Revisión do ano 2017

Propoñemos a seguir unha selección do publicado en euseino.org durante o ano pasado. Trátase de ofrecer a quen le a posibilidade de relacionar temas, trazar puntos e liñas de coincidencia, considerar o publicado coa perspectiva acumulativa que a súa mesma lectura fornece e detectar interseccións.

[Os artigos pódense ler completos ao calcar no seu título ou na ligazón baixo o rubro “Siga a ler”.]

 

Febreiro

¿Cara a onde vai a literatura galega?

O pasado día 16 de febreiro, o xornalista e novelista Manuel Veiga publicaba un artigo titulado “A infantilización da literatura galega e o seu perigo de desaparición” no que chama a atención sobre que “A desaparición do público, xa de por si historicamente escaso por razóns coñecidas, creo que ten que ver coa infantilización progresiva do estilo e dos argumentos.”, ademais de reclamar “autores de verdade, dos que arriscan a cambio de pouco”. Nese senso, desde euseino.org hai tempo que vimos promovendo un debate arredor da urxencia dunha concepción nova da estética literaria, da necesidade dun pensamento que se dedique á crítica da estética literaria dominante e á proposta de concepcións diferentes.

Nun artigo anterior, falamos do“Esmorecemento da ambición literaria”, a ese artigo contestou o escritor e crítico literario Xosé Manuel Eyré con“Dialogando”. De seguido, puxemos ese debate baixo o rubro de “A polémica sobre a ambición literaria”.

Nesa mesma liña, parécenos interesante publicar hoxe un texto inédito, escrito por Carlos Lema e lido nunha mesa redonda que se celebrou en Vigo o 8 de outubro de 2008 co título “¿Cara a onde vai a literatura galega?”. Reproducimos o texto sen ningunha modificación. Case dez anos despois, gran parte desta reflexión segue a ser pertinente; aínda máis, pensamos que ha servir para situar o debate no seu ámbito propio e cunha finalidade non espuria: a de pensar unha estética literaria libre de condicionantes heterónomos, sen a mistificación ameazadora da mercantilización e a didascalia.

[Siga a ler]

 

“As posibilidades emancipatorias da música groove” [1], por Steven Shaviro

O pasado mes de novembro, o filósofo Steven Shaviro publicaba no seu blogue The Pinocchio Theory un artigo sobre a música groove que agora ofrecemos aos nosos lectores e lectoras en tradución para o galego e en dúas entregas sucesivas. Ao fío do libro Groove: An Aesthetics of Measured Time, de Mark Abel, Shaviro fai neste artigo unha serie de reflexións de grande importancia sobre a teoría da música especialmente no que se refire ao emprego do ritmo e da medida, á súa vinculación co pensamento baseado na medición do tempo como valor e coa sociedade capitalista erguida sobre ese alicerce. De especial interese son as súas reflexións sobre a relación entre a música “clásica” contemporánea e a música denominada popular; a defensa desta última e os criterios empregados para xebrala da música composta ou interpretada con fins exclusivamente mercantís. Todo isto co pano de fondo da obra de Theodor W. Adorno, un dos grandes filósofos da música, e da crítica da sociedade tardomoderna como contexto.

[Siga a ler]

 

“As posibilidades emancipatorias da música groove” [e 2], por Steven Shaviro

Publicamos a segunda e última parte do artigo do filósofo Steven Shaviro sobre a música groove (véxase o artigo anterior “As posibilidades emancipatorias da música groove” [1]). De especial interese son as súas reflexións sobre a música afrofuturista, a liberación da escravitude métrica mediante a intensificación rítmica e a posición de Deleuze como contraria a música groove debido á súa recorrencia métrica. Shaviro constata de que xeito a música groove logra desfacer o paradigma ao desmontar as oposicións cun tipo de música intensiva e ao tempo extensiva, rítmica e métrica, cualitativa e cuantitativa. Resulta maxistral a explicación de como a medida musical se converte “[nun] campo e unha onda, xa non é unha forma de medida homoxénea e baleira”.

