asuntos, trazar puntos e liñas de coincidencia, considerar o publicado coa perspectiva acumulativa que a súa mesma lectura fornece.

[Os artigos pódense ler completos ao calcar no seu título ou na ligazón co rubro “Siga a ler”.]

 

“Pompa de xabón”, por M. Rapine, a partir dunha imaxe de Alexandre-Blaise Desgoffe; prancha VI de “Le monde physique” (1882)

 

Febreiro

Lica, un personaxe fractal

A opinión do matemático Xavier Martínez Torres

O álbum ilustrado Lica, de Beatriz Fraga, un ano despois da súa publicación e logo dunha segunda edición, continúa a suscitar lecturas variadas e plurais de diferentes lectoras e lectores. Chéganos arestora a opinión de Xavier Martínez Torres, doutor en Enxeñería pola Universidade de Vigo, formado na Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Matemática aplicada e actualmente profesor na Escola de Enxeñería e Tecnoloxía e titor da UNED no CA de Pontevedra. A pregunta que se fai o profesor Martínez Torres ao abrir o libro é ¿como o ler,  desde que punto de vista? ¿Desde que nivel de abstracción? ¿Desde que nivel de profundidade?

[Siga a ler]

A ficción ficticia

Consideracións intempestivas sobre a novela

O ficticio na novela non é a propia ficción. A novela é un tipo de representación e, como tal, non ten obriga ningunha de acceder á verdade. Mais existe como tal representación, logo é real.

Como obxecto que representa. Ese é o senso no que a ficción narrativa é real. Non como presenza encarnada dunha verdade senón todo o contrario. Por iso, a ficción ha de ser unha presenza adiada. A representación non require presenza, de aí que permita a acción da reflexión, a distancia do lector, daquel que “recolle” e “escolle”. A ficción representada é o obxecto real da novela, non o é a verdade. Mais, ¿pode haber novelas falsas, ficcións que nos queiran engaiolar facéndose pasar por novelas auténticas?

Neste artigo pretendemos reflexionar sobre esa ficción ficticia. ¿É a daquelas novelas que se someten á verdade, a daquelas que cuestionan a súa realidade ao someterse á historiografía? ¿A das que se deixan asoballar pola actualidade para procurar convencer? ¿Ou é a daqueloutras que explican a vida de quen as escribe, que nos transmiten a súa maneira de percibir e entender o mundo? ¿A novela ha de ser a narración dunha experiencia ou algo absurdo e fantástico sen aspiración de recrear a realidade? ¿Debe ser a ficción un medio de acceder ao mundo ou unha maneira máis de transmitir unha verdade? ¿Cal é o papel do novelista, debe ser o dunha testemuña fiel ou pode finxir, enganar e seducir con tal de conseguir os seus fins? ¿Cales son estes? ¿Cal é a ficción real, cal a ficticia?

[Siga a ler]

 

Marzo

“Os obxectos eternos”, por Mario Losada

Arte e literatura no reino dos obxectos eternos

Publicamos a seguir un artigo de Mario Losada, filósofo que continúa o maxisterio de A. N. Whitehead e a súa filosofía do proceso, unha das obras do século XX actualmente máis influentes. Este artigo de Mario Losada é un adianto do que vai ser o seu libro “A orde dos obxectos”, que imos publicar o outono próximo na colección Casabranca. Losada centra a súa argumentación nos “obxectos eternos” de Whitehead, que son una versión dos universais adaptada á primacía metafísica do evento. A arte, a literatura e a crítica aos ideais van máis alá do efectivamente realizado para introducirse nas potencialidades non realizadas no “reino dos obxectos eternos”. Non se trata dun acceso puro xa que tales formas de experiencia forman parte de eventos concretos en contornas concretas, o que as condiciona como elementos de actividades sintéticas en proceso de determinación. A arte, a literatura e a crítica son “suxestións alternativas” ao efectivamente realizado, o seu punto de apoio é a actualidade, constrúense por referencia a ela. Son unha posibilidade realizada que se determina positivamente por referencia á totalidade das potencialidades non realizadas.

