Amor, pedra, rima

Un exemplo de reificación da alma en Dante

Un extraordinario e penetrante artigo interpretativo de Enrico Fenzi sobre a canzone “Amor, tu vedi ben”, de Dante, lévanos a unha reflexión verbo da reificación da alma. Psykhé vira rima, articulación fónica, para logo, a través da metáfora converterse en pedra. A representación dese movemento da alma que é o amor petrifícase, converténdose en obra, nunha pedra de toque coa que o poeta dá paso á monstruosidade da alma como representación. A metáfora da auga conxelada, petrificada e así e todo translúcida, fai posible a transposición do espiritual ao obxectual, do sentimento á cousa mediante o uso da representación.

É o autor da Divina comedia quen, nun paso de De vulgari eloquentia (II 13, 12-13), describe así a súa ousadía:

“Tres son, daquela, as cousas relativas á posición das rimas que non é conveniente que o poeta áulico use: a repetición martelante da mesma rima, a menos que ese artificio pretenda distinguirse como unha técnica nova e nunca antes empregada, do mesmo xeito que o día en que alguén se converte en cabaleiro non o pode facer sen pasar algunha proba de singular excelencia. E iso é o que eu tentei facer en ‘Amor, tu vedi ben che questa donna’. A segunda cousa que cómpre evitar é o exercicio inútil do equívoco que, pouco ou nada, sempre quita claridade ao pensamento. A terceira é a aspereza da rima, a menos que se mesture coa suavidade: é abofé na propia mestura de rimas suaves e ásperas onde o estilo tráxico refulxe.”
 

Tudor Washington Collins, “Muller nunha rocha a contemplar o mar”, 1949

 

Tal como indica Lucia Lazzerini, citada por Fenzi no artigo “Fascinazione verbale e forza discorsiva nella canzone dantesca Amor tu vedi ben” que aquí glosamos, Dante abandona a emulación poética para inserirse na realidade da representación.

“A posición ‘antagonística’ de ‘Amor, tu vedi ben’ é, ben mirado, unha descuberta : ¿tratábase de compoñer a sextina con seis rimas sen relación? Demasiado sinxelo: aquí créase exactamente o oposto, aquilo que aparece como un monstro inaudito, isto é, unha sextina por así dicir implícita, ‘virtual’, construída sobre unha única palabra-rima, obviamente asumible en acepcións diversas (aínda que cunha equivocidade desta volta moi feble …)”.

Ao que Fenzi engade un comentario no que declara evidente que Dante está confirmando que a fase da subxección, aínda que sexa psicolóxica, respecto dos modelos de alén dos Alpes xa concluíu; que a escansión que recoñece unha primacía temporal aos poetas na lingua occitana xa non comporta un incremento de calidade na máis recente poesía en lingua vulgar nin indica que isto sexa así debido a unha cuestión de subtilitas. Dante suxire que, por mérito del, a antedita poesía superou a proba e acadou o seu obxectivo mesmo no plano da técnica, o que lle permite enfrontar con seguridade unha nova época.

Non é casualidade que as palabras-rima sexan: donna, petra, freddo, luce, tempo, e que cada unha delas domine, nesa orde, nas súas respectivas estrofas, aparecendo seis veces por cada doce versos mentres que, no paso entre estrofa e estrofa, estean en sucesión tres palabras-rima idénticas.

Tal como se apuntou noutro artigo anterior en euseino.org (“Suxeito, amor e literatura“), o amor depende da súa calidade de obxecto —logo algo inalcanzable— para que poida conservar a súa proximidade á beleza. O inalcanzable é mostra da continxencia, da mobilidade dos afectos, iso mesmo que fai posible que estes últimos desaparezan é o que os fai fermosos. O erastés grego non se dá achegado definitivamente a tà paidiká porque o contrario sería negarlle a beleza. O frío e o tempo, a indiferenza e a idade sepáranos. É precisamente a reificación do amor mediante o matrimonio o que fará posible a súa fixación mediante outro tipo de cousificación, ou ficción de dereito, e tamén é o que vai facilitar o paso definitivo do estadio estético do suxeito ao estadio ético do cidadán moderno.