[Siga a ler]

 

Marzo

Arts&Crafts na India

“Así foi John Lockwood Kipling”, por Beatriz Fraga

Cando falamos de Kipling pensamos unicamente no escritor Rudyard Kipling (1865-1936), autor do Libro da selva, de Kim e de The Man Who Would Be King. Mais antes dese Kipling hai tamén outro Kipling non menos importante aínda que si menos coñecido, John Lockwood Kipling (1837-1911). Nado en Pickering, North Yorkshire, Inglaterra, John Lockwood foi unha figura moi influente no movemento Arts&Crafts. Artista, escritor, director de museo, profesor e conservacionista, o pai de Rudyard é un gran descoñecido fóra da India, onde realizou gran parte da súa obra.

Ata o 2 de abril deste ano 2017, no Museo Victoria&Albert de Londres, co título de Lockwood Kipling:Arts and Crafts in the Punjab and London [Lockwood Kipling: artes e artesanía no Punjab e Londres], está aberta a primeira gran exposición sobre a súa traxectoria e legado. A exposición, realizada en colaboración co Bard Graduate Center (BGC) de Nova York, inclúe as mellores pezas de artesanía da india e do Paquistán e obras relacionadas co movemento Arts&Crafts, entre elas a súa colección de arte popular da India, a colección de antigüidades budistas de Gandhara (hoxe Peshawar, Paquistán), a cadeira para Bagshot Park, deseñada por John Lockwood Kipling e Bhai Ram Singh, e o piano decorado para Alice, a muller de Lockwood, polo artista prerrafaelita Edward Burne-Jones.

[Siga a ler]

 

Infancia e literatura

Gilles Deleuze, en L’Abécédaire de Gilles Deleuze
(entrevistado por Claire Parnet)

“A actividade de escribir non ten nada que ver cun asunto propio. […] Un escribe para que algo da vida pase nun, sexa o que sexa. Hai cousas que un escribe para a vida, iso é.

[…] Escribir é tatexar na lingua […] se un non empurra a linguaxe ata o punto en que comeza a tatexar, se un non chega ata ese punto…, daquela se cadra na literatura, igual que á forza de empurrar a linguaxe ata un límite, haxa un devir animal da linguaxe mesma e de quen escribe, haxa tamén un devir neno mais non se trata da súa infancia. Devén neno, si, mais non se trata da súa infancia, xa non se trata da infancia de ninguén. É a infancia do mundo, a infancia dun mundo. […] Esa é outra tarefa na escritura: devir neno mediante a escritura, ir cara a unha infancia do mundo, restaurar unha infancia do mundo, esa é outra tarefa, son as tarefas da literatura.

[Siga a ler]

 

Abril

Poesía e infancia

Non hai poesía infantil senón que a poesía é infantil de seu.

1) A poesía é un regreso á linguaxe inicial na que se volve aprehender o mundo desde o suxeito que se crea outra vez a si mesmo, agora libremente, por escolla, afiliativamente. Esa é a función da arte moderna como produción de subxectividade.

[Siga a ler]

 

Maio

A posición nihilista: o nihilismo literario

Para analizar o que aquí denominamos a posición nihilista, cómpre lembrar a crítica do paradigma kantiano realizada antes —como reacción— polo romantismo e logo, de xeito absolutamente progresista, por algúns dos pensadores máis importantes a partir de Nietzsche. Cómpre, polo tanto, non esquecer ese papel retrógrado do romantismo e o seu intento de mistificación de ideas modernas coma a de nación, pois a exacerbación da subxectividade que o romantismo puxo en circulación, coa actualización das ideas relixiosas e a súa vinculación co culto do individualismo, tamén se acabou por vencellar á transformación retrógrada da nación nunha esencia individualizada como identidade senlleira.