[Siga a ler]

“Do ‘novum’ e da novela”, por Roberto Abuín

En diálogo co publicado aquí mesmo en “A ficción ficticia”, neste artigo que reproducimos a seguir, Roberto Abuín propón unha reflexión filosófica arredor do asunto da novela, da articulación de tempo, actualidade e representación no discurso narrativo. A novela como forma do mundo que xorde dunha intención representable na que se simula, como nun reflexo —espello ao longo do camiño tal e como o colocaba Stendhal—, o presente. Un presente que o é dun suxeito e, consecuentemente, dalguén que o representa con engado. O que postula Abuín neste artigo polemiza, ao cabo, coa proposta do artigo citado máis arriba, artellada arredor dunha ficción real, reificada, producida como inscrición e fixación. Por unha banda, a vida representada, a ficción real, como posibilidade de vida e, pola outra, o acontecemento que foxe da fixación da representación e vai cara á destrución dos xéneros literarios. Nesa diverxencia elabórase o diálogo filosófico que xorde destes dous artigos e se cadra tamén se podería elaborar a representación narrativa. Sen a necesidade de fuxir eternamente do consenso mais tamén sen a seguridade permanente dunha verdade que non é tal: a da ficción ficticia. Agora, last but not least, agardamos pola opinión dos novelistas.

[Siga a ler]

 

Abril

Tonas, obxectos e personaxes

Xabier Viana escribe sobre “Mondas”

Na páxina Web conminúscula.com publícase un artigo sobre Mondas, de Din Matamoro e María Infantes, acompañado dun vídeo sobre o libro. Desde euseino.org queremos salientar esta achega singular de Xabier Viana e a súa interesante análise do álbum ilustrado publicado na serie Onocrótalo.

[Siga a ler]

 

Xullo

Apuntamentos sobre a beleza

Continxencia e sublimidade

O punto de vista estético é esencial para artellar esta argumentación. Iso débese ás implicacións cognitivas das ideas de beleza e sublimidade. Non se trata dun esteticismo vacuo nin dun sublime transcendente senón do recoñecemento da continxencia como único absoluto, dado que o sublime corresponde á posición dese recoñecemento.

O sublime, como apuntamos no seu día no artigo Xustificación estética da vida, é o que lles fai lembrar aos seres humanos a posibilidade de seren destruídos e, polo tanto, o que lles fai tomar unha posición con respecto á continxencia. O triunfo da Idade Moderna, que se comenzou a anunciar co Idealismo, significa a conclusión dun labor que ten como obxectivo facer o sublime accesible ao ser humano común.

[Naturphilosophie: ¿é posible un idealismo obxectivo?]

♦

Apolo

A historia da arte é a historia da descuberta da súa esencia verdadeira e, nese constructo, Apolo representa o cumio da arte grega, non soamente como expresión da beleza senón como expresión perfecta da liberdade. Winckelmann emprega o mito grego para elaborar un mito moderno. A liberdade na que se alicerza o pacto social da Idade Moderna sería o equivalente á perfección da beleza e do equilibrio apolíneos. Este vencello determina, polo tanto, a preferencia dos estudosos clásicos modernos por Apolo e a súa oposición a Dionisio.

[Un mito moderno: apolíneo e dionisíaco]

[Siga a ler]

 

Agosto

Máis apuntamentos sobre a beleza

[Continuación do artigo “Apuntamentos sobre a beleza” (8-VII-2019), desta volta centrado na repetición e na representación como medios de acceso á beleza.]

 

O ideal

[…] De aí que o fracaso se vencelle co progreso pois o primeiro, ao non cumprir a acción totalmente, ao non acabala, abre a posibilidade da repetición tal como Kierkegaard a entendía, como a asunción do fracaso do actual e a súa conseguinte perda no tempo, ou fixación do virtual nunha representación.