Paradoxalmente, esa mesma petrificación reificada da beleza fai que sexa a cousificación a posibilidade única de acceder ao contixente representado nela:

“Na muller [do poema de Dante] concéntrase toda beleza e toda impasible crueldade mais a fascinación que iso exercita inviste o mundo revelándolle a beleza oculta aos ollos do poeta, que a vai descubrindo en todas as cousas (vv. 40-42 : ‘sì bella mi luce / quando la miro, ch’io la veggio in pietra / o in ogn’altro ov’io volga la luce’).”

Dante arranxa un persoal e para el, de feito, central discurso sobre a natureza do amor, organizado, tal como explica Fenzi no seu artigo, arredor da figura da “rapariga”, facéndoo chegar ao seu cumio coa gran invención das “petrificadas”, nas que sexa o que for o amor, este emerxe por contraste coa coherente esaxeración da imaxe da rapaza como obxecto mudo, insensible, refractario, non máis reactiva ca unha pedra á súa forza universal e persuasiva. Noutras palabras, o que pretende o poeta é perseguir, de poema en poema, o propio obxectivo: riparlle o amor ao ámbito restrinxido das paixóns, ou das doenzas do espírito, entre as que estaba catalogado polo saber físico-médico do seu tempo co resultado de incluílo baixo o dominio da irracionalidade para convertelo nunha enfermidade perigosa.

O percorrido que segue Dante vai do amor por unha muller-Filosofía, que ten os trazos da Sabedoría divina, á concepción “solar” do Amor como forza creadora á que o Universo debe a vida: “Para Dante, o amor non é unha alegoría, é un feito”.

Ademais dos seus achados estilísticos e métricos e das novidades fundamentais que renovaron unha tradición lírica que o propio Dante puxo entre paréntese, Fenzi conclúe salientando “a tensión intelectual e cognoscitiva que anima a súa experiencia poética”, na que as “petrificadas” son un experimento de seu, connotado non soamente en clave estilística senón que constitúe “o punto de chegada do percorrido completo, poético e intelectual, do Dante anterior ao exilio”.

Como obxecto que fai periclitar usos subalternos, o amor impón a súa lei a través da beleza, revelando a súa potencia como unha das formas esenciais da representación.

 

Bibliografía

Dante Alighieri, “Amor, tu vedi ben”, https://it.wikisource.org/wiki/Rime_(Dante)/CII_-_Amor,_tu_vedi_ben_che_questa_donna

Enrico Fenzi, “Fascinazione verbale e forza discorsiva nella canzone dantesca Amor tu vedi ben”, <https://www.academia.edu/37673307/Amor_tu_vedi_ben.docx?email_work_card=view-paper&gt;

Lucia Lazzerini, 8. Amor, tu vedi ben che questa donna, in Le quindici canzoni. Lette da diversi. II, 8-15, Lecce, Pensa MultiMedia, 2012.

 

“Ensaio sobre o poema e o mar da morte”, por Antón Blanco Casás

Novidade en edición electrónica e acceso aberto

En acceso aberto e dous formatos —PDF e libro electrónico (epub e MOBI/Kindle)— Euseino? Editores publica Ensaio sobre o poema e o mar da morte de Antón Blanco Casás, o primeiro libro ensaístico do poeta autor da Oseira. Nestas cen páxinas, Blanco Casás vai en procura da razón —ou irrazón— do poema como expresión dun materialismo do encontro, ese desvío que fai aparecer a poesía.

“A palabra do poema faise significado de si mesma dando conta da súa absoluta materialidade. Tan absolutamente material é tamén a mandorla que nela a materia se desata totalmente ceibe da violencia que a distribúe nun tempo e nun espazo.”

O libro establece relacións entre a obra de poetas coma Meendinho, Méndez Ferrín, Paul Celan, Valente e Chus Pato, abríndose tamén ao cinema de Michael Haneke e ao emprego dun estilo no que a metáfora adquire o seu propio valor como desvelación do aparentemente oculto.

“Botellas herméticas e coches tamén herméticos. Casulas nómades a atravesar a intemperie, indo co vento da tormenta, á marxe do trazado urbano, sucando océanos inmensurables, alombados, accidentándose, afogando e estrelándose contra muros.”

Como fondo, o mar e a cor azul. O azul de Yves Klein e do mar de Manuel Antonio. O mar do poema, o mesmo mar no que naufraga a poesía no Coup de dés de Mallarmé, tal como escribiu Quentin Meillassoux noutro dos libros maxenta desta colección Rúa do Sol.

“o poema confórmano xusto aquelas palabras de morte que pronuncia ou escribe o náufrago. Tiradas do lugar e do tempo que as tomou como puro refugallo, teñen a capacidade de vibrar como a voz e ser para si camiño dun lugar: amor, mesías. Efectivamente o poema é aquela encrucillada catastrófica en que a banda conceptual e sónica emprenden unha encarnizada batalla dialéctica.”

O ensaio é un extraordinario exemplo de argumentación metafórica, unha procura do trazo que deixan os poemas para volvelo trazar creando ligazóns que levan a un final, a ese mar final pois o “poema non volve ao nacemento poque iso só supoñería a renovación do finito. O poema suca o mar da morte para dilatar os seus límites.”

A descuberta dun ensaísta de pura xinea literaria que tamén navega os mares da filosofía. Literatura e filosofía nun libro senlleiro que nos folgamos de poderlles ofrecer a vostedes en acceso aberto.

 

Acceda á descarga gratuíta na ligazón:

Ensaio sobre o poema

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSaveSaveSave

“A representación da Bela Dormente a través da indumentaria”, por Beatriz Fraga

Novidade en edición electrónica e acceso aberto

Edición ilustrada en cor. Para lectura en dispositivos móbiles.

 

En acceso aberto e dous formatos —PDF e libro electrónico (epub e MOBI/Kindle)— Euseino? Editores publica A representación da Bela Dormente a través da indumentaria de Beatriz Fraga, un novo ensaio no que a autora de Lica e O Rei Portador e outras historias fai unha lectura dun dos contos máis populares da literatura considerándoo desde un punto de vista sumamente orixinal, o do emprego da indumentaria como recurso simbólico e estético. O libro céntrase en dous momentos aparentemente antagónicos, o da pintura prerrafaelita de fins do século XIX e o da abstracción xeométrica da arte contemporánea.

A representación da Bela Dormente a través da indumentaria é unha análise da indumentaria da protagonista do conto “A Bela Dormente” a través dos cadros de dous pintores prerrafaelitas —Edward Burne-Jones e John Collier—, facendo tamén referencia á descrición da roupa en escritos da época e tratando, ao mesmo tempo, do simbolismo das formas e da cor para representar a princesa protagonista nun exemplo de ilustración, de sinaléctica nas novas “imageries” da obra dunha artista contemporánea, a ilustradora suíza Warja Lavater.

“Cando Charles Perrault plasma por escrito Contes du Temps passé, xurdidos da tradición oral, acompáñaos de ilustracións, tanto no manuscrito ofrecido á sobriña de Luís XIV coma na edición orixinal publicada en 1697. Ao principio, estas imaxes reforzan o texto mais posteriormente, co devir dos anos, rivalizarán con el, transcendéndoo, reinterpretándoo, terxiversándoo ou, incluso, riscándoo tal como ocorre nas edicións sen texto.”

Un ensaio no que se combina a análise do pormenor do ornamento das teas e da técnica empregada nos tecidos co estudo do valor simbólico da indumentaria empregada polos pintores na representación dunha das figuras máis sobranceiras da literatura dos contos de fadas.

A indumentaria con toda a complexidade reflectida polos cadros prerrafaelitas fronte á abstracción xeométrica e as cores básicas da arte contemporánea.

Edición ilustrada con láminas en cor, ampliables a pantalla completa, inclúe pormenores das obras. Especialmente concibida para lectura en dispositivos móbiles.

 

Acceda á descarga gratuíta na ligazón:

A representación da Bela Dormente, por Beatriz Fraga

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSaveSaveSave

“Decálogo da novela”, por Carlos Lema

 

O autor deste decálogo achéganos unha proposta para pensar cal é a función da novela hoxe. Unha reflexión que pretende situarnos perante ese xénero narrativo, os seus pros e os seus contras, o que condiciona a novela e o que a libera. ¿De que xeito a novela forma parte da realidade? ¿Ten a novela responsabilidade respecto da verdade? ¿Como se ve comprometida a novela? ¿Cal é a relación entre o obxecto retórico novela e os suxeitos lectores e autoras? ¿Ten dignidade a novela? ¿Hai algunha razón para ler e escribir novelas? Abofé que, cando menos, a novela debería situarnos perante unha posibilidade, a da gratuidade da arte, a mesma gratuidade pola que as cousas existen: a da dignidade pura, non contaminada pola utilidade ou o cálculo na intención primeira do artista.

♦

 

Realidade e compromiso na ficción narrativa

1) Realidade. O ficticio na novela non é a propia ficción. A novela é un tipo de representación e, como tal, non ten obriga ningunha de acceder á verdade. Mais existe como tal representación, logo é real.

2) Autorrepresentación. Non se trata de ter ansia polo real senón de realizar a liberdade do suxeito mediante a legalidade da arte e a súa cousificación. Efectivamente, a vida cotiá xa non responde á legalidade establecida mediante o pacto social pois ese concepto non abonda como representación do acomún subxectivo moderno que cae baixo outro tipo de representación, a rexida pola legalidade da arte.

Da materialización da obra como linguaxe, realizada no modernismo, pásase á materialización da vida como obra na tardomodernidade. Mais, ao cabo, trátase da cousificación dunha representación, quer da linguaxe quer da vida. Ambas as dúas convértense en arte.

3) Autorreferencialidade. Os recursos narrativos empregados, primeiro, pola novela modernista de comezos do século XX e, logo, pola posmoderna ou reflexivo-experimental a partir da Segunda Guerra Mundial xa non se basean na coordinación sistemática da perspectiva individual do personaxe coa da súa comunidade a través do estilo libre indirecto, como facía o realismo de fins do XIX, senón na subxectividade como ámbito da representación literaria. Velaí os eixes principais desta última: a) autorreferencialidade (literatura dentro da literatura: préstase atención ao feito de escribir ficción). b) voz propia (autopoiese: sistema de autoconstitución do suxeito). c) focalización (subxectividade como forma de diferenza).

A reflexividade característica da novela contemporánea non se trata dunha invitación a profundizar na técnica narrativa senón que é un compoñente imprescindible para o sistema de autoconstitución de calquera individuo. A autopoética ou os actos de produción do eu autorial non serían simplemente expresión dunha individuación radical senón que son momentos na actuación (a autopoiese) dun sistema cultural extenso equipado para a produción de orixinalidade autoexpresiva.

4) Subordinación. Non é que o novelista non sexa consciente do problema que suscita a representación logo da condena kantiana que a parece obrigar a unha posición subordinada. Os novelistas xogan o xogo kantiano de elaborar unha obra sucedánea da realidade sen atreverse a declarala tamén real. Non cren na divindade do ser humano, pensan que a arte é unha produción menor subxugada pola verdade científica, pola Historia, pola Ciencia e pola actualidade dos feitos.

A filosofía da sospeita leva o novelista a ser un Pigmalión que desconfía da realidade da súa propia creación. Esta renuncia obrígao a buscar apoio noutras certezas. O novelista, como artista moderno que é, desconfía da realidade da arte pois para el esa Afrodita —e con ela toda representación— deixou de ser divina.

5) Demagoxia. Escribir para encherlle o ollo a alguén. A materia da novela é a actualidade; cando a manexa para forzar o consenso, o novelista busca a mesma dominación ca o demagogo ao darlle sistematicamente a razón ao pobo. Pola contra, o representante democrático xenuíno introduce a mediación entre vontade de dominación e decisión de actuar. A novela, como representación que é, debería xogar un papel semellante.

6) Novela democrática. A novela é, de seu, unha representación democrática. Malia a reactivación modernista acontecida na primeira metade do século XX, que pretendeu conservar parte do estatus da cultura humanista en plena Idade Moderna, na novela a literatura acabou por aliarse coa industria para lograr o que sería o xénero democrático por excelencia, iso que a crítica denomina subxénero. O paradigma resultado desa alianza é a novela policial, ou novela negra. Non a novela de enigmas, estilo Sherlock Holmes, senón a que se desenvolveu primeiramente en Norteamérica e se difundiu despois masivamente por todo o mundo a través da industria cultural, nomeadamente a prensa e o cinema.

7) Preceptiva. Criterios ditados polo repertorio temático e de formas determinado polo práctico-inerte da política. Eses criterios son expresión dun repertorio temático e estilístico sometido á necesidade de difusión xurdida como consecuencia da alianza aparentemente inextricable entre cultura e nación, alianza ao abeiro da cal tamén se sitúa a explotación comercial da literatura.

8) Actualización e mímese. A novela é un xénero literario moderno que, desde a Ilustración, modelou a ficción escrita a partir de dous parámetros: a) a actualización do narrado. Sexa actualidade sexa pasado histórico. En ambos os casos o efecto é similar. b) a verosemellanza, ou mímese, establecida polo correlato humano-mundo a partir de, nomeadamente, o pensamento kantiano.

Nese senso, non hai contradición entre a ficción concibida a partir dun feito histórico e a ficción elaborada a partir dun feito da imaxinación. Os dous tipos de ficción pretenden acadar o mesmo efecto, o da imitación do mundo tal como o fixa o antedito correlato. Cómpre ter en conta que a idea de Estética xorde precisamente no Século das Luces, non antes.

9) Fantasía e novela. A novela non existe fóra do racional, a súa economía argumental impón unha orde para acadar un final; organízase como unha loita na que protagonistas e antagonistas se van situando nun proceso xerárquico que dá acceso ao clímax. A literatura moderna é orde, economía da expresión, logo razón.

Fóra do racional está a fantasía. A fantasía é aquilo que non é razón porque é anterior á razón. Non é irracional, pois o irracional está no límite de razón ou, se non, non nos poderiamos referir a ese concepto. Irracional é un concepto mentres que fantasía é aquilo que non sabemos o que é, polo que non dá cabido en, ou non cae baixo concepto ningún. A fantasía designa algo que non é a razón mais tampouco é o irracional. O fantástico é todo aquilo para o que non rexen as leis da ciencia.

10) Compromiso. Na novela, o nihilismo actual impulsa unha retrogradación na que o movemento moderno cara a afiliación, isto é, cara á escolla libre do repertorio de formas e de temas, se transforma en filiación, ou retorno á determinación do vínculo necesario. Fronte ao carácter afiliativo da arte moderna, o nihilismo artístico parte da idea da historia como suceso inderivable e último en si mesmo e, en consecuencia, dunha concepción da cultura determinada pola súa filiación á historia dunha identidade; identidade histórica da que debe xurdir o nomos da arte. As constricións contundentes impostas pola filiación á historia e á natureza levan á teoloxía do presente, xa que a transcendencia que se busca só se pode resolver mediante as determinacións da historia actualizadas no presente.

♦

Outros artigos sobre a novela en euseino.org

“Do ‘novum’ e da novela”, por Roberto Abuín

“A ficción ficticia”

“A novela, xénero literario moderno”

“A posición nihilista: o nihilismo literario”

“A filosofía no obxecto retórico novela-máquina”

“A novela-máquina: enerxía, operador e materia”

“En resposta a Harold Bloom: ¿que é “radicalmente novo”?”