[Siga a ler]

 

Xuño

“Heidegger e a posición nihilista. Unha lectura do discurso do reitorado”, por Carlos Lema

Publicado en Filosofia Etiquetado ,,,,,, Deixar un comentario

O 27 de maio de 1933, Martin Heidegger toma posesión como reitor da Universidade de Friburgo. Nese acto, realizado baixo o goberno do Partido Nacionalsocialista de Adolf Hitler, o filósofo le o discurso titulado “A autoafirmación da universidade alemá”. Este feito ten unha gran transcendencia tanto naquel momento coma na posteridade, dada a importancia e infuencia da obra do autor de Sein und Zeit na filosofía do século XX e na actual.

En euseino.org, consideramos fundamental arriscarnos a facer unha interpretación daquel discurso. Non debido á permanente polémica sobre a relación de Heidegger co nacionalsocialismo, que conta cunha bibliografía abondosa e en aumento, senón para pensar coas nosas forzas e co discernimento propio o que outros tamén pensan co seu. Comparar xeitos de pensar é unha das tarefas da filosofía que desde aquí asumimos na medida das nosas posibilidades e limitacións mais da que non claudicamos. Esa tarefa —a de continuar, a de prolongar a filosofía— é a que pode axudar a non repetir pensamentos coma se se tratase de consignas, a evitar caer no dogmatismo.

Para realizar esta reflexión sobre o chamado “Discurso do reitorado”, Carlos Lema parte neste artigo da edición bilingüe alemá-francesa do discurso de Martin Heidegger, publicada en novembro de 2010 por Éditions Trans-Europ-Repress (T. E. R.), edición que recolle a realizada orixinalmente en 1933 por Verlag Wilh. Gottl. Korn, de Breslau, traducida para o francés por Gérard Granel. As referencias entre paréntese corresponden ás páxinas da antedita edición.

[Siga a ler]

 

Xullo

A táboa do nada

Despois dos artigos sobre A posición nihilista: o nihilismo literario e Heidegger e a posición nihilista, cómpre situarnos nos múltiples sensos do nada. Emmanuel Kant alicerza neles a especificidade da súa filosofía crítica, que o afasta da tradición filosófica anterior, para perfeccionar a filosofía da correlación humano-mundo que continúa a dominar actualmente.

Débese a Kant a imposibilidade do coñecemento do real, isto é, do obxecto tal como é fóra das condicións de posibilidade que lle impón o suxeito (o espazo, o tempo, o entendemento). A imposibilidade de abstraerse desa finitude, leva a Kant a virarlle as costas ao real para atender o estudo das condicións que o suxeito impón a esa realidade. Presuponse así unha correlación entre dous termos —suxeito e mundo— no canto de afirmar a posibilidade dunha relación inmediata co real.

[Siga a ler]

 

Agosto

Vida e representación: sobre un artigo de Adam Thirlwell

No verán, seica a curiosidade pica máis forte, se cadra iso lévanos a lecturas que noutras épocas do ano non nos chamarían tanto a atención. Non se trata de que sexan lecturas de menor importancia senón que o verán lles outorga unha nitidez e unha capacidade de deixar marca que, no inverno, a luz mortecina e o abrigo non fan tan penetrante.

Pasounos así recentemente cun artigo do escritor Adam Thirlwell publicado en The Paris Review co título de “Against Argument”.

Segundo o autor de The Escape, a representación é a corrupción da vida. Thirlwell comeza o seu artigo asistindo a unha obra de teatro na que, á súa vez, se proxecta unha película documental. “O teatro é unha arte que me deprime”, escribe. A peza á que o escritor asiste en Londres é Retourning to Reims, do dramaturgo Thomas Ostermeier. Está baseada no libro Retour à Reims, de Didier Eribon,sociólogo e biógrafo de Michel Foucault. Ostermeier é director da Schaubühne de Berlin e a obra está interpretada por Nina Hoss, actriz de teatro coñecida internacionalmente pola súa intervención na serie Homeland.

[Siga a ler]

 

Helena de Carlos: sobre argumento e verosemellanza

Ademais das súas traducións de Boecio e Tomás Moro, a poeta Helena de Carlos leva moitos anos a realizar un inxente e ben interesante labor de investigación como latinista na Universidade de Santiago. Dentro desas investigacións, publicou o artigo “Dares Frigio y el concepto de la historia en Isidoro de Sevilla”, incluído no libro Poétique de la chronique. L’écriture des textes historiographiques au Moyen Age (Péninsule Ibérique et France) [A. Arizaleta (ed.), Toulouse, Méridiennes, 2008, páxs.11-28]. Dese artigo, en euseino.org interésanos recoller uns pasos nos que a autora se detén a expoñer a relación entre historia, fábula e argumentum.

[Siga a ler]

 

Setembro

Simone de Beauvoir: “A fondura materialista da obra de Faulkner”

“Sanctuary entreábrenos abismos que nos fascinan”

No ano 1960, a pensadora e escritora Simone de Beauvoir publicou La force de l’âge (“A forza da idade”), segundo tomo das súas memorias, obra que comezara dous anos antes co volume Mémoires d’une jeune fille rangée (“Memorias dunha rapaza guiadiña”). Nese segundo volume relata o comezo da súa vida como muller emancipada da tutela familiar, son os mesmos anos nos que abrolla a vocación literaria, cos primeiros intentos de escritura, e nos que se inicia a súa relación con Jean-Paul Sartre. Algunhas das pasaxes máis interesantes destas memorias son as que o Castor, como lle chamaba Sartre (Beauvoir=Beaver. “Vostede é un Castor, dixo. Os castores van en bandada e teñen espírito construtor.”), dedica a comentar as súas lecturas, entre elas as das novidades literarias e filosóficas francesas e estranxeiras. No relato do acontecido no ano 1934, a autora do Segundo sexo fai unha análise interesante das traducións para o francés dos e das máis importantes novelistas do modernismo anglosaxón, especialmente de William Faulkner e, en concreto, de Sanctuary, novela ultimamente de actualidade no noso país por razóns que non é preciso lembrar a quen isto lea.

De seguido, ofrecemos a tradución desa pasaxe de La force de l’âge, que nos parece sumamente ilustrativa da curiosidade intelectual de Simone de Beauvoir e da súa imaxinación interpretativa, que non desbota mesmo o disenso con escritores que, coma Valéry Larbaud, gozaban de gran prestixio naquela altura.

[Siga a ler]

 

Novembro

Beatriz Fraga: sobre Yves Klein e a cor azul

Ampliando a súa indagación arredor da cor azul, Beatriz Fraga propón agora un achegamento á figura e a obra do pintor Yves Klein. Este artigo novo inclúese na serie iniciada con “Teoría do azul” e que a autora de O Rei Portador continuou en “A materia do azul”,  “Azul Parrish” e “O azul morpho, a cor tímbrica das feras“. Todos eles publicados en euseino.org.

[Siga a ler]

 

[Pode acceder ao resto dos artigos en “Arquivo”, na parte inferior desta páxina web. Recomendamos tamén un tipo de consulta diferente, empregando para iso as “Etiquetas” situadas na columna lateral. Grazas pola súa lectura.]

SaveSave

SaveSave

SaveSave

Novidade: “Emerxencia”, de Maurizio Ferraris

Temos a satisfacción de anunciar a publicación de Emerxencia, de Maurizio Ferraris, traducido do italiano por Inma Otero Varela. Euseino? Editores pon nas mans de lectoras e lectores a máis novidosa achega do filósofo italiano, profesor na Universidade de Turín, onde dirixe o Centro Interuniversitario de Ontoloxía Teórica e Aplicada, e autor de títulos coma Dove sei? Ontologia del telefonino (2005, Premio Filosófico Castiglioncello) e Manifesto del nuovo realismo (2012).

Maurizio Ferraris xoga neste libro coa irónica ambigüidade do título: a emerxencia evoca a urxente necesidade da filosofía contemporánea de arranxar as contas coa Realidade; mais emerxencia tamén é a definición do que “emerxe”, de como chegan a existir os individuos e os acontecementos reais. Cunha linguaxe creativa e con argumentos irónicos e concluentes, o filósofo conta unha historia diferente e verdadeiramente revolucionaria. A realidade, e o pensamento que a coñece, proveñen do mundo a través de procesos e explosións, colisións, interaccións, resistencias e alteridades que non deixan de sorprendernos. Do Big Band ás térmites, da Web á responsabilidade moral, todo o que o mundo nos dá (ou sexa, todo aquilo que é) emerxe independentemente do Eu e da súa claustrofobia.

Segundo escribe Roberto Esposito, “Ferraris é o maior intérprete do ‘realismo novo’ “, filosofía para a que “o real non é tanto o que di ‘non’ ás nosas tentativas de manipulación coma o que, máis ben e precisamente por iso, abre outras posibilidades de intervención, indicándonos que cousas se poden facer.” […] “Logo de distinguir entre ontoloxía —a realidade inemendable dos ‘feitos’— e epistemoloxía, é posible recoñecer a súa realización, é dicir, a emerxencia da segunda a partir da primeira. Os valores, malia seren diferentes dos feitos, non son independentes deles senón que é neles onde radican.”

En efecto, Ferraris divide o libro en tres partes: ontoloxía, na que se trata de realidade e verdade, da ética e da falacia transcendental; epistemoloxía, onde se diferencia entre significado pentecostal e significado emerxencial e se salienta a importancia da inscrición; e política, na que se desenvolven as nocións de fariseísmo, Foukant, culturalismo, servidume voluntaria, emancipación e acción exemplar, entre outras.

Consiga o seu exemplar:

Na internet
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)

Nas librerías

SaveSave

SaveSaveSaveSave

SaveSaveSaveSave

SaveSaveSaveSaveSaveSaveSaveSave

Algo que non está

Esta presentación de algo que non está non se confunde, de xeito ningún, coa imitación: un monocromo azul de Klein, un negro de Soulages, tamén é a presentación de algo ausente, simplemente porque é a ausencia de algo presente. En efecto, en tanto que cadro, o monocromo, ese obxecto de tres dimensións, esa tea tensada sobre un bastidor, xa non é un obxecto tridimensional no que valen todas as súas caras senón unha superficie coloreada contemplada en tanto que tal. Ver o monocromo —que non imita nada— non é considerar o cadro como un obxecto cuxo anverso equivale ao seu reverso, por exemplo; non é necesario reparar na sección do cadro senón na súa superficie. Trátase de reducir a dúas dimensións unha cousa de tres dimensións: unha superficie dunha soa cor. O cadro, polo tanto, representa incluso se non se parece a nada (por outra banda, tampouco non é copia dun obxecto do mundo existente) pois auséntase unha dimensión, a terceira, a fin de crear un efecto de superficie. Ao facer que unha dimensión do obxecto se ausente, faise recoñecible a forma pictórica desa obra: ao facer ausentarse unha dimensión espacial do obxecto presente, faise presente algo que está ausente na tea.

Tristan Garcia, Forme et objet, cap. VII, “Représentations”, páxs. 272-273

 

Cadrado vermello. Realismo visual dunha labrega en dúas dimensions, por Kazimir Malevich

 

SaveSave

Beatriz Fraga: sobre Yves Klein e a cor azul

Ampliando a súa indagación arredor da cor azul, Beatriz Fraga propón agora un achegamento á figura e a obra do pintor Yves Klein. Este artigo novo inclúese na serie iniciada con “Teoría do azul” e que a autora de O Rei Portador continuou en “A materia do azul”,  “Azul Parrish” e “O azul morpho, a cor tímbrica das feras“. Todos eles publicados en euseino.org.

♦

 

“O azul Klein, o absoluto visible”, por Beatriz Fraga

Un dos termos máis significativos da reflexión estética de Theodor W. Adorno é a forma como contido social. No Ensaio sobre Wagner, escrito durante o seu exilio londiniense di:

As obras de arte, en tanto que obxectos do espírito, non son algo terminado. Son unha rede de todo tipo de intencións e de forzas posibles, de tendencias internas e dos seus contrarios, de logros e de fracasos necesarios. Obxectivamente, destácanse e perfilan novos aspectos delas, outros, polo contrario, esvaen e morren. Adoptamos unha actitude auténtica ante unha obra de arte, non adaptando, como se di, esta á situación nova senón máis ben descifrando na obra aquilo fronte ao que reaccionamos doutra forma en virtude da historia.

Esta reflexión de Adorno ante a obra de Wagner poderíase extrapolar á obra plástica de Klein.

Yves Klein (1928-1962) foi unha importante figura dentro do movemento neodadaísta e un elemento fundamental da vangarda en Europa despois da Segunda Guerra Mundial. Klein e Les Nouveaux Réalistes pensaban que o artista debería ser un instigador, un creador de estímulos.

O artista naceu nunha familia dedicada á pintura. Fillo do pintor holandes-indonesio afincado en Francia Fred Klein e da pintora francesa Marie Raymond, non recibiu formación artística como tal. Estudou na École Nationale de Languages e na École National de la Marine Marchand. Debido á vida bohemia dos seus pais, Klein criouse cos seus avós en Niza.

Apaixonado polo deporte do judo, chegou a ser cinto negro nesta disciplina, publicando o libro titulado Os fundamentos do judo, logo de estudar no Instituto Kadokan de Toquio desde 1947 ata 1952/53. A negativa da Federación Francesa de convalidar o diploma xaponés frustrou a súa carreira deportiva facendo que se volcase na artística.

 

De como repartir o mundo

Poderíase dicir que todo comeza coma nun conto de fadas. Un día de praia, divagando cos seus amigos Armand Pierre Fernández e Claude Pascal, decidiron “dividir o mundo” entre eles: Arman (creador das denominadas Acumulacións, composicións de obxectos desubicados) adxudicouse a terra; Pascal, o poeta, quedou coas palabras e Klein escolleu o espazo etéreo que rodeaba ambas, o ceo. Poderíase dicir que esa tarde Klein asinou a súa primeira obra, o ceo azul de Niza. Posteriormente o artista descontextualizaría a cor azul do ceo creando unha coloración nova, o International Klein Blue (IKB), cor pola que sería coñecido mundialmente.

A singularidade do IKB non radica no pigmento en si senón no aglutinante da resina sintética na que se suspende a cor, que permite que esta manteña a súa intensidade cromática. Esa resina é un acetato de polivinilo comercializado, no seu momento baixo o nome de RHODOPAS M ou M60A e que se segue vendendo baixo o nome de Medium Adam 25. Aínda que non está rexistrada como patente, esta cor creada por Klein en colaboración con Edouard Adam (un provedor de pinturas artísticas parisino) foi rexistrada no Instituto Nacional da Propiedade Industrial de Francia (INPI), no que se inscribiu a fórmula baixo o nome de International Klein Blue (IKB).

Pero, ademais do azul, as obras de Klein están tinguidas doutras cores. O dourado, que aparece nas súas obras como material precioso e simbólico, atopa a súa máxima expresión nos Monogolds, ou paneis rectangulares con follas de ouro resplandecentes. O azul, o rosa e o dourado, tres cores que se unen nas denominadas pinturas de lume, nas que os cartóns, ou lenzos, son modificados a partir da combustión ignífuga. Os soportes pictóricos, mollados con auga e queimados posteriormente para crear ¨trazos”, combínanse en ocasións coas antropometrías.

 

De como prevaleceu o azul

Segundo se pregunta o propio pintor:

¿Como cheguei a esta época azul? Porque antes diso presentei na Galería de Colette Allendry, en 1956 e en 1955 (no Clube de Solitarios) unha vintena de superficies monocromas, de distintas cores, verde, vermello, amarelo, violeta, azul, laranxa […]. Trataba de mostrar a cor e na inauguración deime de conta de que o público, en presenza de todas esas superficies de distintas cores que colgaban dos muros e prisioneiro dos seus hábitos ópticos, reconstruía os elementos dunha policromía decorativa… Na miña opinión, as cores opostas nunha mesma tea forzan a quen as contempla non a entrar na sensibilidade, na dominante, na intención pictórica, senón que o forzan a ver o espectáculo do combate destas dúas cores, ou o dun completo entendemento entre elas. É unha situación psicolóxica, sentimental, emocional, que perpetúa unha especie de reino da crueldade.

 

Os homes azuis e as antropometrías

A comezos da década de 1970, pouco antes da morte prematura do artista, Klein propúxose facer un retrato colectivo dos seus amigos e compañeiros. Unha obra en relevo (realizada con moldes de xeso) cuberta polo International Klein Blue sobre un fondo de ouro a tamaño natural que lembra as estatuas imperiais romanas.

A arte corporal xurdiu co grupo Fluxus en 1958 nos Estados Unidos e espallouse por todo o mundo a partir do Fluxus Festival celebrado en 1963, proclamándose como un movemento artístico sociolóxico que dilúe a arte no cotián.

Klein, preocupado por rachar con toda forma de expresionismo, rexeita o uso do pincel, instrumento que el consideraba excesivamente psicolóxico, e emprega rolos para pintar, instrumento que consideraba máis “anónimo” e que lle permitía manter unha distancia entre el e os seus lenzos. Pero, de 1958 a 1960, foi máis alá, empregando unha técnica na que modelos actuaban a modo de pinceaux vivants (pinceis viventes). Baixo a súa dirección e instruccións, as modelos, impregnadas de pintura, deixaban as súas “pegadas” no lenzo. Estas son as denominadas Antropometrías (Anthropométries), tal e como as bautizou o seu amigo e crítico Pierre Restany.

Un deses acontecementos performáticos tivo lugar na Galerie Internationale d’Art Contemporain de París o 9 de marzo de 1960. Mentres os músicos interpretaban a Sinfonía monótona silencio, peza musical composta por Klein que, cun acorde único sostido durante vinte minutos seguido de vinte minutos de silencio meditativo, simboliza o ton emitido polo ceo azul e branco e o baleiro que enfatiza a harmonía universal. O artista, vestido de smoking, dirixía as accións de tres modelos espidas que botaban por riba do corpo a pintura e posteriormente estampaban as súas siluetas nun lenzo branco situado no chan.

Na Grande antropometría azul (ANT 105), as formas corpóreas das figuras son ilexibles e os movementos quedan plasmados como manchas de pintura.

 

Deusas en azul

Coñecida como A victoria de Samotracia, ou Niké de Samotracia, esa escultura helenística foi reintrepretada e tinguida por Klein coa cor que leva o seu nome. A escultura, un baleirado de 51 centímetros, está feita con resina sintética. En Venus Blue (1960), Klein aplicou a un xeso da Venus de Milo o seu monocromo azul, establecendo así unha relación entre o cosmos e a forma humana:

En 1946, eu pintaba xa fose baixo a influencia do meu pai, pintor figurativo, paisaxes con cabalos ou escenas de praia; xa baixo a influencia da miña nai, pintora abstracta, composicións de formas e cores. Nesa mesma época, a “cor”, o espazo sensible puro, apreixaba o meu ollo de maneira irregular pero obstinada. Esa sensación de liberdade total do espazo sensible puro exercía sobre min tal poder de atracción que eu pintaba superficies monocromas para ver cos meus propios ollos iso de absoluto que ten o visible. Daquela, non consideraba eses intentos como unha posibilidade pictórica, ata que un día, un ano despois, dixen para min: “¿Por que non? Na vida do ser humano, o por que non decídeo todo, é o destino, o sinal que para o creador incipiente indica que o arquetipo dun novo estado de cousas está listo, que xa madurou, que pode emerxer no mundo.