[Siga a ler]

 

Setembro

Mario Regueira escribe sobre “A monstruosidade moderna”

Na edición impresa do semanario Sermos Galiza con data 12-9-19, o crítico literario, poeta e narrador Mario Regueira escribe unha recensión da Monstruosidade moderna, o libro de Carlos Lema recentemente publicado na colección Casabranca. O artigo comeza dedicándolle unhas liñas ao labor editorial de Euseino? para centrarse logo na análise da obra.

[…] cun estilo esixente, á altura do tema e do enfoque escollido, Lema ocúpase da figura do artista na modernidade, marcado particularmente pola mudanza de concepto en canto á produción de obras. Moi relacionado con isto, especialmente a través das reflexións sobre a loucura, pero desde un ángulo diferente, a segunda parte do libro fálanos da relación entre a poesía e o discurso infantil […]

[Siga a ler]

 

Outubro

Chus Pato: sobre o estado da poesía

Publicamos de seguido o discurso lido pola poeta Chus Pato nos XXXV Encontros de Escritores e Críticos convovados baixo o título “O estado das poesías IV (2005-2019)” e celebrados os días 12 e 13 de setembro de 2019 na Casa de Verines (Llanes, Asturias).

Chus Pato —baixo a advocación de Hölderlin— achégase á condición na que se dá a poesía, guíanos polo estado (ou os estados) da poesía. A poeta conta como Petrarca ascendeu ao cume do monte Ventoso levando as Confesións de Agostiño de Hipona (véxase tamén “Pensar a literatura, 3”) e, despois desa experiencia, descendeu para atopar o poema.

Neste discurso —lembremos o discurso “O Meridiano”, de Paul Celan—, Chus Pato entreabre a porta do poema para chegar á conclusión de que “ese paseo polos cumes, as montañas e as escrituras lévanos a soster que o natal, para un poeta, é unha escritura; que o que nace a un ou a unha poeta —o seu suxeito— é un poema ao que il ou ela ceden a súa sinatura”. Os estados da poesía levan a un poema “perdido, inmemorial, limitado e atravesado polo informe, como unha respiración”.

[Siga a ler]

 

Novembro

¿Antifilósofos?

Filosofía popular –ou mundana— fronte a filosofía de escola —ou sistemática

Hai filósofos modernos que se poderían describir como antifilósofos. Os antifilósofos non son simplemente aqueles que desconfían da filosofía senón pensadores que non están satisfeitos co estilo de filosofar dominante na súa época. Algúns, coma Soren Kierkegaard, de Dinamarca, son de nacións periféricas; outros son filósofos e literatos, coma Jean-Paul Sartre, e outros, coma Friedrich Nietzsche, renegaron do ensino académico […]

[Siga a ler]

 

Decembro

X. M. Eyré escribe sobre “A monstruosidade moderna”

O crítico literario Xosé Manuel Eyré acaba de publicar unha recensión de A monstruosidade moderna, de Carlos Lema, no seu blogue Ferradura en Tránsito II. Co título de “Aproximación á Monstruosidade moderna ou o espello á fronte“, Eyré comeza o artigo coa seguinte puntualización:

“A risco de non ser exhaustivo mais si fiel ao meu interese lector, en A monstruosidade moderna atopo dous núcleos temáticos que para min son de sumo interese: a concepción do artista moderno, na primeira parte do libro, e a emancipación da muller por medio da cultura, na terceira parte. Iso non quere dicir que a segunda parte ( a representación a través da poesía, da infancia e da alma) ou a conclusión ( onde a pólis moderna xa non se articula directamente sobre o cidadán senón a partir das súas decisións sobre a representación) fiquen relegadas ou me merezan menos consideración. Só que, como crítico literario que son, é lóxico que as outras dúas me interesen máis.”

[Siga a ler]

 

[Pode acceder ao resto dos artigos en “Arquivo”, na parte inferior desta páxina web. Recomendamos tamén un tipo de consulta diferente, empregando para iso as “Etiquetas” situadas tamén ao pé da páxina. Grazas pola súa lectura.]

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave